GALICIA EN BUS
Título: Galicia en bus
Autora: María Reimóndez
Editorial: Xerais.
Equilibrada, quizá é a palabra que mellor define esta entrega de María Reimóndez na colección poética de Xerais. Nin vehemente nin fría na expresión lírica dun libro que é a vez interior (atento á expresión íntima do sentir) e exterior (poucos libros de poesía tan físicos, tan xeográficos). O libro organízase en catro partes, catro partes que teñen que ver coa organización dunha viaxe: “Puntos de partida”, “Os traxectos”, “As estacións”, “Destino?”. Din que a viaxe é a metáfora da vida e en Galicia en bus cúmprese esa premisa. Unha viaxe interior e exterior, unha viaxe interior que afecta ao sentimento en canto introspección, esa está sempre asegurada porque o libro é puro sentir, unha viaxe exterior que se manifesta nos traxectos, traxectos, estacións, puntos de partida, destinos que condicionan en certa maneira a viaxe interior. En certa maneira porque a viaxe interior está asegurada sempre só que aquí os lugares físicos teñen a virtude de esixir resposta emotiva. A poeta non pasa en valde polos diferentes lugares, pasa e sente e ese sentir queda reflectido no libro. Un libro dunha poesía que flúe natural, este non é un deses libros que retorcen a palabra ata adecuala ao seu significado, que retorcen o poema ata que é expresión limpa do sentir. A de María Reimóndez é unha expresión limpa e pura que queda anotada sexa primaverán, verán, outono ou inverno. Desde este punto de vista Galicia en bus é coma un caderno de campo no que se van rexistrando emocións e reflexións co paso do tempo. Porque ese é outro dos equilirios, o quilibrio entre emoción e reflexión, ambas condicionadas pois nacen unha da outra.
A localización dos poemas é moi variada, desde Pontevedra a Lugo, pasando por Silleda. As Cíes, Píldaro, Xolda, Poza da Ola, Vilalba, Lalín, Becerreá, Ancares, Tres Bispos, Vilouta, Brenlla, Xallas, Mazaricos, Santa Comba, Perillo, Xanceda, Mouriscade, Compostela, Rivadavia…E ás veces chega a ser tan precisa que nomea o edificio en cuestión (edificio Lucía), e o lugar concreto (bar Río Eo). Como vemos temos aí, nesa paisaxe tamén sentimental, cidades, vilas e lugares de entidade menor. Vistas desde unha perspectiva feminina e política, pois non se pode concebir unha perspectiva feminina sen a súa correspondente vertente política, ambas e dúas esíxense. De xeito que as viaxes son viaxes tamén da memoria, o ser humano non pode vivir sen ela porque o ser humano é, ao final, memoria.
En canto ás liñas de transporte público tamén teñen o seu protagonismo. Santiago-Vimianzo, liña de Fisterra, empresa Arriva; Ourense-Lugo, empresa La Directa; Tui-Ribadeo, empresa ALSA; Santiago-Corcubión, empresa Arriva; Ourense-Vigo, empresa Castromil; Lugo-Viveiro, empresa Arriva; Santiago-Fisterra, empresa Arriva; Vigo-Asturias, empresa ALSA; Cangas-Bueu, empresa Cerqueiro; Vigo-Lugo, empresa Gómez de Castro. Dan unha idea da extensión xeográfica que cobren os desprazamentos da voz poética, unha voz poética que se despraza por Galiza na súa extensión sen un roteiro prefixado. As viaxes vanse dando e con elas as anotacións nese caderno de campo que é o poemario.
O poemario, ese caderno de campo, tamén ten un protagonista innegábel, un libro: O transporte público rodoviario na Galiza, do que é autor M. Roda e que a autora coñece moi ben pois inclusive ten acceso ás notas manuscritas do devandito libro, e asistiu á súa defensa cando era tese de doutoramento, documentando as reaccións do tribunal así como as do propio autor. Un libro que lle vén moi ben á voz poética, pois aínda que semella un libro administrativo o seu contido é moi social e aparece citado en multitude de ocasións, ás veces ocupando a cita o lugar do poema. Non se podería concebir Galicia en bus sen a interacción do de M. Roda, que vén aquí como mel nas filloas.
ASDO.: Xosé M. Eyré