a propósito de HORTENSIA, de Medos Romero, en Medulia

Porxmeyre

22/01/2021

MATER AMANTISSIMA

Título.: Hortensia

Autora: Medos Romero

Editorial: Medulia

Recoñecer e agradecer o amor dunha nai, é un deber filial inexcusábel. Facelo empregando a literatura, neste caso a poesía, xa é un don non asequíbel a calquera. En todo caso a emotividade despois da perda dunha nai ten deixado exercicios poéticos moi interesantes, por sinal aínda lembramos o poemario de Eva Veiga A frecha azul do teixo, dito sexa por sinal e sen querermos excursionar fóra da poesía actual, que ben se podería, mais a finalidade é dar conta do poemario de Medos Romero.

            A finalidade é dar conta do presente poemario de Medos Romero, o segundo que dela viu a luz no 2020, canda Peixes que esvaraban ao unísono, vencedor no Illas Sisargas de Poesía Erótica e do cal xa escribimos nestas páxinas. E, con tal finalidade, quero facer unha reflexión inicial, pois a nai, máis que como dadora de vida, que xa é o primeiro recoñecemento, é vista como símbolo de unión a unha Terra, a un país, a unha cultura, aínda que esas nais non foran moi letradas (a miúdo, todo o contrario) souberon inculcar o amor polo propio, antes diríase que o amor polos usos e costumes do que viña sendo a patria, hoxe, con toda razón, hai que chamarlle Matria. Amor e, tamén neste caso rebeldía. Rebeldía, un concepto de extarordinario valor cando se é consciente da pertenza a unha Terra escravizada e colonizada por outros. Como di Medos: “Galicia, este cadaval enmourecido e fumeante /como un territorio de guerra na intemperie da noite./ Galicia, unha ruína de fume e chousas./ Galicia, severamente castigada, /severamente desmemoriada,/severamente sometida” (27). A rebeldía sempre é importante, porque sen ela ben se pode dicir que non existe progreso. Mais se esa rebeldía é herdo ou transmisión da nai resulta máis importante, a meu ver, pois tal rebledía xa é unha cadea de posicionamento ante a vida, o cal ten non ten prezo.

O poemario iníase cun texto reflexivo e moi emotivo onde se fala da soidade, da espiritualidade e firmeza da pedra e tamén de árbores, eses símbolos que tamén se poden estender á palabra, en todo caso trátase dun texto no cal se procura refuxio na soidade extrema dun “animal profundamente ferido” (11). E segue o poema que leva o nome da nai e do libro, “Hortensia”, un longo poema evocativo, tan longo como o amor da filla/poeta. “Toda ela, sinxela, limpa, amábel, protectora, /  a que nos acollía sen medida e sen reclamo. / Iso era a liberdade: sentirnos libres de verdade, donos de nós. / E agora xa non cruzas os prados co teu mantelo anoado” (13) A nai como símbolo, como elo de unión coa terra, esa primeira xeografía emotiva pola que camiñamos e na cal nos sentimos acollidos. “Mans de terra e terra firme eras” (14). A Terra/terra, tan importante como o sangue herdado. Parir terra mesturada con sangue ( 14) E nacín así, muller coma ti, rebelde ,/ desgraciada, íntegra sempre, entregada sen medida. (14) Son de ti, nai, campesiña (15) Ese elo de unión coa terra, ese recoñecemento como campesiña lévaa a evocar a vida e os traballos propios no campo, mais esa lembranza e afirmamento consciente non evitan a dor inmensa. Regrésame, nai. Regrésame e páreme de novo, / para que eu aprenda a amarme íntegra e capaz por primeira vez / e poida ser aínda rotundamente feliz (17). Porque o poema é en si unha bela demostración de amor, amor á nai, amor á Terra/terra, amor á vida; unha bela demostración de amor e dolor, de paixón e dolor. Morrerasme sempre, meu amor. / Morrerasme sempre… (18)

            Segue outro poema como segue a fonda emotividade da perda, e a visión/voz poética proxéctase sobre xeografías familiares, interiorizadas, natureza en estado puro, humilde (non é a Amazonia) mais rotunda. Son barro firme, un tombelo, unha soa dureza encrustada (19) da cal se denuncia a desnaturalización. Este país convertido nun inmenso eucaliptal (20) E o abandono. Todo é unha bouza de difícil acceso (21). E xorde a presenza/ausencia do pai. Hai un corazón ao lonxe, verde e tépedo. / E aí naceu meu pai (19). De quen tamén se recolle herdanza dun mundo que marchou, poerén un mundo natural que resultaba máis humano (inevitábel comparanza co mundo de cemento urbanita). A túa fala como un símbolo ergueito de toda a dignidade (21). Outro elo de unión/comuñón coa Terra/terra, coa Historia, coa Cultura, coa Vida. Humilde, vivo, único, firmemente inmaduro e feble. / Simplemente iso, unha criatura mortal (23). Triste cosntatación da finitude humana, mais tamén valoroso recoñecemento de amor filial e do valor como transmisor do amor pola Terra, dunha herdanza que é unha posición fronte á vida, unha posición na vida.

            Segue outro longo poema onde se reflexiona sobre a vida sen eles, sobre a vida que nos queda e na cal temos que loitar. Tanta vida acurralada, tanta soidade inexplicábel, / tanta desolación! (24). Onde todo é memoria de nós (25). Desta terra amábel e vizosa somos, / hoxe un cadaval amplo como un país enteiro,/  que se ergue tolleito, denegrido, salvaxe e cinzento, / tremendamente violentado (25) Auga, auga fresca para un país que se afunde (26). Esa necesidade para unha matria/patria asasinada polo fatal desamor dos que non saben amar esta terra / de xeito contundente (26). Este é un poema de amor filial, xa vimos, de amor ao pai, mais tamén  é unha denuncia da dor e non só da dor pola perda dun ser amado, é tamén a denuncia dun País que camiña cara á ruína, unha traxedia tras outra. E aínda que xurda poderosa  voz da xenreira (fasme sufrir tanto! (27)) finalmente xa o dixera o poeta de “Penélope”, “Galicia, sempre como un manso animal que non se rebela nunca, / feble criatura solitaria entre tépedas néboas” (27). E o poema, que era un poema de amor filial remata sendo un poema de amor filiar á nai Galicia, cun precioso e emotivo remate, despois do cal vén ourro poema de afirmación na estirpe, e, dentro da estirpe, da pertenza a un colectivo, o  feminimo, que necesita ser reivindicado e que se propón como medio de cambiar o mundo. Somos  mullerres coma vós, mulleres que mudaremos o mundo (31). E a un, que le este enorme exercicio de amor á nai, ao pai tamén, á Terra, ao País, quédalle esa esperanza que se desprende das palabras de Medos Romero. Que as mulleres, por fin, cambien o mundo. Hai aínda outros dous poemas, de afirmación na condicón feminina, que tampoco deixa de ser un poema denunciador. Fica a cicatriz por sempre como única palabra. / Quen nomea o noso sexo, quen?/ Quen de vós é capaz de atreverse a descifralo, a precisalo?/ Quen é cpaz de dicir nada, nada?. Dicídeme qun? “ (33). E finaliza o libro con outro poema no que se evoca a figura paterna, se denuncia o abandono, a ruína da Terra/terra, da identidade da tribo e a firmeza nos principios da niña dignidade. (36)

Para concluir, un, que le, sente especial emotividade pola dor da perda da poeta. Dor pola perda da nai, Dor pola perda do pai, Dor pola perda da Terra, do País. E a un, que le, atínxeo especialmente a firmeza, a dignidade dunha voz poética que non só recoñece o seu amor de filla senón que tamén proclama a firmeza na dignidade que como muller, e como galega, posúe e da que fai gala.

Cantas voces poeticas como a de Medos Romero necesitamos! Medos Romero, poeta humilde, imprescindíbel, que pouco se fala dela!

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content