O QUE QUEDA
Título: Ninguén queda
Autor: Brais Lamela
Editorial: Euseino?, colección Rúa do Lagarto
Ben, antes de nada cómpre saudar a estrea da nova liña de Euseino? Editores decicada á literatura e dirixida por Berta Dávila. Estas cousas sempre nos lembran que como literatura de noso aínda seguimos vivos, e ademais de engadir unha presumíbel nova dirección expresiva é outra plataforma que fai público contido literario na nosa lingua. Que non é pouco.
O título escollido para esta estrea é esta Ninguén queda de Brais Lamela, que tamén é a súa estrea na narrativa, así que parabéns aínda máis.
Dígase de primeiras que a novela se sitúa nese territorio mixto, nese territorio intersticial entre a ficción e a realidade, tan na moda nos últimos tempos e no que Berta Dávila é un dos nomes salientábeis. Existe preocupación, xa nunha dimensión que sobarda as nosas fronteiras, sobre se se está perdendo ficción neste tipo de narrativa. A verdade é que o tema, exposto nesas coordenadas, preocúpame pouco, porque sempre será literatura e a literatura se non é multiformal…entón si que temos que preocuparnos. Porén sempre é positiva a reflexión a que se nos convida. Desde logo, sería unha parvada establecer ou requirir cotas de ficción na narrativa, pois a narrativa non só é ficción. Ao longo da mesma novela de Brais Lamela aparece e reaparece a cuestión, non en porfía, mais si o suficiente como para decatarnos de que é un asunto sobre o que a mesma autoría se inquire. Cómpre ler con moita atención estas pasaxes, porque presentan moito interese, porén non é este o camiño que queremos seguir nesta crónica libresca, senón outro que imos enfiar de seguido.
Verán, a novela conta cun deseño editorial en dúas partes, que se corresponden cun troco moi significativo no enredo, que se corresponden tamén con dous focos de atención lectora diferentes. Na primeira parte, un mozo galego que vive nos USA pesquisa sobre a colonización franquista da Terra Cha con xentes ás que un encoro asolagou as súas casas e propiedades. Non é a primeira vez que isto é tratado na narrativa galega, sen ter que retroceder até Xosé Fernández Ferreiro e Morrer en Castrelo do MIño, na novela de Jaureguizar A cova das vacas mortas (2006) achamos concomitancias con esta de Brais Lamela, aquí é a aldea de Ernes, na de Jaureguízar é a de Foxo, mais nas dúas temos a presencia de comuna hippie. Fora diso, e volvendo ao discurso que nos ocupa, o protagonista elabora seis teses sobre o que significa habitar unha casa, un lugar. Esa actividade intelectual tamén é un modo de denuncia desde case o mesmo inicio en que se teoriza sobre cal é parte máis política dunha casa e se expón como o franquismo non só asolagou casa e propiedades da xente senón que condicionou e dirixiu á súa comenencia as vidas das persoas. E está mesturado este estudo do pasado con noticias do acontecer no día a día do mozo. Evidentemente, en principio, tal cousa non semella foco tan atraente como o outro, porén convén mesuralo e repensalo (sobre todo unha vez lida a novela) porque se reflexiona tamén sobre a casa e as pegadas de vida que imos deixando nelas e elas en nós. Alén diso, tamén nesta parte se dá a pesquisa sobre unha muller cuxa vida é un misterio e, desde certa altura parece ademais de misterio tamén se converte en desafío o seu coñecemento.
Na segunda parte o mozo está de volta na Galiza e vai de viaxe a Ernes ver o que atopa. Na primeira parte viuse a creación, nesta segunda examínanse os restos que levaron á fundación. Xa non hai máis teorías como na primeira parte, o cal non quere dicir que non sexa reflexiva, porque si o é. Acá entramos no que particularmente máis me interesa, que é casa como lugar de vestixios, como testemuño e testemuña do paso do tempo, como cofre da vida. Como memoria, en definitiva; porque aínda que sufran modificacións estruturais, sempre que non haxa nova edificación no lugar da vella, ten o poder de supervivencia no tempo. Isto conflúe coa memoria humana, máis fráxil, se se quere, porque non depende tanto do que unha persoa faga como do que os demais poidan lembrar dun. Esta é a gran mensaxe da novela, alicerzada na estrutura. Diría máis, a memoria humana, neste caso, foi quen de pervivir inclusive á implacábel persecución política; porén na memoria humana ou hai solidariedade, interdependencia, ou se volve practicamente obxecto museístico. Sen humanitarismo é lóxico que pouco do home com especie quede.
Son consciente de que polo medio, no enredo, existen bifurcacións temáticas moi interesantes, hai metaliteratura, un repensar sobre como se vai construíndo a literatura, as personaxes, o propio enredo, inclusive sobre a repercusión da ficción na construción do real e ao revés. Tamén dá para iso. Mais a min foime moi difícil non ter presente o poemario de Carlos Lema O álbum da cuarta dimensión, por iso escollín esta focalización temática.
Xa no plano puramente formal non atopei nada novo. Hai que preguntarse até que punto sería posíbel iso. Porén, ese convivio dos pormenores do presente no día a día coa pesquisa a partir de pormenores do pasado que chegaron a pervivir, nun enredo novelístico no que non distingo quebra formal, tamén ten o seu significado se se interpreta como unha eclosión do novo non sobe cinsas senón a partir da sutileza que é posíbel nunha escrita, digamos, non estridente.
Necesito tamén comentar que se trata dunha edición limpa, alén dunha confusión no uso do pronome persoal, é unha edición moi coidada. Necesito comentalo porque nas grandes editoras é frecuente o contrario. Aínda ben que a profesionalidade acha acobillo no amor e mimo polo que se está facendo. Toda unha lección.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)
[…] Ferradura en Tránsito II, publica Xosé M. Eyré unha crítica de Ninguén queda, de Brais Lamela, na que tamén dá a […]
[…] Ferradura en Tránsito II, publica Xosé M. Eyré unha crítica de Ninguén queda, de Brais Lamela, na que tamén dá a […]
[…] crítica de NINGUÉN QUEDA, de Brais Lamela, na nova colección Rúa do Lagarto, de Euseino?, por Xosé Manuel Eyré, en Ferradura en Tránsito II, 28 de xullo de 2022. […]