RELATOS DESACOUGANTES, PARA TOMAR EN SERIO
Título: Relatos para televisión
Autor: Xabier Cordal
Editorial: Xerais
Pois si, relatos para televisión, unha boa lectura para este 2019, seguro que será do mellor.. Algúns, mesmo parecen concibidos para seren levados a formato televisivo. Mais iso é o de menos. Evidentmente son relatos para ler, por iso veñen editados en libro. Outro galo cantaría se cada vez que se acende un televisor se abrira un libro. Mais acontece xustamente o contrario: se abrimos un libro case é condición imperante que apaguemos o televisor. Porén, a televisiva é cultura de masas; a literaria, de minorías. Infortunadamente, isto é así e ninguén pode negalo. Sobre todo se un pertence a esa xeración que viu a chegada aos fogares da televisión, a xeración televisiva por excelencia; despois chegaría outra xa máis centrada nos videoxogos, por exemplo. Mais, sexa unha ou sexa outra, son xeracións habituadas a desentenderse do inmediato e viviren pendentes de relatos que pouco ou nada teñen que ver co que os rodea. Son xeracións “educadas” para viviren felices dentro da alienación que lles é inoculada a través dos medios de comunicación ou do mesmo sistema educativo.
Pois si, por iso e para iso, Xabier Cordal escribe estes Relatos para televisión, que desde o mesmo título son relatos irreverentes, desacougantes, instrumentos literarios para que o lector se vexa obrigado a pensar as circunstancias nas que vive. En si, estes relatos constitúen un macrotexto satírico da sociedade actual, na mellor tradición de Swuift, do que tanto beberon Wilde, Joyce ou Beckett. E sen esquecer o noso Vicente Risco. E hai neles un inequívoco ton festivo, se se quer, un certo ton de antroidada satírica, nada inocente, moi pensada e escrita con ánimo reflexivo. Por iso, quen lea estes relatos non debe quedar na antroidada a secas, por moi atraente que esta poida parecer, por moi atraente que esta sexa. Que o é, porque introducir personaxes como son vampiros ou alieníxenas dá lugar a iso, a que, a pouco que nos descoidemos, quedemos na tona e non lles tiremos todo o zume que teñen dentro estes relatos. Uns relatos que son moi variados, inclusive algún parece desprovisto desa pátina satírca, como acontece co derradeiro, unha particular crónica da conquista de Irlanda polos fillos de Breoghán, mellor dito: polo fillo de Breoghán. Porén, sería un crime ler estes relatos de xeito estanco en cada individualidade, pois, por moi diferentes que parezan, todos teñen en común ese carácter irreverente, esa rebeldía que usa os mesmos produtos alienantes para nos concienciar da situación en que vivimos como seres receptores e case nunca protagonistas.
Pois si. Nun tempo, nun lugar e nunhas circunstancias pasan as cousas. Un tempo que pode ser calquera, podemos pensar que identifica a actualidade mais nos relatos as datas que se manexan son do pasado, ás veces ben pasado, aínda que como distopías que son nos leven a pensar no futuro. Nun lugar, Artabria, a Artabria de cando xa o mar medrou sobre a terra. E nunhas circunstancias, cando a Empresa domina o mundo. Certamente, cada relato é cada relato, un mundo en si. Mais cremos que esas tres condicións serven ben para caracterizalos en conxunto. Para caracterizar o conxunto de distopías que conforman o volume. Xa sabemos, unhas veces de xeito máis claro ca outras, mais o carácter distópico resulta complicado discutírllelo. Distopías, o contrario das utopías.
Pois si, os relatos adoptan formas moi diferentes, compoñen un conxunto moi variado en canto á forma. E resulta tarefa de difícil realización o feito de pretendermos escoller algún deles sobre os outros. Se cadra, e por iso da extensión, que proporciona meirande tempo de familiarización co relato e máis opotunidades expresivas, se cadra podiamos salientar “Ruído de fondo”, un conxunto de 16 gravacións que lembran o formato televisivo e nos levaron a pensar no Dante da Divina comedia ou no Ferrín de Bretaña, Esmeraldina, ou nunha fusión entrambas obras. Porén, sendo moito máis curto, o seguinte relato, “O grupo do café Galiana” resulta moi intenso en canto á carga satírica e lémbranos outra clave que resulta imprescindíbel ter en conta á hora de ler o libro: a política. O libro é un obxecto político igual que a lectura é tamén un feito político porque ninguén de nós pode deixar de ser nunca un suxeito político.
Pois si, estes Relatos para televisión son a primeira incursión dun escritor que xa é un dos poetas imprescindíbeis da poesía actual. E a xulgar pola fasquía, pola intención que teñen, pola reflexión que implican e pola análise social da que nacen, agardamos moitos máis relatos futuros. Xa llelo dixen no comezo: do mellor que imos ler neste 2019..
ASDO.: Xosé M. Eyré