crítica de A MEMORIA DOS PAXAROS, de Teresa González Costa, en Xerais.

Porxmeyre

30/09/2020

NOVELA NA DEFENSA AVÍCOLA E DA BIODIVERSIDADE

Título: A memoria dos paxaros

Autora: Teresa González Costa

Editorial: Xerais

Desde hai corenta anos para acá avanzouse moito na concienciación cidadá para a defensa do medio ambiente. Na concienciación teórica. Reciclamos o lixo. Temos coidado de non deixar cabichas no monte. Non tiramos lixo nos ríos/mares. Cousas así. Porén, iso non quere dicir que debamos conformarnos. Nin sequera podemos sentirnos content@s, porque hai países, culturas, que o fan mellor ca nós. Sen ir máis lonxe, os nosos montes de hai 40 anos estaban mellor coidados, podías beber de calquera fonte e a auga era riquísima (hoxe, se alguén atopa unha fonte nunha camiñada, por exemplo, é mellor que se abteña de beber a menos que coñeza ben esa auga), os camiños (hoxe asfaltados como estradas) estaban limpos (e nas estradas inza todo tipo de mata que despois queren erradicar con pesticidas)…Son exemplos de como na mudanza de hábitos (de rurais a urbanos) non soubemos conservar un trato coa natureza que benefiaba tanto o medio natural como a nosa propia vida. O abandono do rural, o enevellecemento da poboación no rural, tamén ten moito que ver.

                     Lembro unha veciña, a Elisa, que con 90 anos atopabala limpando nas marxes dos carreiros polos que tiña que pasar…ou onde simplemente inzaran silvas, fentos, xestas ou mimosas que non debían estar alí… Todo un exemplo.

                     Volvendo á literatura, non hai moito Afonso Eiré publicou A maxia da auga, e tamén están de actualidade publicaións de Antonio Reigosa -referímonos tanto aos artigos diarios de Nós Diario, como a Guía de campo da Galiza encantada (Xerais, dela trataremos a non tardar). Dito sexca por sinal. Son títulos, son libros que, alén de comunicarnos aspectos máxicos da nosa cultura, alén de ofrecernos unha visión das cousas que o paso do tempo quere soterrar para sempre…tamén nos retrotraen a tempos nos que a natureza era tratada doutra maneira, con moito máis respecto.

                     Teresa González Costa, en A memoria dos paxaros fabula unha trama totalmente actual ( e seguirá sendo actual por moitos anos que pasen) que se fixa no mundo avícola, no mundo das aves, un mundo que moitas veces esquecemos porque poucas, moi poucas veces interactuamos con el. Antes ( hai 40 anos) o normal era que a cativada soubera os nomes dos paxaros todos (ou a inmensa maioría) que pola súa zona pasaban ou na que habitaban. Hoxe, a rapazada distingue uns pouquiños e do resto só sabe que voan polo ar. Por iso, novelas como esta son moi necesarias na nosa literatura, na nosa cultura.

                     Mencionamos os  paxaros porque a trama argallada por Teresa González Costa xira a redor deles. Podería ser calquera outro elemento do medio natural, mais aquí son os paxaros, as aves. Non sei se é unha cidade ou unha vila, na novela non fica claro; nun lugar da costa vive un ornitólogo coa súa familia, a avoa e a filla. Ten unha “reserva de aves”, onde coida dos paxaros que sufriron algún percance. Esta  reserva está ameazada por un construtor-especulador sen escrúpulos que pretende urbanizar-construír xustamente onde está a reserva, e tamén en lugares onde hai penas que conservan a memoria de paxaros. Non direi máis da trama. É momento de indicar que a partir desta lectura se pode debater na aula sobre a especulación urbanística, por sinal, o coidado do litoral como medio natural e o coñecemento que temos “da linguaxe dos paxaros”. Linguaxe das aves? Pois si. Non se trata de falar con elas, esa fantasía que tamén está presente na novela, se non temos suficiente imaxinación como para afrontar esa fantasía (os adultos, para adolescentes e rapazada é moito máis sinxelo) cómpre lembrar que as aves sempre foron, sempre nos comunicaron cousas. Tradicionalmente o voo dos paxaros era considerado de bo ou mal augurio segundo voaran de dereita a esquerda oua o revés. O canto dalgunhas aves anunciaban morte. E outras traíannos outras mensaxes. Nin é momento de explicitalo agora nin eu me considero suficientemente competente no asunto, aliás ficou ben claro que os paxaros si nos comunican cousas.

                     Ademais de lembrarnos a importancia da linguaxe dos paxaros, ademais de lembrarnos a iprescindíbel memoria dos paxaros, que imos perdendo cada vez máis segundo as cidades medran cada vez máis, aquí tamén constitúe un elemento da trama. Haberá quen considere a trama excesivamente fantasiosa. Tanto ten. Neste caso bótase man da fantasía para reivindicar unha máis e mellor atención ao mundo avícola, ao mundo dos paxaros. Xa non porque sexan máis ou menos fermosos. Xa non porque o seu canto nos agrade en maior ou menor medida. Simplemente porque sen eles, sen os paxaros, non habería vida neste planeta. Son parte fundamental da biodiversidade que permite e fai posíbel a vida humana no planeta Terra. E imos perdendo a súa memoria. Canto máis cidadáns somos, menos lembramos o mundo dos paxaros. Da rapazada urbana actual, cant@s foron algunha vez procurar niños? Si, antes era unha forma de lecer. Íase aos niños collíanse algúns ovos ás veces, mais nunca todos, sempre se deixaban os suficientes para asegurar o nacemento de crías…e que eses paxaros volveran aniñar alí (ou nas inmediacións) para poder volver subirlles ao niño cando se trataba de paxaros que repiten nas aniñadas, que non todos o fan.

                     Mais volvamos á novela. É unha novela infantoxuvenil. O protagonismo de personaxes desa idade está asegurado. E tamén a convivencia de adultos que os aconsellan e lles axudan. Non todo é cousa dos adultos. Na novela tamén fica clara a necesidade de que @s moz@as lles lembren aos adultos a necesidade de conservar o medio natural, e non só o medio natural en si senón tamén o coñecemento necesario dese medio.

                     Como novela de aventuras que é, o suspenso creado resulta efectivo, mantén a atención de quen le na evolución da trama e as personaxes, aínda que algunhas sexan tópicas (as vellas laretas, por sinal) en xeral resultan críbeis, próximas, recoñecíbeis. Sobre todo Celeste e o seu amigo, que son as que máis van interesar a este tipo de lectorado. Do resto, e como xa indicamos, a novela introduce conceptos moi acaídos sobre os cales debater na aula.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido