crítica de ALGORITMOS, de Xavier Queipo, en Galaxia.

Porxmeyre

22/08/2022

 A ELEGANCIA NO WAY NOT TAKEN

Título: Algoritmos

Autor: Xavier Quipo

Editorial: Galaxa

As misceláneas, eses libros cheos de escritos heteroxéneos polo menos en canto á súa temática, con ter tanta tradición detrás, nunca deixarán de ser un xénero extaordinariamente atractivo tanto para as autorías (séntense liberadas de afondar nun tema, e tamén de afrontar retos expresivos se é o caso) como para esas lectora e lectores que procuran textos onde gozar das excelencias literarias de determinadas autorías. Resulta curioso: constitúen un lugar moi propicio para a experimentación na escrita, porén case nunca atopamos aí escritas iniciáticas senón, coma neste caso de Xavier Queipo, outras que xa consagradas ás que lles importa ben pouco tanto a crítica como responder ás “esixencias” que están na moda. Tamén cómpre salientar, a propósito disto, que aínda haxa editores que primen a excelencia literaria ( segunda vez que usamos estes termos) sobre as posibilidades de acadar altas ratios de vendas, é unha aposta pola Literatura con maiúsculas que quen sabe gozar da arte verbal agradecemos moitísimo.

Os Algoritmos de Xavier Queipo encaixan á perfección no que acabamos de dicir, pois son un caderno de notas, eses cadernos de notas onde as autorías deixan constancia escrita das sensacións que acoden ás súas mentes no duro exercicio disto que se chama vivir. O título obedece a que os algoritmos ditan o noso acontecer vital, ou botando man deles se explica. Neste sentido, as prosas aquí reunidas reflicten o que Xavier Queipo foi percibindo en diferentes momentos ou ocasións. Algunhas destas prosas non só teñen interese para curis@s, pois tamén son útiles á hora de explicar por que escribe como escribe. Vexamos un exemplo que ilustra a natureza delas: “Precisamente iso, un exercicio de análise, de pensar fóra da norma, de intentar expresar ideas e sentimentos, é o que pretendín con estas notas heteróclitas, aloucadas ás veces e en exceso racionais outras, para narrar o proceso, para contar como percibín as sensacións, para construír o meu correlato do que aconteceu a redor de min como escritor e como home (141)

A cita corresponde a un momento en que o autor reflexiona sobre o que está a piques de rematar, e mellor explicación non se pode pretender. Mais quero chamarlles a atención sobe un aspecto que me parece fundamental: a forma. Xavier Queipo nunca foi escritor “dentro da norma”, mais pouquísimas veces imos atopar autorías “fóra da norma” que escriban con tanta elegancia. Non atopo mellor maneira de describir estas prosas de Xavier Queipo, non é autor que tema tocar temas conflitivos e é autor que dunha simple anécdota sabe extraer gorentosos zumes literarios, mais sempre, en calquera momento, a elegancia na escrita é unha constante, unha invariábel, o cal indica que os textos que lemos foron sometidos a un intenso traballo formal. Aínda máis direi, hai moitísimos anos que non falamos, porén teño claro que a elegancia no vivir e se expresar xa é a marca de auga de Xavier Queipo, ollen se non as columnas coas que nos deleita en Nós Diario e como se axustan ao que acabamos de dicir.

Vexamos agora outro salientado, neste caso da páxina 70. “ Se só lemos o que é politicamente correcto, ideoloxicamente aséptico ou fatalmente certo, corremos o risco de descoñecer os outros mundos que habitan neste, de illarnos nunha cápsula de atmosfera modificada que nos protexa da realidade, que nos afaste da confusión da desorde, que limite o noso campo de visión, que aborte a nosa perspectiva, cando o rol do escritor é precisamente o oposto, a procura do way not taken / ·”do camiño que ninguén elixe””  (subliñados de orixe). Velaí unha perfecta definición tamén aplicábel á escrita de Xavier Queipo. Polo que estas prosas misceláneas tamén han servir para esclarecer a escrita do autor, no primeiro caso aplicábel a estas páxinas, no que vimos de ver extensivo a toda a súa obra.

Eis, pois, unha perfecta ocasión para gozarmos de literatura, de escrita de alto calibre, inconformista na súa esencia mais dunha elegancia narrativa poucas veces vista. Pode parecer que cualificar como elegante unha escrita é un xuízo de valor. Porén gustaríame que se decataran de que a elegancia narrativa ten que ver tamén cun espírito que non procura epatar por epatar e si explicarse e explicársenos atinxido pola diversidade que caracteriza o mundo que nos toca vivir. Ademais dunha selección léxica moi coidada na expresión dos contidos, esta maniféstase nunha sintaxe moi rica que non só transmite a complexidade vivencial porque tamén marca un ritmo narrativo no que quen le se sente arrolado na compañía dun sutil observador da realidade, sensíbel na súa apreciación, valente porque non refuga ningún tema no caos que tantas veces é a vida, serio na expresión mais sen esquecer o punto irónico unhas veces…e outras esa distancia que serve para que o observador (o propio autor) nos transmita a súa contemplación procurando imparcialidade mais sen que iso represente non atender os chamados do eu que apelan á visión particular.

 Que queren que lles diga? Na miña opinión: pura elegancia narrativa, non acho mellor forma de describir esta lectura.

ASDo.: Xosé M. Eyré      (Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido