TRES POEMAS ESCOLLIDOS DE MARILAR ALEIXANDRE

Porxmeyre

14/06/2018

 

De CATÁLOGO DE VELENOS

DERROTAS DOMÉTICAS

debeu ser moi difícil

degolar as anguías

sen cortar os dedos

arrandearte para que non te cubrisen

as escamas do ollomol

liscar do nó corredío das sabas

 

nas noites opacas

que batallas contra os garavanzos

medrando disformes na auga        que absurda tarefa

escoller lentellas de arroz

que impotencia

cando o leite fervido vai por fóra

inevitablemente

 

e se o batifondo das tixolas

non che deixaba oír a música

se o te francés e alemán

eran inútiles contra a graxa nos fogóns

se os tubos de auga berran coma nenos

ou gaivotas        e as patacas se pegan

no fondo da tarteira

 

nai

como é que estás sorrindo nas fotos?

De ABECEDARIO DAS ÁRBORES

O CE

ollo coas acacias

con c de coitelo

compás de catro por catro

acorde de rock

 

máscaras de entroido

esconden o gume das súas follas

nun estoupido de lámpadas amarelas

 

unha acacia ou mimosa nun entroido

hai anos

partiume a lingua en dous

De MUDANZAS

EN AUSENCIA DE VOZ

no medio dos seus venerábeis cabelos brancos

escintilaba un de púrpura

OVIDIO, Metamorfoses, VIII, 8-1O

 

na cabeleira azul envurullastes o ceo

a través dela supuraban as estrelas

 

en ausencia da voz

os cabelos foron palabras

arrincando a crina púrpura destes a vitoria a Minos

no golfo de Corinto

 

tamén os vencedores falaron a lingua do cabelo

das vencidas raparon a cabeza

en Ilión hai tres mil anos ou en Asturias no sesenta

e tres

a Constantina e Anita Braña

 

escrito cabelo a cabelo

vermello foi o crinado de Ocírroe

a filla do centauro

roxo o da loura Minerva non tocado por mans

de varón

negro o das Furias que peiteaban do cabelo serpes

e non houbo cabeleira máis admirábel

que a de Medusa

para volver levando no oco da man

o que noutro tempo foi

unha bagulla

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content