crítica de PERDER AS BESTAS, de Manuel Veiga, en Xerais.

Porxmeyre

07/06/2023

O QUE TEN VALOR

Título: Perder as bestas

Autor: Manuel Veiga

Editorial: Xerais

Até hai cousa de cen anos, ou cento e pico, as bestas eran unha das máis grandes posesións que podía ter unha persoa, aínda que só fora un exemplar. Porén non é a estas bestas ás que se refire o autor, senón a “actuar de forma pouco consciente ou insensata”. O cal é doadamente comprensíbel, se as bestas posúen unha forza bruta que lles permite cargar peso ou desprazarnos, existe outra forza comparábel á bruta, a razón que guía os nosos pasos. Se se perden as bestas nos dous significados…entón estamos mal, moi mal. Mais non é este o caso, senón o apuntado anteriormente e explicado polo autor xusto antes de comezar o discurso da novela.

                A de Manuel Veiga é unha novela de narrador. Para que se me entenda ben  e non haxa dúbidas, Imaxinen que alguén (o  narrador) nos vai contando un film segundo o vai vendo. Pois así. Esta paréceme a mellor imaxe do narrador da novela. Tecnicamente, unha opción arriscada porque a presencia constante do narrador réstalle inmediatez ao narrado con quen le. Porén Manuel Veiga sae notablemente con ben deste reto. Entre outras cousas porque unha novela é bastante máis complexa, non  todo pose  ficar no narrador. Mais quixemos empezar por aquí ao ser a primeira impresión que que lea terá.

                Por sinal, unha novela non se pode construír cabalmente sen personaxes ben configuradas. A respecto disto digamos que hai dous tipos de personaxes, aquelas ás que o narrador alude con algún tipo de apelativo ou o nome, e outras que non teñen nome, anónimas. Como na vida real, calquera de nós coñece algunha xente e pode dicir o seu nome, e outra máis só de vela ou cruzarse con ela. Tecnicamente este é outro desafío no que tamén sae vencedor o autor. Tamén lles direi que, practicamente na súa inmensa maioría, son personaxes rudas, agrestes que se moven nunha xeografía (a raia, fronteira con Portugal) que tamén podemos denominar como hostil, aínda que de cando en vez lles ofreza amparo. Para ser máis exactos diremos que son personaxes desas que disparan e despois xustifícanse (ou non). Neste aspecto hai que dicir que é un enredo violento, tanto polo tipo de personaxes como pola xeografía que percorren.

                Tamén non podía ser doutro xeito, sabido o encadre temporario do enredo. Cando as partidas comezan a se reagrupar agardando que o final do nazismo sexa tamén o final do franquismo. Son os “ateos” do enredo, duplamente ateos: porque non cren en Deus e porque non cren no franquismo. Ë entón cando o goberno organiza as contrapartidas para facerlles fronte. E é o deambular dunha destas contrapartidas o miolo do enredo, unha violenta razzia na que os fins nunca están de todo claros, se son políticos ou pura comenencia dos integrantes da contrapartida. Mesmo pode que coincidan os dous nesas vidas arrastradas, ao límite, que viven as personaxes, agás unha, o xuíz Núñez.

                Malia tanta violencia é unha novela que se le con moito agrado, en grandísima parte pola lingua que emprega Manuel Veiga. Unha lingua rica, precisa e dúctil. Rica, pola variedade léxica que emprega, que vai moito máis alá do estándar propio de moitísimos dos discursos que estamos habituados/condenados a ler sobre todo nas autorías máis novas. Esta é unha lingua que sabe a terra, a veracidade. Por iso é precisa, dentro do rexistro vulgar (que mal me sabe esta denominación, porque atende ao nivel económico e non ao tipo de vocabulario) a variedade é constante e sinala un exemplar coñecemento do que se está narrando. E a isto aínda hai que sumar que rexistro culto tamén aparece cando ten que aparecer. Polo cal dicimos que se trata dunha lingua dúctil. Adeus aos discursos que non usan máis de 300 palabras.

                Manuel Veiga utiliza a lingua como facían/fan os grandes mestres da enxebreza, pura e xenuína. Léana, saberán quen de verdade perdeu as bestas entre as autorías actuais.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido