crítica de LOBOS DOENTES, a novela “mulata” de ANtonio Tizón

NOVELA “MULATA” (MOI NEGRA)

Título: Lobos doentes

Autor: Antonio Tizón

Editorial: Xerais

Nisto do encadramento xenérico, como é lóxico cada vez máis complicado, ás veces a xenialidade dun autor, como neste caso Antonio Tizón, bota máis luz que centos e centos de xuizosos e sisudos artigos que pretenden afondar no tema. Abonda un chisco de xenialidade da man da ironía para deixar perfectamente definida a adscrición xenérica en que o autor cre que o seu escrito debe figurar. E velaí teñen a novela “mulata”. A ocorrencia, que sempre é de saudar, neste caso vai máis alén, pois supón unha pre-definición ou punto de partida na cal o xénero negro transcende o típico discurso protagonizado por un detective-policía (de entre ampla galería existente) que resolve un caso delictuoso máis ou menos complicado. Transcende o típico xénero policial-detectivesco, tantas veces confundido co negro, serventía publicitaria que nada ten a ver cunha delimitación xenérica establecida con criterios críticos. Pois eses mesmos criterios esixen que o mundo da delincuencia sexa o protagonista (non un policía-detective, que restrinxe o punto de vista), e se queremos que se acade a excelencia, debe ser un discurso socialmente transversal, pois este submundo non fica nas marxes do marxinal senón que é quen de infiltrarse en calquera estamento social.

A iso. ás circunstancias político-sociais en que se enmarcan as pescudas do policía Sánchez Pereiro está moi atento Antonio Tizón. E cando digo que está moi atento quero dicir que inclusive algunhas personaxes reais (caso de X.L. Axeitos) chegan a formar parte do enredo. Este esforzo contextualizador é moi de agradecer, aínda que a parte “negra” non remate por influír no acontecer político-social-cultural. Tal vez esa sexa unha das razóns polas que denomina “mulata” á novela. Porque do resto a corrupción está presente a todos os niveis. A delimitación entre o ben e o mal non radica no cumprimento das leis, non, non sempre, ás veces cómpre aplicar outro tipo de medidas e aceptar que haxa policías que tamén se poñan ao servizo da delincuencia. Esta loita entre ética e anti-ética está presente en todo o discurso, un discurso que tamén se propón estudar os lindes entre loucura e maldade e finalmente dá entrada a tendencias sexuais sadomasoquistas.

En forma de diario, ou case diario, vanse dando conta dos acontecementos que se desenvolven entre  o 10 de marzo do 2004 e o 23 de xuño do mesmo ano, cun pequeno salto temporal no epílogo. Un epílogo no que se Sánchez Pereiro se xubila; tendo en conta que esta é a cuarta entrega do que será pentaloxía, a expectación é máxima sobre como se resolverá a derradeira novela, aínda máis tendo en conta que a altura literaria que está acadando ten moi pouca comparanza posíbel, moito menos se se trata dunha pentaloxía con estas características, que xa de por si ten un sitio de honra na narrativa galega.

Do resto segue moi de cerca dúas referencias inexcusábeis, Váquez Montalbán e Andrea Camillieri, no que se refire á importancia culinaria, así que tamén o bon comer e o ben beber teñen unha importancia moi salientábel, quizá un chisco en exceso. Tendo en conta que o enredo se move entre A Coruña e Vigo, é bastante máis variada a oferta coruñesa que a viguesa, onde un restaurante acapara case toda a atención.

Esta é unha novela de vinganzas e loita polo poder económico, sexa cal sexa a súa procedencia. Anoten o seu título con letras grandes. Do contrario arrepentiranse.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido