TRAXEDIA NO MAR
Título: A lei do mar
Autor: Manuel Esteban
Editorial: Xerais
Se me propoñen unha lectura sobre traxedias no mar, penso en Hixinio Puentes, que nesta mesma casa editorial deu a luz un monllo das mellores novelas escritas sobre as traxedias marítima : Aguillóns de Ortegal, Monbars o Exterminador ou WInnipeg conteñen das mellores páxinas escritas sobre isto.
Se me propoñen unha lectura sobre os homes mariños, penso en Xurxo Souto, que tamén nesta mesma casa editorial deixo O retorno dos homes mariños
E ambas e dúas teñen o seu que ver con esta nova novela de Manuel Esteban, que procura atopar novos rexistros narrativos á marxe do inspector Carlos Manso, da man de quen se deu a coñecer entre nós
Novelas que se desenvolvan no mar hai moitas, desde a mítica O vello e o mar, de Hemingway ( hai tradución ao galego da man de Carlos Casares, en Galaxia, 1998) até as mentadas de Hixnio Puentes. Novelas que desenvolvan o tema da migración forzada de africanos cara a Eurropa tamén hai xa un bo feixe delas, estas son as máis relevantes: What Strange Paradise, de Omar el Akkad ( editorial Knop /Penguin Random House) conta a historia dun neno refuxiado que logra sobrevivir ao cruce marítimo e da rapaza que o acolle nunha illa mediterránea. A obra expón moito a dor do paso e o papel da compaixón fronte ás burocracias europeas; Mur Méditerranné , de Louis-Philippe Dalembert (2019, Sabine Wespieser Éditeur, hai versión inglesa) trata sobre tres mulleres de diferentes partes do mundo (Nixeria, Eritrea, Siria) e os seus viaxes desprazados cara e ao redor do Mediterráneo. Aborda a migración, as fronteiras e a forza das historias persoais.; Gehen, ging, gegangen, de Jenny Erpenbeck (2015, Albrecht Knaus Verlag), versión en inglés de 2017, unha lectura poderosa sobre migrantes africanos en Alemaña, sobre identidade, memoria e exclusión social. A obra crítica tanto as políticas europeas como a actitude social fronte aos desprazados. Travelers, de Helon Habila,( 2017, en Hamish Hamilton / Penguin Random), explora as vidas de refuxiados africanos en Europa, as súas esperanzas e dores, o desfasamento entre a identidade e a condición de migrantes. Pode servir para reflexionar sobre o impacto humano das políticas que denuncias; A tribo do mar, de Lois Pérez (Xerais, 2023), que relata a chegada de migrantes a través do mar Mediterráneo e reflexión sobre soidade, identidade e acollemento.
Comprobamos pois, que este non é tema orixinal ne literatura galega, mais case, Lois Pérez adiantou-se cun título para mozos e mozas, porén A lei do mar vai dirixida a lectorado adulto Comprobamos tamén a tradición internacional na que se insire a novela de Manuel Esteban. E ampliamos que, se nos cinguimos a rescates de migrantes no Mediterráneo, temos The Optician of Lampedusa , Emma Jane Kirby (Editoriial Allen Lane / Penguin UK, 2016, Londres, 2016), o contido aínda o temos fresco na memoria para andar con máis explicitacións; neste mesmo mes de setembro, a editorial Fernwood Publishing (Halifax & Winnipeg)., anuncia The Gates of the Sea: Migration and Rescue at the Edges of Europe , da barcelonesa Luna Vives, emigrada ao Canadá e que leva moito tempo estudando estas migracións, con especial atención ao caso español.
Disimulen estas longas palabras preliminares, mais crémolas moi necesarias para situar a novela de Manuel Esteban no seu contexto. Porque Manuel Esteban relata, en A lei do mar, un caso real onde migrantes africanos son rescatados polo barco Lex Maris. Un caso real, mais ficcionado, narrativa híbrida que convida a reflexionar a dureza deste tema, no cal a fidelidade ao real demostra a crueza dos feitos contados.
Como poden adiviñar polo antes dito, aquí tamén hai homes mariños ou home peixe, como se lle chama aquí, e que porta a poderosa imaxe dunha criatura obrigada a esquecer para converterse en humano. Poderosa e desacougante imaxe. E o que é peor, moi realista. Tan realista como o desasosego da tripulación salvadora, que na voz dun dos seus membros, remata por dubidar quen son os salvados, se os migrantes forzados e vítimas da mafias que se aproveitan da desgraza allea…ou os mesmos membros da tripulación, que desafía convenios internacionais europeos que queren impedir a chegada dos migrantes forzados, e que no nome da humanitaria lei do mar rescatará a parte dunha embarcación pneumática (con comida, bebida e combustíbel só par a uns cantos días, insuficientes para chegar a Europa), so a parte dela. Este feito pon en dúbida o concepto de humanidade, tanto de quen arrisca a súa vida por salvar as xentes desesperadas, como de quen tenta por todos os medios devolvemos á miseria da que foxen, como de que axuda aos rescatadores para que poidan saír con ben da “aventura” en que se meteron cando non dubidaron en obedecer a lei do mar antes que as leis dos homes.
Mais o que non poden adiviñar é o motivo que me levou a escoller esta novela entre outras propostas narrativas. E é un dos aspectos máis salientábeis desta novela, dun cento de páxinas mais que obedece as regras definitorias da novela e non as da novela breve. Mais é esta cuestión menor. Agora voulles contar esa razón pola cal me atrapou, sen remisión, esta lectura. E é a lingua, unha lingua moi rica, en contraste coa planicie doutras que en centos e centos de páxinas non acadan nin a metade da riqueza de que Manuel Esteban fai gala só na súa primeira páxina. Non se esqueza que a literatura constrúese coa lingua, e que na narrativa galega a lingua está perdendo toda a riqueza léxica que posúe, seguindo a máxima de entregar discursos “que non esixan consultar dicionarios” e que representan unha planicie esmagora
Velaquí lles resumo as razóns polas cales escoller A lei do mar, de Manuel Esteban, como lectura para si, e tamén para agasallar. Xa saben non merquen un só exemplar, compren tamén outro que lles sirve de agasallo.
Pola oportunidade e actualidade temática, que contribúe a unha tradición internacional non especialmente rica cando se trata de relatar recates de migrantes no Mediterráneo.
Pola extraordinaria (stricto sensu) riqueza lingüística, aínda que co paso das páxinas vaia a menos nunca será plana.
Por unha lograda estrutura, na cal se conta o que hai que contar, as divagacións son mínimas e sempre oportunas.
Por se queren saber cales son as tres mortes dos homes.
Por se queren gozar dese equilibrio tan inestábel entre a angustia e a esperanza. Entre o éxito e o fracaso E, por suposto o contraste entre o pragmatismo indolente e o que a lei do mar marca que se debe facer
Non o esquezan
ASDO.: Xosé M. Eyré (Membro da Asociación Galega da Crítica)