UN LIBRO IMPRESCINDÍBEL
Título: Se isto é un home
Autor: Primo Levi
Traduce: Xoán Manuel Garrido Vilariño
Editorial: Xerais
Hai libros que presentan tramas moi ben elaboradas que xogan cos elementos constitutivos da narración e resúltannos agradábeis porque sempre nos sorprenden. Este non é deses, non é un libro para pasar o tempo. E hai outros que resultan imprescindíbeis porque expoñen cuestións relativas á natureza do propio ser humano como tal. E si, este é deses. Un dos títulos máis importantes do século XX, que tivo que abrirse paso pouco a pouco, desde aquela primeira e modesta edición de 1947 até que a segunda edición de 1958 consagre o nome de Primo Levi como testemuña expecional do holocausto nazi, e a obra, Se isto é un home, como un dos principais testemuños da estratexia nazi de despersonalización dos prisioneiros e do traballo de escravos que estes realizaron para os seus captores, sempre nunhas condición laméntábeis, infrahumanas.
Se isto é un home conta os derradeiros 10 meses no campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, concretamente no campo satélite de Monovitz, onde Primo Levi foi recluído despois de ser capturado como integrante das forzas de resitencia anti nazis. Curiosamente, declararse xudeu salvoulle vida, porque de declararse partisano teríano matado ao momento. Sexa como for, Primo Levi chega a Monovitz despois dunha longa e penosa viaxe en tren, un tren no que viaxan coma se foran animais amoreados, peor, porque aos animais tratríanos mellor, sequera daríanlles de comer e beber. A obra, contada en primeira persoa, reflicte os padecementos da Primo Levi mentres é prisioneiro dos alemáns, e como estes tiñan instaurada unha estratexia de despersonalización na que lles quitaban o nome (que era substituído por un número), lles pelaban a cabeza e a fame e o frío contribuían a que dificilmente se puidreran recoñecer na imaxe de quen foran. Porén, anunciamos, non temos intención de desvelar maís nada da trama desta novela, porque aínda que é un escrito testemuñal está contado botando man dos recursos típicos da novela. Non, non imos develar máis nada da trama, porque ben coñecido é a estas alturas o holocausto nazi -aínda que haxa alucinados negacionistas de alma podre e xuízo ruín- e porque non queremos que o lector perda a ocasión de encoraxarse coa lectura coñecida de ningún episodio.
Porque, en definitiva, é un libro para non perder a memoria. A memoria, iso que nos fai humanos.
Nas inhumanas condicóns en que sobrevivían no campo de concentración, sometidos a un proceso de despersonalización e de aniquilamento persoal, onde o futuro é unha quimera e o pasado só serve para mancar, para facer dano, atopar razóns para continuar vivos un día máis, un minuto máis, é a única estratexia posíbel para non ceder e deixarse morrer. Cómpre indicar que, aínda escrito en primeira persoa protagonista, Primo Levi procura no libro unha obxectividade salientábel, e, desde logo, o libro non é unha revancha polos padecementos sufridos, senón unha procura da alma humana, que é o único que lles queda aos prisioneiros, obrigados a vixiárense a si mesmos, a delatárense, a seren os seus propios carcereiros,e total por un pedazo de pan máis, por un privilexio que lles garanta unha vida menos opresiva, por un prato de sopa non augada. Naquel inferno non sorprenden as contínuas referencias á Divina comedia de Dante, precisamente por iso, por estar non inferno. Ou á Odisea de Homero, na procura de demostrar que a tenacidade e a perseveranza pódennos levar a ultrapasar límites que o ser humano cría infranquábeis.
Neste caso, cando Primo Levi menos forzas tiña, pois estaba enfermo, foi capaz de superar os 10 días que transcorreron desde o abandono nazi do campo de concentración até a chegada dos rusos liberadores. É o derradeiro capítulo. Impactante, como sacan forzas de onde non as hai para sobrevivir eses días, enfermos e en pleno inverno. Como impactante é o libro, que nos leva a preguntarnos até que punto os nazis tiñan alma, polo menos alma humana. Eis un libro contra a frivolidade imperante nos nosos tempos. Eis un libro contra a barbarie doutros tempos que non deberiamos deixar repetir, no nome da humanidade.
Se isto é un home vai seguido dun anexo onde Primo Levi incorpora as preguntas máis frecuentes que xurdían nas súas palestras, téñase en conta que o libro tivo tamén difusión entre escolares. Neste anexo Primo Levi responde esas preguntas con máis tempo e profundidade, e nas respostas pódese constatar a dimensión ética, moral e lóxica dun autor que tamén escirbiría ficción co pseudo Damiano Malabaila.
Un inciso. En 1975 tiña eu 15 anos e lin o Diario de Spandau de Albert Speer. Foi o primeiro diario que lin, e daquela pouco sabía eu da segunda grande guerra e da figura deste nazi que pediu perdon en Nüremberg. Lembro que me impactou e conmoveu a loita por vivir no cárcere. Se fora hoxe desexaría que el os outros nazis todos enxuizados en Nüremberg fosen condenados a vivir nas mesmas condicións que eles impuxeron nos capos de concentración. Non menos.
Xoán Manuel Garrido Vilariño, o tradutor, ofrécenos tamén un epílogo onde trata a figura de Primo Levi e a súa obra.
Moi a ter en conta que esta non é unha tradución calquera. É unha tradución feita para a ocasión e por iso merce ser tida como a máis actualizada. Será en galego, mais é a máis actualizada. Pódeno atopar en castelán máis barato, en tapa branda e cunha tradución desactualizada, que se foi reimprimindo sen máis. A calidade, págase; en galego tamén.
Imprescindíbel.
ASDO.: Xosé M. Eyré