crítica de GOLPES DE LUZ, de Ledicia Costas, en Xerais

Porxmeyre

30/11/2021

BRAVAS MULLERES

Título: Golpes de luz

Autora: Ledicia Costas

Editorial: Xerais

Cando unha autoría “sabe chegar” (como se di vulgarmente) a quen le. Iso é algo que se percibe inmediatamente. Abonda unha páxina, un par delas, para quedar preso na lectura. @s críticos preguntámonos sempre cal é a razón de que iso suceda, e, moitas veces conseguimos ofrecer resposta satisfactoria. Xabier P. Docampo, ese mestre inesquecíbel, non se paraba nestas miudallas técnicas…se tal petición non saía na conversa. El posuía un especial olfacto para distinguir as “autorías de raza” das que só tentaban contar unha historia. E, nese especial olfacto xogaba un rol moi importante a configuración e interralación das personaxes. Se digo isto agora é porque no seu parecer, xa desde os primeiros títulos, consideraba a Ledicia Costas como unha “autoría de raza”. Sei que algo disto xa o contei a propósito da primeira novela de Ledicia Costas, Infamia (Xerais, 2019), son ben sabedor, mais sinto que debo comezar así máis outra vez..

                     Xa o título, Golpes de luz, xoga coa amfiboloxía. Os dous substantivos poden refrirse a dúas cousas com mínimo. Golpes pode significar algo así como o choque violento entre dúas cousas, mais tamén pode referirse a un instante ou acción súbita, repentina. E o segundo pode referirse tanto a un instante (repentino) de clarividencia, como pode ser o nome dunha das protagonistas do romance. Ou as dúas cousas á vez, que tamén é posíbel. O título, na capa, aparece en maísculas. Xa se decatarían que eu optei por titular “luz” en minúsculas. Agora explícolles a razón.

                     Ledicia Costas preséntanos un enredo no cal Xulia, xornalista, despois dun divorcio traumático decide volver de Madrid á Galiza, á casa da nai, Luz, e con ela trae ao seu fillo Sebas. Non é un regreso agradábel, Xulia nunca tivo unha relación fluída coa nai, Luz. Porén non sucede o mesmo con Sebas, que axiña empatiza coa avoa, a cal asimila ao seu mundo de heroes mitólóxicos. Ese mudo de heroes mitolóxicos é máis ben propio dun dos seus amigos, Guerreiro, auténtico experto en todo o que teña que ver cos viquingos…e como a avoa Luz anda diario cun martelo na man e non dubida en golpear con el cando lle parece que a ocasión o require… Esta fusión entre realidade e mitiloxía, non é unha circunstancia máis do enredo, no é ocasional. Ledicia Cotas entremestura moi habilmente os dous mundos, quer porque Sebas e os seus amigos (Noa e Guerreiro) protagonizan o rescate de Luz, cando esta desaparece (o mundo da fantasía sae en axuda do mundo real, mensaxe moi a ter en conta), quer porque Luz se ha ver obrigada a actuar como unha heroína mitolóxica.

                     Hai outra personaxe envolta no enredo, e personaxe fundamental, o Americano, o pai de Xulia. Xulia sabe moi pouco del, só que desapareceu da súa vida cando ela era unha cativa. Agora pretende descubrir máis cousas, aínda apesar do enfrontamento radical que iso supón coa súa nai, Luz. E conseguirao, no remate do romance, mai iso, evidentmeente, non llelo vou  contar.

                     No enredo do romance crúzanse tres habilidades que fan del unha lectura que nos aprehende. Dun lado está a complexa e forte configuración das personaxes. Son personaxes complexas, e aquí inclúo tamén a rapazada, tan complexas como esas que cruzamos na rúa sen imaxinar toda a conflictividade que levan dentro. E esa é unha complexidade dinámica, que se vai transformando, que se vai ennobelando segundo se vai lendo e se van sabendo máis cousas das personaxes. Por outro lado, a típica estratexia de contar unha cousa que agacha outra coa que se nos vai sorprender no remate, está sempre aí no horizonte de expectativas de quen le. E finalmente, a reivindicación feminista, que non só se produce no “golpe de luz” conclusivo senón que percorre todo o romance, sobre todo da man da avoa Luz, unha muller de carácter, unha homenaxe narrativa ás “avoas” que levaron unha vida dura en tempos difíciles e que souberon resolver problemas moi complicados gardando dentro delas esa traumática resolución… e facendo por protexer a súa descendencia como mellor saben e poden.

                     O romance tamén é unha denuncia. Denuncia da violencia contra as mulleres. Que non só é unha violencia puntual, non só é a violencia das labazadas e patadas recibidas, ou das tentativas de violación. Tamén é a denuncia dun tempo onde a muller de máis de 25 anos era tida como fracasada se non conseguía casar antes, pois o matrimonio era o seu único destino. E esta denuncia debe ficar ben clara, e reflectila ben alto nuns días onde a sociedade está sendo habituada a perder dereitos nesta “nova normalidade”. Hai fronteiras que non se poden cruzar. E a dos dereitos adquiridos, conquistados nunha dura e constante reivindicación, polas mulleres é unha delas. O feminismo constitúe un diadeario social contrainvolucionista de tremenda importancia, un faro que non deixa de alumear, e del saen os golpes deluz necesarios para que a sociedade non perda o rumbo.

                     Denuncia machsita e denuncia patriarcal.

                     Ben, tamén hai dous pormenores no enredo que non son precisamente positivos. O primeiro é a onomástica híbrida, nunca deixarei de defender a paráctica onde a onomástca galega sexa usada en toda a súa potencialidade, nunca transixirei coa hibirdación coa onomástica castelá. Nunca, significaría asimilar a derrota lingüística, o comezo dunha substitución imparábel. O segundo tamen ten a súa trascendencia polas implicacións que del se desatan. Un enredo debe, antes de nada, ser críbel. E calquera cousa que interfira nesa credibilidade resulta un pexo negativo. Aquí acontece cando rouban gasolina dun tractor. Que eu saiba só hai tractores a gasolina para a razapaza, construídos a escala reducida- a non ser que se trate dun motocultor, cousa que non se indica. Porque o combustíbel do tractor sempre foi o gasóleo. Na Unión Europea son contadas as unidades de tractorres a gasolina existentes, importadas dos USA hai décadas. Unha mágoa porque o efecto tóxico do gasóleo é similar, ou peor, que o da gasolina e o enredo non se vería prexudicado.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido