DISTOPÍA SIMBÓLICA NECESARIA
Título: Barata minha barata
Autor: Alberte Momán Noval
Editorial: Chiado Books
Pasa moitas veces. É mellor non dicir as cousas polo dereito e tal e como son. Porque a xente quere crer o que quere crer: aquilo que non lle supoña un problema, aquilo que non o incomode, aquilo que non lle esixa tomar decisións ou posicionarse en contra ou a prol de algo. Convén darlle unhas voltas, empoderar as palabras da súa capacidade simbólica para facer pensar o interlocutor coma se estiveramos falando doutra cousa. É o que fai Alberte Momán Noval nesta nova distopía, escrita en portugués e publicada por unha editora portuguesa. Preséntanos un universo ficcional onde as cascudas, as baratas, se fixeron co control da humanidade. Elas atacan ao ser humano, traban cunha forza inusitada, como acontece no primeiro capítulo, e non é doado desfacerse delas, só se consegue con moito tesón e mesmo moita dolor. Mesmo colonizan o propio suxeito do ser humano e, desde que un se deixa colonizar é moito máis feliz, ve as cousas doutra maneira, como tamén lle ocorre a outra personaxe.
Resulta este un mundo distópico preocupante e simbólico. Mais, nesta altura, o lector, o crítico, faise unha pregunta: de verdade é un mundo distópico simbólico? Acaso o mundo non está cheo de cascudas, en postos de poder e tamén como viciños? É que non son auténticas cascudas, insectos noxentos a dirixir e condicionar a nosa vida? Insectos, porque son seres pequenos, de mínima actividae cerebral e duro esqueleto corpóreo. Noxentos, porque representan o peor que o ser humano pode chegar a ser. E están aí, non cómpre esforzarse para velos. Canta razón tiña Celso Emilio! Mais non todas as cascudas estaban no Centro Galego nin eran emigrantes enriquecidos e culturalmente apequenados. Non. Están por todos lados. Xa o dixemos, nos centos de poder e na nosa veciñanza. Poder, por cativo e precario que pareza, poder de condicionar a nosa vida, ou poder político, económico, cultural, militar, relixioso, xurídico…
E mentres tanto que, non hai xente? Si, hai xente, hai personaxes que se deixan colonizar polas cascudas e son felices, e tamén hai xente que camiña un tanto desnortada, sen ilusión, porque algo hai que facer para comer, e faise. E tamén hai outros que entran no xogo da sodomización, e déixanse sodomizar, ese é o seu rol. Mesmo hai un xigante. Un ser enorme. Que como é xigánte presupoñémoslle poder, e interactúa sobre todo cunha moza que traballa nunha tafona. Mais o xigante, por moito que sexa o seu poder, tampouco é solución ningunha, tamén entra no xogo da sodomización, mesmo sodomizando cascudas, e deixándose facer sexo oral. Certo que parece que se lle nota un pouco de afecto pola moza da tafona. Mais en canto é percibido que a xente da tafona supón un perigo para a orde establecida, íllannos cun muro. Que está de moda iso de erguer muros, óllese para o “señor” Trump, alguén seguramente o incluiría como rei das cascudas, e o seu empeño en illarse de México mediante un muro. E iso non é todo, porque unha vez illados, son un albo perfecto para algo que non imos desvelar e que constitúe o remate, a conclusión dunha trama que presenta unha sociedade fortemente clasista, que acomoda o espazo urbano, o espazo dunha cidade que pode ser claquera, de xeito que unhas raias brancas sitúan as persoas segundo o seu status social.
Queda por mentar que se insire tamén un certo discurso que pode ser interpretado como resistencia ao poder das cascudas, sobre todo na primeira parte da novela. Mais é un discurso fechado en si mesmo, estéril.
Eis, logo, unha novela breve distópica e símbólica á que non custa atoparlle correlato real, e que encaixa perfectamente na personalísma obra que vén caracterizando ao autor, Alberte Momán. Unha distopía necesaria para que exerza de metáfora narrativa que faga pensar a quen non acredita na realidae socila que estamos a vivir, ou simplemente non a quere ver. E aínda sí, a quen llo conten, aínda haberá quen diga que son cousas, imaxinacións febrís, de escritores ociosos.
O surrealismo asobállanos!
ASDO.: Xosé M. Eyré