AS VOLTAS DO PRISMA
Título: As faces do diamante
Autora: Celia Díaz Núñez
Editorial: Galaxia
O símil de que vida é como un prisma que en cada cara nos ofrece unha versión diferente das contiguas, de tan utilizado que é como como estratexia narrativa nunca deixará de sorprendernos. Tan limitada é a nosa percepción que nin sequera como testemuños dunha desas caras, pois só parcialmente a coñecemos. De aquí pódese extraer unha das características fundamentais de todo texto (escrito, mais non só) ao propiciarnos un mellor coñecemento do mundo e tempo que vivimos, viviron ou inclusive é posíbel que vivamos. De aí que, por máis utilizada que sexa non deixa de ser unha impagábel de entender tanto a sociedade que nos envolve, como esas persoas que cruzamos na rúa, que nos acompañan no transporte público, como a herdanza que nos deixaron os devanceiros, ou, como dixemos, as posibilidades vitais que se aveciñan. Case se podería dicir que este é un coñecemento cosmolóxico, mais imos reducir as expectativas á reflexión humanística que nos proporciona e esixe, que non é pouco precisamente.
Clara Díaz Núñez, nesta súa nova entrega posiciónanos expectantes diante dunha realidade compartida por diversas personaxes que viven condicionadas por un único suceso que as afecta de desigual maneira a cada unha, pois cada unha ten o seu propio ángulo de percepción, os seus propios interesas e, polo tanto todas se senten inmiscidas desde el. Así, imos atopar unha muller que camiña con zapatillas rotas para ir facer as compras ou á misa, á vez que nos convida a reflexionar sobre a vellez e a soidade tamén introduce un motivo que, desde a súa sinxeleza, funciona como fío condutor: as aves engaioladas que cobren unha parede. Coma se foramos nós, coma se fora a nosa gaiola particular. O segundo relato tráenos a unha nena xudía que vive nun gueto de Varsovia; un relato moi doloroso polo contraste entre as ilusións e soños da rapaza coa situación que vive, viviu e lle garda por vivir. Xa é un relato poliédrico que nos chega nas voces de diferentes personaxes que tecen o relato no fío da rapaza. No terceiro volven as gaiolas e a seguir chega outro relato poliédrico , un home promételle a muller, que está morrendo, que non volverá casar; tal decisión vai influír na vida dunhas personaxes que nos contan como esta se produce e o alcance que ten. Os paxaros nas gaiolas volven despois, E a seguir vén unha meniña recatada dun colector de lixo. As gaiolas pasan a ser colectores de lixo, non pasen por alto esta evolución, nin a seguinte onde Toño fai bolboretas de papel con Rachel (segundo relato) para que non estea triste. De aí pasamos a outro onde un vello pretende unha moza boliviana, el é compórtase coma un conquistador que administra as súas terras e os seus traballadores e traballadoras, mais nin a moza quere perder a súa independencia nin tod@s @s operari@s vén ben continuar nese estado de escravitude; contraste entre colonizadores e colonizad@s. Despois, ímonos achegando ao remate, vén un relato premiado no certame de contos “Breogán”, do Centro Galego de Barakaldo. Ano 2007, que lemos estruturado entres partes. Ponlle ramo ao libro “Casa perdida”, con dona Carme e as súa lembranzas e como o mudo avanza alleo á sentimentalidade da xente.
Velaí teñen un breve percurso por este título onde nada é alleo a nada, todos debemos sentirnos afectados polas situacións que nos achega, que á súa vez gardan unha contigüidade moi ben pensada, non se trata dun libro de relatos amoreados máis, nin é un libro que quede pechado tras a lectura do conto final, sempre que vostedes, que son quen le, se sintan implicados pola lectura. A autora cumpriu a súa parte, agora queda en mans de vostedes.
ASDO.: Xosé M. Eyré Val
(Membro da Asociación da Crítica Galega)