crítica de MEMORIAS DUNHA VACA MARELA (Afonso Eiré, Hércules Ediciones)

Porxmeyre

16/05/2018

A GRAN NOVELA DA VACA

Título: Memorias dunha vaca marela

Autor: Afonso Eiré

Editorial: Hércules Ediciones

Moi sentidamente escribiu Castelao sobre a vaca no Sempre en Galiza (1944). O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida. Mais que pouco caso se lle fixo. Até o día de hoxe poucas obras se fixaron no valor que vaca representaba para a Galiza. Quizá tivo que ver nisto que, cando a literatura galega esperta do pesadelo da ditadura, o valor en alza era unha literatura urbana, mentres se operaba unha transformación que é a que nos  trouxo deica aquí, hoxe, con menos de 8.000 explotacións que se decican ao gando vacún, quen o diría, desde aqueles tempos en que había vacas en cada casa e vaca era coma un máis da familia. Nese contexto é no que nace a Cachorra, filla da Linda, na casa do Cabanelas da Lucenza, que é a protagonista desta novela de Afonso Eiré. A grande novela da vaca, para facerlle xustiza a un animal sen o cal non se entendería Galiza, a vaca marela, unha vaca da casa, unha vaca sufrida da que se aproveitaba todo, desde o leite até o coiro e por riba era imprescindíbel para o traballo no campo. Ela araba, ela agradaba, ela turraba do carro. A Cachorra coñece todo ese mundo de nova, e participa nel como  a vaca maioral que é. Ela é a primeira en saír da corte e as demais camiñan detrás dela. Ela é a primeira en entrar no prado e escoller o lugar que mellor lle praza para pacer. E ela, xunguida coa súa nai, turra do carro ou do arado, o que lle boten, que para iso é unha vaca ben guiada e case nin cómpre que vaia alguén diante chamándoas.

Até que Manuel Rivas escribiu Un millón de vacas (1990) pasou desparecibida a vaca. No libro de Manuel Rivas non é a protagonista mais serviu como unha primeira reivindicación dun mundo que estaba a sufrir unha tremenda evolución, o mundo do vacún. E desde entón a hoxe non correu mellor sorte. Pero hoxe temos a Cachorra como testemuña desa evolución e así nolo conta en Memoria dunha vaca marela. Porque ela é testemuña da chegada do pastor eléctrico, e xa non cómpre quen as alinde. E tamén do tractor, e xa non cómpre que as xungan máis, só para as sementeiras e  a recollida das patacas, que aí cómpre un arar fino que non é posíbel co tractor. E non só. Porque pouco a pouco a corte vaise enchendo de frisoas, esas vacas pasmonas que só saben dar leite, comer e cagar. Mentres hai corte, porque co tempo o fillo do Cabanelas constrúe un estábulo, lonxe da casa, que enche de vacas frisoas porque se dedica ao leite. Xa non é como cando o Castor recollía o leite no macho, ou cando o Xosé, o amo, o carretaba naquel carreto que para iso tiña. Agora hai tanques de refrixeración e veñen polo leite camións todos os días. Pero o negocio do leite non durou, axiña chegaron as cotas lácteas e con elas toda unha reivindicación do sector. Claro que aínda foi peor cando desapareceron. Para entón o leite na Galiza pagábase, e págase aínda hoxe, menos que resto do estado e chega leite de fóra que se fai pasar como galego. Porque o problema do leite na Galiza segue existindo, e as grandes superficies ofrecen leite a uns prezos que non cobren os custes de produción.

                     Memorias dunha vaca marela é a historia de toda esa evolución contada polos ollos, testemuña e protagonista, dunha vaca marela, a Cachorra, a vaca da casa. Primeiro son o señor Xosé e a señora Inés os amos. A novela, estruturada en dúas partes, conta na primeira a vida mentres o señor Xosé é o amo. Un señor Xosé que entende os animais, que lles fala e os ten coma compañeiros de traballo, como alguén máis da casa. Remata a primeira parte coa morte do señor Xosé. Na segunda, os amos son a señora Inés e o seu fillo, o Pepiño, en mans de quen deixa todo, un Pepiño que deixa a emigración en Suíza e se fai cargo da casa, constrúe o estábulo e o que antes eran cortes xa son unha explotación leiteira. Pois a segunda parte é a historia desa explotación, na que a Cachorra, como vaca da casa que é, segue conservando o seu cortello porque o seu é o único leite que come a señora Inés, que non se afai ao das frisoas.

                     Memorias dunha vaca marela reivindica un mundo que se nos foi, pero que era un mundo sustentábel, esa palabra tan de moda hoxe. Entón, o leite non era un negocio, e mal nos foi cando comezou a selo. A vida da Cachorra, aquela protagonista de Eu tamén fun coas vacas (2001), testemúñao porque ela ve e sente, non coma as pasmonas das frisoas e, cando se decata, ela é  única vaca marela do lugar da Lucenza. Ela testemuña o auxe e declive do negocio do leite porque é o auxe e declive da súa casa. E vive a problemática de cando a Xunta, Madrid e Bruxelas se pasan a pataca quente do problema leiteiro sen que ningunha administración sexa quen de solucionalo. Non esquezamos que preside a Xunta un señor que non sabe porque as vacas teñen sempre nome feminino.

Esta novela debería facernos reflexionar sobre a importancia que tivo, e que ten, a vaca na economía galega, e na cultura tamén.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido