O ESPELLO DA HUMANIDADE
Título: Enfermaria
Autora: Ana Paula Jardim
Editorial: Guerra @ Paz
Dise das enfermarías que son lugar de repouso e curación das máis diversas afeccións que quebran a saúde do ser humano. E ben válida é esta definición para o poemario que temos entre as mans. Mais cómpre engadir que a enfermaría non é un edificio pechado, senón que dispón de espazos exteriores onde @s enferm@s poidan convivir. Xustamente, o primeiro poema ten como centro os xardíns, que, inevitabelmente tamén constitúen o acceso aos hospitais ou sanatórios. O poema serve tamén de adianto da estratexia poética que imos atopar no libro, e que se basea en dous eixos: descrición e análise, en contigüidade ou amalgamados. A colaboración activa de quen lea é moi importante, pois este non é un poemario festivo nin alegre pirotecnia poética. Non, este libro, finalista de Premio Glória de Sant´Anna do presente ano, esixe reflexión. O cal non quere dicir que non desfrutemos coa preciosa escrita de Ana Paula Jardim, unha poeta que se consolida como unha das voces poéticas máis interesantes de Portugal, cunha técnica moi traballada onde cada verso é unha pérola, que aquí se van fiando até chegar ao final.
Para iso iremos lendo como no seguinte poema describe a xente que nos “sanatórios” podemos atopar. Dun sanatorio a outro é posíbel que atopemos diferente doenzas, mais o estado de ánimo sempre vai ser moi parecido. Dicimos isto porque en todo o poemario se esixe que quen le extrapole á vida real. Continúa coas “salas de cirurgia”. E a cirurxía é necesaria non só como unha urxente posibilidade de salvación (tamén se contempla a morte), non só no plano individual senón tamén no social, o cal é válido para todo o poemario. Xusto despois detense nas “galerías de cura” onde a xente agarda sentada poñerse ben; mais a voz poética convérteos en plantas esperando unha fotosíntese que os transforme.
Estando sempre presentes, @s enferm@s teñen pouca capacidade de actuar pola súa conta, pois son emferm@s, teñen a saúde afectada. Hai aquí un simbolismo doado de detectar: non estará pasando o mesmo no mundo? Non será que actuamos como autómatas e os nosos actos non deciden nada? Suficiente como para considerar a enfermaría como unha imaxe do mundo. Desde esta perspectiva acentúase a consideración da voz poética como humanitarista. Cando lemos decatámonos de que o poemario é un tránsito entre as diferentes salas do sanatorio. Hai, polo tanto, moita descrición, e moita poesía nesas descricións, que deixan paso ao sentir propio d@s enferm@s e inclusive á voz poética.
Ás mencionadas xa debemos engadir “internamento” “Urgências”, “Éter”, “Cardiologia”. “Anestesia Geral”, “gastroenterologia”, “Farmácia”, Ressonância Magnética”, “Alzheimer”, “Agulhas”, “Esterilizaçação”, “Punção Lombar”, “Lavatórios”, “Refeitórios” “Dietas”, “Bilis”, “Escalas”, “Ambulância”, “Cinematógrafo”, “Recepção”, “Esplanadas”, “Biblioteca”, “Capela”, “Sacerdócio”, “Requiem”, Cesariana e, no Epílogo. “Penélopes de Almalaguês”. Esta listaxe indica a variedade de climas poéticos que debe recrearr a poeta. E non só os recrea senón que o fai con moita perícia. E avisa tamén que este poemario non é o resultado da simple adición de poemas casuais, senón que desde un principio existe unha idea xeral que se materializará nos poemas que compoñen o libro e da cal xa falamos
Ana Paula Jardim aínda ten a habilidade de incluír temas como o “carpe diem”, a visceralidade da poesía, o valor das palabras e a memoria, Alzheimer, a natureza, a sensación de caos ou confusión, o delírio, o desterro que significa exercer calquera das artes, o home perdido (e sen regreso a Ítaca), o amor, a poesía como vía de escape sen importar a superfície sobre a que se se escriba, a reflexión e o medo a non volver estar vivos, a non existencia dun Salvador, o regreso definitivo ao útero, a maldición de Penélope e todas as tecedeiras que tecen desde a dolor. E, naturalmente, as enfermeiras. Por un sinal.
Trátase de poesía das doenzas, desasosegante no punto xusto e necesario. Como individuos e como sociedade sérvenos de alerta, de aviso. Para reaccionar ou para deixar de ser espectadores que non se inmiscen no devir histórico ou puntual de cada problemática. Diría que sobre todo para estes, a ver se espertan dunha vez e conseguen xuntar a súa forza e presenza rebeldes a quen xa está en loita.
Non quero cualificar o poemario de pesimista. Está claro que optimista tampouco é. Mais si é o suficiente optimista e o suficiente pesimista como para provocar en quen le unha reflexión que, nos días de hoxe, é moi necesaria e pertinente. Dar atopado ese eixo da pirámide é un dos grandes achados de Ana Paula Jardim.
ASDO: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)