segundo loito, agora polo Pepe da Marilú

Porxmeyre

17/02/2020

Doito escribir sobre aquelas persoas que para min foron referentes vitais, sexan familia ou non. Neste caso si. Os dous son os maridos das dúas afilladas da miña nai. Xente moi próxima.

No caso do Pepe da Marilú, a quen demos terra o sábado, e eu quedei tan canso que até hoxe non puiden escribir, sempre foi home de poucas palabras, falaba moi pouco, só se lle preguntabas algo. Porén o seu sorriso era eterno. Nunca o vin qu enon sorrira. Nunca o visitei que non me abrira as portas da casa de maneira total. ” A Marilú non che está (,ou está traballando), ti entra e colle o que precises”. Porque o Pepe era un home todo bondade, todo o que tivera compartíao mesmo a risco de ficar sen el, ou sen a súa parte.

Vánseme indo estes referentes vitais e váiseme asomando un abismo que me dá medo…

O caso do Antonio da Marité é moi difertente. Convivivmos moito. Vivimos moito tempo na mesma parroquia. E, despois da emigración en Inglaterra, cando traballaba na madeira, rara era a semana que non nos visitara varios días á hora da cea. Gorentáballe especialmente o caldo que facía a miña avoa Xesusa, e mandábase un prato ou dous “por acompañarnos”. Tamén era un home especialmente alegre. Xa teño dito que non lembro conversar con el sen acabar sorrindo ou rindo por moi soturno que estivara ao principio. Sentía por el un afecto especial, era curmán político mais o de político nunca llo tiven en conta. Era un máis da familia. E nas súas matanzas teñi vivido momentos memorábeis.

Vánseme indo os referentes vitais e váiseme amosando un abismo que me dá medo… porque nin eu, nin os meus curmáns, estamos á altura deles ou dos meus tíos. Levo pendsado moito como esta xente, que viviu a guerra e/ou a postguerra, podía ter semellante alegría. Ir a Riopedroso ou a Paderne tanto daba, sabía qu eme ían recibir con alegría, non só pola estimanza en que tiñan a miña familia, senón porque eles eran así, celebraban cada día co mellor humor posíbel, sempre atopaban a maneira de facer dese día algo especial…E iso, nós, os “novos”, por moitos recortes que colleramos, aínda que as cousas se nos foron pegando, esa actitude vital, xa non é o mesmo…e síntome perdido.

Porxmeyre

4 comentarios en “segundo loito, agora polo Pepe da Marilú”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido