HOMENAXE A ALFONSO PEXEGUEIRO
Título: Viaxe á illa das mulleres loucas
Autor: Alfonso Pexegueiro e VV.AA:
Edita: Concello de Ponteareas
Se a min me encargaran idear unha homenaxe a Alfonso Pexegeuiro partindo dunha das súas obras como foco central, tería que pensalo moito. Pexegeuiro é un autor, un poeta fundamental na historia da literatura galega, non só pola revelación-revolución que significou Seraogna, hai outras obras, outros títulos que tamén son importantísimos nesa súa procura da beleza verbal poética. Por exemplo este escollido polo Concello de Ponteareas para homenaxear un veciño seu, humilde creador poético que, partindo do mesmo Concello de Ponteareas (Seraogna é a nativa Angoares) acadou as máis altas cotas literarias, e, con iso, elevou o nome de Ponteareas á inmortalidade. Precisamente iso é algo no que non reparan a inmensa maioría dos concellos galegos e si entendeu moi ben Ponteareas. Oxalá homenaxes así se reproduciran exponencialmente por toda a nosa xeografía. É xusto e é necesario.
Primeiramente déixenme que lles explique a autoría deste volume. Partindo da obra (e autoría) centrral de Alfonso Pexegueiro, a esta homenaxe centralizada en A illa das mulleres loucas (mais que contén referencias a outras obras súas e á escirta en xeral) contribúen un significativo número de autores que coa súa voz/palabra se suman e protagonizan a homenaxe a Alfonso Pexegueiro. Entre eles Fernando Groba (Concelleiro de Cultura e Lingua de Ponteareas), o chinés Son Yong (tradutor), Isolina Fernández (lembranzas dun Pexeguiro cando cativo), Clodio González Pérez, o suplemento “Los domingos de La Voz, dedicado ao autor, 7 de marzo de 199, Mario Regueira, Mercedes Pascual, Helen Lane, Darío Xohán Cabana, modestamente quen escribe isto, Antón F. Escuredo, Jorge Lamas, Manuel Villar Villaverde, Camilo Franco, Freixanes, al-Kufi e Zuahir Kelkaghi, al-Diwani e Waad Merhei, al-Nasj, un anónimo do blog “Fragmentos del Apocalipsis”, Vanesa Oliveira, Roi Vidal Ponte e Antón Patiño (Agardamos ter lido correctamente os nomes, que na reprodución fotográfica non son doados de descifrar a alguén cos meus déficits visuais). Isto só referido a autorías que empregan a palabra, que actúan como un coro grego a redor da figura de Alfonso Pexegueiro. E ademais da escrita do propio Pexegueiro, centrada en A illa da mulleres loucas, mais que tamén percorre outros vieiros.
Na parte gráfica, moi importante no libro, ademais de fotografías achegadas polo propio Alfonso Pexegueiro, atopamos xa a Antón Lamazares como autor da ilustración da cuberta, a Xaime Asensi, a Guillermo Alonso Monroy, Ana Corbillón, Pablo González, Lois López Rico, Carlos Crego, Amando González, Antón Patiño, Xavier Costa, Carlos Crego e José Freixanes entre as autorías gráficas identificadas. Pois parte delas non identifican autoría. Porén, isto non quita para que os aspecto visual sexa de tremenda importancia. Éo, no referido a fotografías ou ilustracións, porque estas permiten e provocan a ensoñación de quen le (e antes leu a poesía de Pexegueiro, sobre todo), e este non é un dato menor cando estamos a falar dun autor que, na súa poesía, xoga moito coa capacidade lectora para trascender o significado denotativo e inducirnos en conotacións que indubidabelmente arriquecen o texto. Isto, hoxe é bastante común na poesía actual e tamén o foi (dunha ou doutra maneira) no pasado, mais hai que ter en conta que estamos a falar dun “precursor”. A fin de contas, Seraogna, veu significar isto na nosa historia literaria, non se esquezxa que viñamos dunha poesía, a poesía cívica, que propoñía todo o contrario. Evidentemente hai máis títulos nesta ruptura, e máis autores; porén imos deixalo aí, todos sabemos quen son e nada debe desviarnos a atención do homenaxeado nesta ocasión.
Ben, intimamente ligadada á parte gráfica, irrompe con moitísima forza a audiovisual. Porque o libro vai acompñado dun DVD onde, ademais de diversas entrevistas a Alfonso Pexegueiro ( que teñen un interese propio indiscutíbel) tamén se inclúe o espectáculo teatral a que deu lugar A illa das mulleres loucas. Un espectáculo único, permítasenos dicir, toda vez que este tipo de espectáculos poético-teatrais, non son precisamente habituais, nin son nin foron. Un espectáculo que, sobre todo para os que non tivemos a fortuna de velo ao vivo, é unha auténtica regalía. Unha auténtica regalía que nos permite á vez seguir o desenvolvemento teatral e a lectura dos textos seleccionados a tal efecto -e, por se fora pouco, no libro inclúense tamén os non seleccionados e presentes no poemario de referencia.
Neste espectáculo, ademais do mesmo Alfonso Pexegueiro, participan as actrices Vanesa Soutelo e María Caparrini, que están espléndidas na escenificación dos textos de Pexegueiro, todo un desafío interpretativo do cal saen con matrícula ambas. Quico Comesana e Anxo Pintos poñen a música, outro pear de extrema importancia no espectáculo; Quico e Anxo, dous nomes que non cómpre presentar porque o seu traballo é de sobra coñecido e admirado. Finalmente, Baltasar Patiño obsequiou a Pexegueiro e obséquianos a nós como espectadores, cun deseño de luces que pon o colmo a un espectáculo poético teatral absolutamente marabilloso.
E, evidentemente, no libro pódese ler o guión poético, pódese ler a poesía de Alfonso Pexegueiro, que, para quen ame a poesía resulta un regalo dos deuses. Para os que xa coñeciamos A illa das mulleres loucas, e tamén para os que a partir desta publicación accedan a ela. Nin que dicir ten que esta publicación resulta tamén de moito interese para coñecer a intrahistoria de como se elaborou o texto poético que no seu día apareceu publicado en edición bilingüe, galego e catalán, en 1984 ( e en castelán en 1986) e que Galaxia recuperou en galego no 2004.
Viaxe á illa das mulleres loucas, deste xeito convértese nunha publicación que ten un interese poliédrico. Ten interese desde o punto de vista literario, estritamente literario, ao permitirnos revisitar un poemario extraordinario, non só o texto senón que tamén vai acompañado do espectáculo poético teatral, un espectáculo magnífico, ademais. Ten interese, por razóns obvias, para os amantes do audiovisual. Ten interese, xa foi dito, tamén para a crítica e historiografía da nosa poesía. Ten interese tamén como libro obxecto porque visualmente resulta dunha beleza moi grande e está impreso con moita calidade ademais de contar con ilustracións (xa foi tratado) belísimas. E ten interese tamén por constituír unha merecedísima homenaxe a un autor trascendental na historia da nosa poesía -por ficar no eido literario, que o seu labor foi máis alá da poesía, sendo membro fundador da AELG, verbi gratia.
Só nos resta desexar que cunda o exemplo desta Viaxe á illa das muleres loucas.
ASDO.: Xosé M. Eyré