UN SEGREDO E UN TRASNO

Título: O segredo do trasno

Autor: Alexandre Corbillón

Editorial: Aira

É unha rima doada, mais é así: a poesía sempre trae alegrías. Se ben cómpre sinalar que as alegrías, afortunadamente, poden ter diferentes orixes e diferentes conmocións en quen le. Porque a poesía é, de maneira moi especial, a arte verbal da conmoción, e pobre de quen non sinta o  seu ánimo sacudido pola súa lectura. A conmoción é dupla. Parte daquilo que chamaban inspiración, é que non é outra cousa que o interese emocional que esperta na voz poética algunha experiencia, feito, ou idea. Posteriormente existe un proceso durante o cal é modulada poeticamente. E, para rematar, esa modulación verquida en palabras conforma o poema que nos axita a mente. Disimúlenme esta entrada teórica, mais non sempre é coñecida nin valorizada debidamente. Explícome un pouco máis: escribir poesía non é xuntar palabras en liñas ou versos, como hai quen pensa nun tempo onde a codificación poética xa case desapareceu, e aínda non é así totalmente. A poesía de hoxe esixe dominar o ritmo expresivo e intelectivo, esixe posuír un elevado coñecemento lingüístico, e saber calibrar moi ben a pertinencia de cada palabra e o lugar que ocupa, e ser conscientes de que o que se escribe ocupa un lugar no espazo en branco. Iso cando menos, tampouco necesitamos afondar máis.

Hoxe teño o pracer de presentar un poeta novo. Novo en canto á idade. Novo en canto a que este mozo irrompe con forza no noso sistema literario. Novo tamén no relativo a que a súa poesía, perdoen a imaxe, é como o froito dunha árbore que alimentan raíces fondas e follas que murmuran ventos nosos.

Hoxe, tamén, teño a oportunidade de celebrar unha coincidencia para min moi agradábel. Nada máis abrir o libro, e despois de ler o limiar de Méndez Ferrín (a ter en conta que non escribe limiares para calquera cousiña), atopo unha cita de Francesca Cricelli. Quen seguira a actividade desta Ferradura en Tránsito II saberá que entre marzo de 202o e marzo de 2021 divulguei poesía brasileira de muller, de Francesca Cricelli escribín o día 16 de agosto. E xa daquela a tiña como unha das voces máis interesantes que nos achegaba a poesía brasileira, e que a min me impresionara con moita intensidade. As casualidades agradábeis tamén existen.

O que non é ningunha casualidade é a calidade poética de Alexandre Corbillón neste singular poemario. Por que singular? Pois, por sinal, porque cada apartado vén iniciado cun fragmento en prosa; apartados que comprenden estados de ánimo (soidade, raiba, ledicia, tolemia e inocencia) ao lado doutros que teñen que ver coa natureza (aurora boreal, fiordos).Non é habitual este deseño editorial; xa despois as ilustracións son máis comúns, sexan cadros ou fotorafías. No relativo á forma poética manéxase igual de ben no poema longo e no moi breve,  nos que a voz poética procura reflectirse e noutros nos que impele a quen le a actuar acompañándoo; nos que hai loita e nos que hai contemplación. E unha cousa máis que é moito do meu agrado, a súa poesía non deixa a ninguén indiferente; a poesía, en si, nunca deixa indiferente porque lela equivale a aceptar que nos provoque convulsións emocionais; mais agora, cando digo que Alexandre Corbillón non deixa a ninguén indiferente, estou lembrando voces clásicas da poesía social que me ecoan entre os seus versos, voces clásicas como a de Celso Emilio Ferreiro, poñamos por caso, igual que tamén leo ecos da poesía lusófona, concretamente dun tipo de poesía lusófona, aquela que con versos conta historias.

Tamén esta poesía pode ser encadrada dentro do que se vén chamando poesía de viaxes, pois o poemario foi escrito en Islandia, onde Corbillón gozou dunha bolsa que lle permitiu a estadía, a estadía e a escrita deste título

Mais se se precisar unha proba irrefutábel da calidade poética de Alexandre, convido a quen le a que se poña na tarefa de facer unha escolma dos mellores poemas deste libro. Con seguranza acharán que resulta imposíbel porque sempre quedará un coa sensación de que falta outro ou outros, sexa por razóns temáticas ou sexa razóns estéticas. Se teño que salientar un motivo polo cal me é merecente de tanta consideración, non lles direi que cada palabra, que cada verso e cada poema están puídos pola man dun ourive moi experiente ( sobre todo tendo en conta a súa idade), non o farei aínda que sexa certo. Direilles, iso si, que a súa poesía flúe sen estridencias, quer en ritmos áxiles e versos curtos ou noutros máis pausados, cando a voz poética reflicte lirismo íntimo, cando esa voz poética bota man dun “ti”parceiro, cando a sentimos acompañándonos nun “nós” e cando, denunciante ousado e nos nosos días nada frecuente, non lle treme o pulso á hora de escoller o bando desde o que loitar… a vida é compromiso e sempre hai que saber en que bando se está.

Haberá quen diga que se trata de poesía de aprendizaxe. Non eu. Primeiro porque a poesía sempre, absolutamente sempre, debe ser aprendizaxe. E en segundo lugar porque a voz poética é poderosa, o caudal do río flué enérxico e sen lugar á hesitación.

Finalmente, porque sempre o fago, tamén hei dicir que hai algo que non me parece axeitado. Refírome á banda sonora. Teño escrito bastantes artigos nos que dei conta de bandas sonoras. Bandas sonoras que na narrativa dan pistas do contido sen alterar o enredo. Porén na poesía, báilase outra danza. Na poesía, se a banda sonora antecede o poema condiciona o estado emocional do que se vai ler, aí pode ter certa utilidade, cando menos contrastiva. Porén, se banda sonora está ubicada no remate do poema…entón trastoca o estado emocional que nos produciu a lectura.

Anoten ben o nome deste novo poeta novo. Alexandre Corbillón. Anóteno en vermello. Teño a seguranza de que dará moito que falar, e para ben. (E case a teño tamén de que haberá un antes e un despois se confirma as expectativas da inquedanza social. Mais iso só o saberemos no futuro)

Merquen o libro. E lembren mercar dous exemplares, un para vostedes e outro para agasallar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido