surtir, surtida, surto…

Porxmeyre

29/08/2020

Onte Xurxo Souto reclamaba unha actualización do dicionario da RAG nas páxinas de Nós Diario.

Hoxe, Marta Dacosta faise eco desa urxente necesidade e recunca no tema.

Hoxe tamén, Carlos Garrido escribe tamén en Nós Diario sobre surto e a invención de gromo, para utilizar no lugar de brote. Ben, a min gromo sempre me pareceu unha pura tradución de brote. Unha mala tradución porque está fóra de lugar. Segundo Carlos Garrido, Manuel González seica foi quen inventou o invento e deu dúas razóns para iso. 1) que surto non se documenta nos falares galegos nin nas obras neles baseadas. Sendo surto un neoloxismo, esa afirmación non se ten de pé. E 2) en segundo lugar bota man de xurdir, como resultado popular de surgire (así o entendín eu).

Pois ben, nestas eu teño que dicir que SURTIR existe na fala como verbo co significado de saír ao encontro de alguén. Usábao a miña avoa, úsao miña nai e úsoo eu. Á vez tamén existe na fala o participio usado como substantivo: SURTIDA. Dálle unha surtida a teu pai, que vén da chousa, por sinal ( xa vou cansando do “exemplo”).

Partindo disto, e se necesitamos crear un neoloxismo, O LÓXICO é acudir a surtir, sen necesidade de traducir o castelán brote. Alén de que surto xa existe en portugués coa acepción a que nos estamos referindo…

Ah, vaia, mais (óllese que eu sempre trato de evitar pero) é que no dicionario da RAG, polo menos no dicionario en liña, nin aparece surtir nin tampouco surtida… Curiosamente si aparece no Estraviz como sortir

Porque, como temos denunciado ben veces, o dicionario en liña da RAG só é útil para cuestións ortográficas, para pouco máis serve alén de comprobar algún significado de palabra descoñecida. Poucas, porque é moi limitado. Polo que eu sei contén a redor dun terzo só do dicionario completo da RAG. É urxente amplialo, revisalo, actualizalo…porque se imos e miramos cuestións gramaticais (por exemplo verbais) xa a mesma nomenclatura avisa dunha desactualización abraiante, mesmo vergoñenta a estas alturas, e absolutamente desaconsellábel, por sinal, no eido do ensino…

E o peor é que hai moit@s alumn@s que botan man del por ser unha ferramenta que está moi a man é é de doado uso. E tamén moit@s escritoras e escritores. Non é de estrañar o empobrecemento léxico, o dicionario en liña da RAG contribúe grandemente. Por non falar do mantemento da nomenclatura castelanizante das formas verbais…

Por certo, e xa par acabar. Antes falei de surgire como étimo de xurdir. Pois ben, surtir ten etimoloxía en sortire, que eu saiba.

Cómpre dicilo máis ALTO?

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido