especulación a redor do ÁLBUM DA CUARTA DIMENSIÓN, de Carlos Lema

Porxmeyre

11/09/2020

Título: Album da cuarta dimensión

Autor: Carlos Lema

Editorial: Chan da Pólvora

Esta non vai ser unha crítica ao uso, como as que veño facendo, aínda que ultimamente non sigo unha estratexia definida cando se trata de poesía.

Así que, en realidade, esta é a crónica dunha lectura.

HOMENAXE CASA´

O poemario comeza con oito poemas escritos como homenaxe a Marta e Berta Paula González de Lema Malvar, e un a Xosé Monteagudo, a Xan Atanes (in memoriam), a Inma Otero e a Susana Roca (in memoriam). Desde o meu punto de vista é moi significativo que Carlos Lema sitúe precisamente no inicio estes poemas. Moitas veces van no remate, ou ciscados polo poemario, mais aquí están no inicio. E estes poemas teñen que ver co mundo dos afectos, dos afectos fondos, esa certidume. Certidume, palabra, concepto que vai ser moi importante no poemario, moito máis se vai ligada aos afectos, outra palabra importante, vital, porque a certidume dos afectos é o máis importante a que podemos aspirar nesta vida. E precisamente sobre o estado en que a vida nos deixou despois de tantos anos de vida/loita, vaise poetar neste libro de poesía madura, de poesía da madurez.

                     É a casa, o útero, o lugar de saída, o amparo nas adversidades e inclemencias, o refuxio, a seguranza, o descanso, a intimidade, mais tamén

A casa vira inútil                            ,

inzada de feblezas,

incomprendida pola intelixencia (9)

                     tamén a casa é lugar que produce ou no que se produce o  desasosego íntimo. E ímonos introducindo no clima que predominará no poemario.

                     Mais volvamos á casa, que xa aparece no primeiro poema e recunca despois porque é un concepto clave ao longo do poemario. Aínda que desasosegue, que enlode o ánimo, que vexamos como lugar onde repousan refugallos de pasado ou

 resquicios do inútil  (10)

as vedrañas deturpacións do vivido (15)

aqueles corpúsculos

dun nada vivente (17)

                     A casa tamén é lugar onde se reflicte a descomposición, sinal e testemuño do paso to tempo. Importante isto, porque nos sitúa outra volta: se o útero, o amparo nas adversidades e inclemencias, o refuxio, a seguranza…está así…de que maneira poderá senirse a voz poética? Hai que ler o poemario desde este punto de partida, un poemario que nestes poemas en homenaxe deixa algúns dos mellores textos do libro, ou máis sentidos. Sentidos. Deteñámonos tamén nesta palabra, importante, o sentir, o sentimento, iso que nos move e move o mundo. Porque o que imos ler despois abala entre a reflexión e o sentimento, fusinándoos na cuarta dimensión.

                     A cuarta dimensión: o poema.

                     A cuarta dimensión: o poema, a casa da palabra

                     A cuarta dimensión: o poema, a casa da palabra, o resultado do tempo.

                     O resultado do tempo. Velaí o tempo mensurábel, Chronos. Velaí o tempo como eternidade, Aión. Velaí o tempo como ocasión, Kairós

                     Esta é a cuarta dimensión. O poema. A palabra.

                     Esta é unha primeira conxectura, mais incompleta. De momento dixarémolo aí, despois contianurémola, porque, claro, quen non se preguntas cales son as outras tres dimensións? Posibilidades hai como herba nun prado.

ÁLBUM  do ÁLBUM DA CUARTA DIMENSIÓN

                     Se o poemario é un “álbum”, ese conxunto de poemas estruturado en tres partes (da primeira vimos de escribir), a nosa lectura tamén a concebimos como outro “álbum”, neste caso un “álbum” que contén aqueles versos, aquelas ideas, aquelas estrofas que nos mereceron destaque e fiarán a nosa lectura.

Ese monstro

chamado artista (30)

                     Velaí os dous prieiros versos do álbum, a certificar que o poemario non se pode ler sen ter en conta A montuosidade moderna, o último traballo da Carlos Lema e onde se chega á conclusión aquí explicitada, onde @ artista/creador(ra) é considerado como monstro debido á capacidade para alterar/modificar a percepción do real, do mundo. Non se perda de vista isto, mais non se esqueza que estamos na cuarta dimensión. A poesía.

as historias inacabadas

ou experiecias

táctiles da memoria   (33)

                     Seguimos na casa, sempre teremos esa sensación de poemario construído no medio da decadencia (que o paso do tempo fai inexorábel).

                     Alto. Un momento. Poesía. Decadencia. Como para deternos un chisco e meditar. Un aviso?

                     onde se escenifican as “historias inacabas”. Historias, o pasado materializado (na decadencia) é un mundo de historias. (Na decadencia), o que queda, o que aínda sobrevive, esas “experiencias táctiles da MEMORIA”. Salientamos a palabra memoria, explicitamente é a primeira vez que aparece, mais estará presente ao longo de todo o poemario

Nada desiste do vivido  (35)

                     porque é imposíbel. É imposíbel entender o ser humano se non ten memoria. Sexa esta un proceso interno afectivo-reflexivo propio, ou veña desencadeada pola contemplación (da decadencia) do externo.

O mito do abismo (36)

                     Á voz poética, nestas condicións, parece que lle é propia ou natural sentirse perdida. O sentimento de perda, de confusión, de non saber ou non ter seguranza de que camiño tomar. E esa sensación parécese á do “mito do abismo” porque non deixa de producir medo, temor. A vida é un constante fluír, e non sempre estamos preparados para saber que vén a continuación igual ca no abismo non albiscamos o fondo. Porén, non esquezamos, é un “mito”

A difícil iluminación do apagado,

do que arde sen luz mais alumea  (36)

                     porque en realidade sempre temos aí o testemuño, a memoria materializada no que queda, iso “que arde sen luz mais alumea”

A cousa concreta dun apalparse sen voz (37)

                     e no que nos recoñecemos ou recoñecemos parte do noso pasado, parte de nós, parte de nós que apela ao recoñecemento táctil, esoutra maneira de recoñer sen ter que mirar, sen ter que oír, porque

¿Como se aprende a mirar

se o íntimo inunda sempre

as acuosas cristaleiras do mundo? (40)

                     nunca estamos libres da emoción. Igual que non podemos entendernos sen memoria, tampouco podemos imaxinarnos desprivistos de emoción. Emoción, esa resposta (ás veces mediata e pouco reflexiva) ao mundo de fóra. Mais é precisamente esa mesma emoción a que cega a nosa visión, as bágoas non deixan ver con clareza.

                     O peomario imos vendo que camiña entre a reflexión e a emoción, emparelladas, de mans dadas. Iso confírmanolo a seguinte estrofa

Esclarecer o mundo, desdebuxalo

con palabras, incita  a unha especie

de tortura da alma, un excitante

tumulto violento, a rebelión

dos pobres espíritos, a derradeira

mostra de orixinalidade (41)

                     na que aparecen conceptos de absoluto interese. A saber. “Esclarecer o mundo”, misión tanto do poeta como do filósofo como de calquera persoa de a pé. Mais aquí “as palabras desdebuxan ese mundo”. É vella xa, sen saírmos da poesía contemporánea (porque se pode facer en moitísima amplitude), a idea da imposibilidade da palabra para transmitir, pois entre as súas limitacións e o amplo espectro de sentimentalidade (ou reflevidade) que o mundo provoca…non se pode facer raro que a voz  poética sinta a situación como unha “tortura”. (Tamén paga a pena deternos un chisco, iso non é nada novo, mais, que lembremos, é a primeira vez quea palabra tortura sae á escena deste teatro-monólogo-corrente conciencia). É unha situación violenta que vén dada pola rebelión “dos pobres espíritos”. A mesma realidade que, aínda que deformada polo paso do tempo, teima en estar aí, teima en impoñernos a súa persencia e a súa historia, “a derradeira mostra de orixinalidade”. Raro que alguén a estas alturas fale de orixinalidade. Mais é certo, o paso do tempo produce efectos distintos en cousas/materia igual ou semellante, materia igual ou semellante que se nega a desaparecer, que resiste.

As horas non existen, frústrase o pasado.

Non hai follas chocas, o pulso xa non arrinca a vida (43)

                     Volvemos. É un dicir. A voz poética e ese sentimento de perda no tempo, de desorientación, de confusión, de desasosego.

o límite da finitude obtusa da razón (46)

                     Tanto desde a óptica sentimental como desde a óptica racional. Un mundo racional que se ve insuficiente para explicar a situación porque a razón ten finitude. Importante. A razón non é unha posibilidade infinita. E volvemos ao poema, á poesía. Porqeu quizá a poesía é a única posibilidade

a busca íntima dun the end ( 46)

                     de atoparmos un fial, un remate, porque sentimos a necesidade moi adentro de deixar cousas atrás, finalizadas, e proseguir o camiño. O camiño

Cando procuras iridiscencias, ou lapas

para dar luz ao horizonte, asubías

coas mans nos petos

a última canción triste (48)

                     no que procuremos avanzar. Alto. Outro concepto importante. Avanzar. A voz poética rebélase. Sexa como for, avanzar é imprescindíbel ou tamén nós seremos fantasmas, espíritos, no cadro escénico.

Monstros e guerreiros debrúzanse

nunha selva inicua ocultando

os ladridos podres do tempo   (53)

Monstros e guerreiros. Xa sabemos quen son os monstros. De aí partimos. Agora eses monstros asimílanse aos “guerreiros” nesta loita contra o tempo, contra “os ladridos podres do tempo”. Xa mentamos a rebelión, é iportante agora este concepto de “guerra”, porque tampouco é moi común.

Non buscamos incluír o inaudito

na absurda substancia das conversas (55)

                     Necsidade de atopar un remate ás cousas. Rebelión. Guerra. Avanzar. O inaudito. O que realmente é novo. A absurda substancia das conversas que precisamente negan todo o anterior, que se repoducen na súa inutilidade, na súa esterilidade.

 (…) Inhabil para apagar

as eivas todas da vida queimadas nun incendio (56)

                     Necesidade atopar un remate as cousas, mais consciente da súa imposibilidade. E o desasosego, outra volta o desosego.

respondía inesperadamente

mediante estratexias de estilo (57).

                     Non deixa de ser curioso, o monstro, o creador, a el, poco lle serven as estratexias de estilo, as estratexias formais. Porén, esoutro monstro, o tempo, si  se manifesta mediante estratexias de estilo, a erosión nunca repite dous resultados idénticos malia ser sempre erosión.

A desesperación do artista perante

a grandeza das ruínas antigas.

A notación musical de caricias e lamentos (59)

                     Deica agora chameille desasosego. A voz poética vai máis adiante, e di  “desesperación” e recoñece a grandeza das cousas que resistiron a erosión. Aparece un elemento fundamental, a música, como plataforma desde a que recoñecer tanto as cousas positivas como as negativas   

(…) A comunidade é a coartada

de quen cobre miserias con lamentacións .

Liberdade do suxeito, non liberdade das nacións. (61)

                     Se alguén pensaba que a voz poética se expresaba nun lirismo limitador, velaí ten a resposta  no lirismo combatente, no eu que non é quen de disociarse da política, porque, queirámolo ou non, todos somos seres políticos e debemos ser conscientes

Abandonei hai tempo a idea dunha vida sen tormentas (63)

                      porque que non podemos fuxir, eludir a batalla é unha irresponsabilidade ademais dun xeito bastante trapalleiro, infantil e estúpido de mentirnos a nós mesmos

                     E, nesta loita

As palabras proceden

da infancia, non teñen

articulación (…) 

                     Ben, rematou o “Album da cuarta dimensión” como a segunda parte deste poemario co mesmo título. É hora de recapitular, de concluír. Vexamos.

                     -A casa, referente imprescindíbel, o amparo contra as adversidades e inclemencias, o fogar, tamén o lugar onde se contempla o  paso to tempo

                     -que pon a proba a memoria e nos produce desasosego pois somos incapaces de evitar o berro silencioso do seu testemuño, igual que nos sentimos incapaces de continuar a(s) historia(s) que a súa presencia nos conta

                     -e de aí esa sensación de “abismo”, ese temor a non ver  fondo, o final. Teño a impresión de que máis que “abismo” é un labirinto, tampoco vemos o final non hai ·”the end”, mais si as marxes que nos rodean, a memoria

                     -unha memoria que provoca en nós emocións. Mais as emocións cégannos máis que  nos axudan na necesidade de esclarecer o mundo, na necesidade de sabermos que superficie pisamos,

                     -evidentemente, nestas, o desasoesgo que sentimos, que experimentamos, resulta tan lóxico como a inutilidade da razón para nos auxiliar. Punto.

                     -A conclusión,  a única verdade se cadra, é a necesidade da rebelión e ter presente que non se trata dunha batalla/guerra que poidamos gañar mediante estratexias de estilo, só con formalidades. Porque vivir é un compromiso, tamén político, mais é un compromiso que comeza con nós mesmos, por nós mesmos

                     Volvamos á cuarta dimensión. A palabra. O poema. Lembran? Estamos en condicións de engadir A MEMORIA. A Kronos, Aión e Kairós …fica por engadir Titánide, a deusda da memoria, e que como tal comprende o pasado ( a onde estende), o presente (desde onde se exercita) e  é onde se inicia o futuro.

                     Mais é un volover relativo, porque todavía queda

O INAUDITO, O SECRETO

                     Iso que descoñecemos, porque o noso coñecemento é finito, vén determinado pola xeografía, polo tempo, pola clase social e por máis varábeis entre as que entran as políticas e  as características propias de cada persoa á hora de conformar o mundo de coñecementos que lles é propio, e con el o mundo do inaudito, é dicir, o descoñecido, o que nos permanece secreto.

                     E se pensan que entre ·”inaudito” e ·”secreto” se establece algún tipo de tautoloxía porque sempre o inaudito antes nos foi segredo, descoñecido…pois van errados.

                     Non é unha parte do poemario longa, extensa. E comeza apelando aos “soños”e “esperanzas”

e aquel mozo que agardaba pola lúa

ou a canícula dos cínicos (69)

                     Soños e esperanza. Onde queda a razón? Se cadra a razón vén despois, de momento achámonos nos desencadeantes.

                     Que poden estar/vivir precisamente na casa aínda que esta se vexa comesta, inundada, modificada pola natureza imparábel

Non hai nada presente, só o ecoar lento

ou líquidos sons de espectros (71)

                     Sempre existe a posibilidade de que o pasado nos fale a través do máis inaudito, inaudito por inagardado, logo veremos o significado real desta palabra.

Deterse dentro

mentres alguén quere pintar o ceo

coma se colorease un ruído

unido á percepción táctil

da parede de cal,

coma naquel instante morto

de cando o día iniciado.

(…)

Alguén debe pensar nun coloso

esnaquizado polo vento. (73)

                     Nova referencia ás artes. A sinestesia como posibilidade. E non esquezamos que, esteamos onde esteamos, sempre estamos pola permanente erosión do  tempo, porque é imparábel, na “casa” ou fóra. Este panorama, evidentemente produce unha alianza, unha sinerxia entre “sentimentos” e “memoria”

Volvemos á potencia do inútil (75)

                     porque en realidade iso é algo dalgunha maneira agardábel e o que importa é precisamente o inagardado, o inaudito, que pode chegar a nós por calquera vía,

                     Non hai escolas para aprender a materializarse (77)

                     Mais chegue por onde chegar esa conclusión “inaudita” ou inagardada, existe unha condición indispensábel:

                     Nunca se fale dela. (77)

                     Velaí o verdadeiro siginificado de “inaudito”. O inaudito  é inaudito porque nunca se falou, e polo tanto nunca se puido  oír, e polo tanto é in-audito.

                     Volvemos ás fronteiras da palabra, a dificultade para que a palabra transmita, algo ben característico da poesía actual. Que tamén un problema filosófico, o problema da maneira en que coñecemos o mundo, porque aínda que estea sempre aí a posibilidade de acceder ao inagardado, todo o resto que coñecemos asenta no pasado, nas reliquias, nas ruínas, na erosión porque todo coñecemento ao desprenderse doutro erosiónao. Somos fillos da erosión, en canto ao coñecemento se refire.

Eis un poemario actual a reflectir unha das problemáticas máis fondas, persistentes e decisivas da poesía, da filosofía e da vida de calquera: a maneira de coñecermos o mundo desde o que ficou del. Un poemario emotivo (non podemos nin debemos ficar “neutros” á vista do que o pasado nos deixou, nin tampouco deixarnos posuír polo espello deformante da melancolía extrema, que ben se nos advertiu) e reflexivo (desde o que nos deixa interpretar a inscrición na materia, nos restos da materia), audaz na forma de presentar esa aliaxe nada sinxela de transmitir aínda que pareza que sempre se fixo así, que esa é a materia da poesía.

A poesía. Neste caso, o lugar de encontro dos tempos, do desasosego, da reflexión e tamén da esperanza inaudita. In-audita. Non digades nada, mais actuade…

………………………………………………………………

Velaquí un dos poemas máis do meu agrado (para IAP)

GUINNEVERE

A Susana Roca, in memoriam

Aquí, nos últimos,
nas raíces opacas da miseria,
onde os altos sensos do costume
esquecen as lápidas perdidas

                              as inscricións

violetas das tumbas levantadas
detrás dos ollos dos viventes

Mentres contemplas como
se esmiúza o rosario das mentes

                               señora, coma ti

en burbullas de cristal intonso,
inútiles trastornos da beleza caída
en catacumbas onde as voces
se perciben como figuras

                                   lumínicas soidades

reverberacións duns astros
idos duran sen momentos

Mentres encirras testamentarías
que desoen as delicias da sombra

señora, coma ti

en miniaturas de cabelo mourazulado
recollido das feridas do tempo,
extasiada nas lambidas auscultacións
de cenobio s ateigados

con orantes percutidos

onde penetran sons sen densidade, aletargadas
rás azuis, ondas na tona apagada da auga.

Mentres na escuridade branda
debuxas misterios esgotados

señora, coma ti

en fragas sónicas con arames de herba
a facerlles a roza da santidade,

ti deitada na tatuaxe invisible do ser
alí no material pousado

a carón da gran serpe verde

que se estrica desde o aniversario cero
ata os anos definitivos do que non tarda

Mentres palpas coa lingua alucinacións
lexibles nos azulexos da alma

amiga, coma ti

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content