DOUS LIBROS PARA LER DUNHA SENTADA

Porxmeyre

17/10/2018

DOUS LIBROS PARA LER DUNHA SENTADA

Títulos: Iridium & A soidade do asasino

Autores: Francisco Castro & Carlos G. Reigosa

Editoriais: Galaxia & Xerais

Hai veces que un ten corpo para grandes histrorias, enténdase grandes historias como aquelas que son complexas e requiren unha boa cantidade de tempo para a súa lectura, simplemente porque se familiarizou tanto coas personaxes e trama contados que non lle apetece que remate o discurso. E hai outras veces que un o que quere son historias breves e intensas, personaxes e tramas que te atrapan e non queres deixar a lectura deica que remate o discurso. Son historias máis breves, con  menos personaxes, moi intensas e non teñen porque resultar menos complexas en canto á temática tratada. De dúas destas historias é das que imos falar hoxe, ben distintas, de dous autores ben diferentes, pertencentes a dous xéneros diferentes e éditas por dúas casas distintas.

Enténdase que non dicimos que se lean as dúas nunha única sentada. Senón que nos referimos a que cada unha delas a lemos nunha única sesión, aínda que para nada indicamos que non se poidan ler as dúas nunha única sesión, todo depende de para que teña vontade o lector.

A primeira delas, Iridium, de Francisco Castro, conta unha desas historias que se revelan imprescindíbeis para calquera literatura. Ata que Manuel Esteban deu á luz A ira dos mansos ninguén na literatura galega se ocupara daqueles seres que conviven con nós mais que padecen algunha característica que os fai diferentes. Manuel Esteban fixouse na Síndrome de Down, e agora Francisco Castro naquelas persoas con Dano Cerebral Adquirido. É dicir, xente que naceu coma todos nós, mais que nun determinado momento, pola causa que sexa, pasou a sufrir un dano cerebral que lle impide desenvolver todas as súas funcións vitais coma todos nós. Ese é o caso de Iris, moza á que un accidente deixou con Dano Cerebral Adquirido (DCA), e ten dificultades para desenvolverse na vida coma aqueles que non o padecemos. Por se fora pouco especial xa por iso, Iris ten outra carcaterística que a individualiza fortemente entre todos os demais: ten un ollo verde e outro azul, dúas cores distintas nos ollos. De aí o título, Iridium. Mais aquí o que importa é que padece DCA, do que está a tratarse para recuperar o meirande número de funcións corporais, coma antes non vai quedar, mais si pode mellorar. Padecer DCA non lle impide ser unha instagramer de éxito, mais si hai unha cousa que lle dá unha coraxe tremenda: que non a traten coma os demais por padecer DCA, que a estean a compadecer decote e se esquezan de que segue sendo unha persoa coma outra calquera. Por iso Iridium  é unha historia contra a discriminación, aínda que sexa positiva, con boa intención que se di. Por iso é unha novela (curta) imprescindíbel. Porque nos ensina como senten as persoas que o resto do mundo considera “especiais” polo motivo que sexa, neste caso DCA. Porque nos ensina que seguen sendo persoas e coma tales persoas deben ser tratadas, porque senten e padecen e choran e rin e necesitan ser queridos coma todos os demais mortais. Por iso tamén é unha historia de amor. E desas que non apetece deixar de pasar páxinas, que les dunha sentada e cando rematas sentes mágoa porque non sexa máis longa, entrou tanto en ti que non queres desfacerte dela.

A segunda é A soidade do asasino, de Carlos G. Reigosa. Unha pequena peza teatral repleta de intensidade dramática. A que se desencadea cando un asasino prefesional decide que aínda non vai matar o seu obxectivo. Non hai présa. E establece con el un diálogo coa finalidade de matar o tempo e tentar descubrir entre os dous por que non lle pegou un tiro sen máis, como adoita a facer sempre, e se decidiu a concederlle este tempo extra en que os dous dialogan. Na dialéctica establecida é o asasino quen leva a voz cantante, Víctor, e o obxectivo, Claudio, limítase a responderlle sen lle levar a contraria. Mais esta dialéctica é dinámica, e irá mutando a medida que os dous vaian falando e poñendo de manifesto unha historia oculta que resulta sorpresiva e rematará por ser decisiva. Carlos G. Reigosa dosifica esa dialéctica, enrédaa e dálle a volta, cunha habilidade realmente notábel, establecendo un xogo de personalidades antagónicas que teñen tempo de poñer en valor o que en realidade significa vivir, o valor que ten vivir, mentres se van coñecendo máis entre eles, asasino e obxectivo, e dan tempo a que se vaia preparando o sorpesivo remate final. Unha peza de teatro curta cunhas personaxes tan ben definidas, e en principio contrapostas, que custa deixar de ler. E desde logo non o aconsellamos. A obra esixe ser lida nunha única sesión lectora, para non perder nada da intensidade dramática que contén, que é moita e a que nos prende na súa lectura.

Como vimos, hai obras que non necesitan un número elevado de páxinas para nos seducir cunha literatura intensa e de moitos quilates. Hoxe vimos de falar de sou bos exemplos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «DOUS LIBROS PARA LER DUNHA SENTADA»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido