NOVENA ENTREGA DA SAGA FRANK SOUTELO
Título: Buscando a Dalia
Autor: Miguel Anxo Fernández
Editorial: Galaxia
Contra o que se afirma na lapela da contraportada a saga de Frank Soutelo conta con nove títulos e non oito. Oito son que leva publicados Galaxia, porén existe outro de 2010 publicado fora da editorial Galaxia: Frank Soutelo e o manuscrito de Cabanillas. E consideramos que, malia este contar con bastante menor extensión (66 páxinas, se non lembramos mal) non debe ser excluído do cómputo da saga, aínda que este enredo sexa reutilizado en Bícame, Frank. De feito autorías clásicas, como Andrea Camillieri na saga Montalbano. non só utilizan o formato novela senón que inclúen outros máis breves.
Alén diso cómpre valorizar con xustiza que un mesmo detective chegue a protagonizar nove títulos para a literatura galega é algo histórico, e a maiores nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia o 13 de setembro anuncia que xa ten outra avanzada e xermolos doutras. Por outra banda Miguel Anxo Fernández sitúase conscientemente na tradición do detective sometido ao tempo biográfico, fronte ao detective serial tradicional que permanece practicamente inalterable —Maigret é o exemplo clásico e Brunetti un exemplo contemporáneo. Dicimos isto sabendo que saga de Frank Soutelo xa se achega aos 25 anos de perdurabilidade desde a súa aparición en 2002 con Un nicho para Marilyn. Sería desexábel que ao longo de 2027 se levase a cabo algún acto en celebración diso.
Polo que respecta a esta novena entrega da saga Frank Soutelo o enredo céntrase basicamente n¨O Carballiño, pois aí se desenvolven os fíos da trama, o cal se complementa coas inevitábeis visitas á tía Castora, unha tía Castora que xa perdeu facultades físicas, ás veces necesita andador e xa non ve ben, polo cal delega na súa filla cociñar eses pratos de que Frank tanto gorenta, mais segue sendo esa muller que atesoura unha inmensa sabedoría popular que lle transmite a Frank a través de refráns ás veces cargados de retranca que convidan ao sorriso e tamén á reflexión. Ademais o discurso atende decididamente a actualidade política e de aí xorden outras pasaxes de ton irónico e retranqueiro que mesmo poden provocar gargalladas en quen le, feito que tamén hai que valorizar con xustiza pois nas autorías máis novas esta característica da cultura galega está desaparecendo.
A desaparición de Dalia Maxino, pola que Frank sente respecto e admiración debido a súa competencia como detective de Securitas Suevia, e cuxa colaboración lle ten axudado no transcurso das súas pesquisas. A partir deste detonante desenvólvense eses fíos tramáticos de que antes falabamos, aparecendo asasinatos, especulación urbanística e comercio ilegal con moedas antigas; que o sabuxo de Los Ángeles e os seus habituais colaboradores (Pat, o sarxento da Policía Local Franeiras, Poncio e o inefábel, ambivalente, canalla e con algo d carismático Sugar Jones) deberán resolver para atopar a Dalia
O discurso posúe un ritmo áxil e inclusive poderiamos dicir que estrutura novelesca ten bastante de cinematográfica, o cal contribúe a quen le se manteña apegado ás súas páxinas e agarde con moito interese unha nova entrega da saga Frank Soutelo, dun Miguel Anxo Fernández que no ámbito da novela detectivesca e negra se amosa como un autor imprescindíbel e que leva case 25 anos demostrándoo. E para rematar volvamos a epígrafe paratextual do inicio que a ansia de comezar a lectura en moitas ocasións fai que pasemos por el con pés de la: “Para ti que estás / Para vós que sodes”; un compromiso que cremos non necesitar explicar.
E, coma sempre, non merquen só un exemplar, merquen outro para agasallar pois persoa agasalla sentirao como un bico.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)

