crítica de OS SOÑOS DE MIGUEL, de Manuel Iglesias Turnes, en Xerais.

Porxmeyre

19/04/2022

O MOTOR DO MUNDO

Título: Os soños de Miguel

Autor: Miguel Iglesias Turnes

Editorial: Xerais

Nada, ningunha mellora se conseguiría sen eles, sen os soños. Eles son o verdadeiro motor do mundo. As melloras nas condicións de vida humanas, prodúcense porque alguén soñou que iso se podería conseguir e dese soño tomou a forza suficiente para loitar pola súa realización. Digo “as melloras nas condicións de vida humanas” e non estou seguro, máis ben teño moitas dúbidas, de que a desbocada tecnoloxía traia sempre unha mellor vida para xente. E aínda digo máis, non todos os soños son positivos socialmente, tamén as ideoloxías reaccionarias, involucionistas nacen ou poden nacer de soños. Mais iso vén reafirmar a tese inicial, o motor do mundo, nun sentido ou no outro, ten a súa raíz nos soños.

E, para mostra, ben serve este novo romance de Miguel Iglesias Turnes, como os anteriores, o enredo desenvólvese na paisaxe rural do lugar de Cabanas e arredores, sendo un fiel transmisor de como foi (As rapazas de Xan e esta Os soños de Miguel) ou como é (Que non te aten) a vida no rural galego. O autor que sempre se significou á hora de tratar de conseguir melloras para a vida e o traballo no campo, e pola súa sede de cultura, escribe ficcións sobre o que coñece ben ou moi ben. Realistas, moi realistas, mais ficcións. Isto quere dicir que quen le, se viviu parte da súa vida no rural, ou se segue pulando por darlle vida, axiña vai empatizar cos enredos de Miguel Iglesias Turnes. E tamén que @s urbanitas que nada saben dela aquí teñen unha fonte de coñecemento fiábel, ademais de entretida.

Porque, o primeiro aspecto a salientar, é que o autor nado en Cabanas, sempre consegue imprimir nos seus enredos a dose xusta de emotividade para que as follas non se nos caian das mans. E faino dunha maneira tremendamente natural, esa emotividade nace tanto da configuración verosimilista das personaxes, como das relacións que se establecen entre elas e, neste caso concreto especialmente, das ansias de mollora vitais que as personaxes perseguen. Non necesita máis para que quen le se sinta acompañante das peripecias que as personaxes sofren. Tamén é certo que este romance conta cun antagonista, o “padriño”, que representa o involucionismo, franquista até a médula, o seu é mandar e ser obedecido, non é capaz de imaxinar a vida doutro xeito, non consente que ninguén “pase” por riba del á hora de tomar decisións. No lado oposto están os netos, sobre todo Miguel, que si aspira(n) a mellorar a súa calidade vida introducindo melloras mecánicas e tamén unha diferente concepción da economía rural, abandonando o tradicional autoconsumo.

Hai que dicir que o enredo nos sitúa temporariamente a finais dos anos 60 do pasado século e principio dos 70, moi concretamente no lugar de Cabanas, e hai que dicilo porque noutras partes da Galiza aínda tardarían décadas en lograr unha concentración parcelaria, por sinal. Mais o importante é o conflito, xa non só o de que Miguel se libere da tiranía do “padriño”, senón outros que van aparecendo no discurso. Como o d@s que desertan do arado e rexeitan a vida na aldea, en favor da cidade, porque a consideran un “atraso”, que xa na cidade (Compostela) non teñen que lidar co bulleiro ou coas vacas. Unha moza de Miguel personifica moi ben esta opción, que quen le xa vai enxergando tanto pola liguaxe que utiliza como polo medo ás vacas.

Se a personaxe do “padriño” está moi ben configurada, deixando entrever que se xa arruinou a vida do pai, e polo tanto xenro seu, quen le terá presente a ver se os netos non se dan desfeito do seu xugo e correrán a mesma sorte do seu proxenitor. Hai quen para esa liberación escolleu o camiño da emigración, e tamén, Miguel, quen, con astucia e perseveranza, loita por un mundo diferente e mellor, por unha vida máis digna para quen ama vivir no campo e do campo. No campo, na aldea, ese microcosmos, que se se mira ben,e comparado coa cidade, resulta un macrocosmos onde a vida ten outro sentido. Vivir nun medio natural, en contacto coa natureza, ofrece unha calidade vida evidentemente superior á cidadá. O bulleiro será bulleiro e luxará roupas e calzados, mais na cidade os autos móllante de arriba abaixo ao pasar por unha fochanca e ninguén para a ver que che pasou. Na aldea, no campo, a vida ofrece,por sinal, labores colaborativos que non se dan na cidade e redundan nun humanitarismo moi superior. Alén deses labores colaborativos ( a sega, a malla etc..) Miguel Iglesias Turnes tamén retrata unha sociedade onde a xente se axuda solidariamente cando a ocasión o precisa.

Mais deica agora centrámonos moito en Miguel, personaxe central, porén hai outras personaxes tamén moi significativas. Por sinal, o seu irmán Pepe, que escollerá unha vida diferente ao curato deseñado polo “padriño”, e que tamén representa esa xeración de xente nova que se opón ao franquismo desde un galeguismo cada vez máis convencido, que desafía a moral da época desde cousas tan simples como o modo de vestir, a imaxe pública. Outro aspecto a ter moi en conta é a situación da muller, que non só as hai que desertan do arado, tamén as hai que colaboran co “estado de cousas” franquista. Porén, máis que todo iso, importan as que con moita habilidade e astucia, fan ver que desfán coa súa, en principio, pasividade, mentres resultan aliadas moi valiosas para quen quere transformar “ o mundo”.

Para rematar, se a anterior entrega de Manuel Iglesis Turnes adoecía dunha corrección final máis rigorosa, agpra temos que dicir que nes aspecto se mellorou, áinda qur non de todo, por sinal: non é tan difícil porlle til a Ánxela, ou unificar criterio á hora de escribir, ou é Suvila (como cremos que debeser) ou Subila, como paraece máis adiante. Alén diso, o recurso ao castelán para marcar a diglosia está demais, e provoca un hiperrrealismo que literariamente non ten valor ningún.

En definitiva, velaquí temos un romance que asenta sobre unha galería de personaxes moi coidada, contada sen artificiosidade, con naturalidade e “polo rego”, que logra emocionar e conmocionar a quen le.

ASDO: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido