NOVELA NEGRA DESACOUGANTE
Título: Red Lion
Autora: María Alonso Alonso
Editorial: Galaxia
Non é ningunha novidade que o xénero negro volve estar de moda, nin tampouco que a narrativa nórdica fixo por iso. Mais enténdase ben, a novela negra nórdica tende a ser unha novela policial que se esmera no por que das cousas que suceden, mais a estrutura (e personaxes tamén) proveñen da literatura policial máis clásica. Mais tamén hai que dicir que a novela negra nórdica parece que que xa chegou ao tope, mentres van xurdindo outras (por exemplo a africana) ou se vai recuperando o xénero negro clásico: ese que non precisa tramas policiais senón que afonda na descrición e interpretación dos sectores máis marxinais da sociedade. Como fai María Alonso Alonso ( autora tamén de Despois do cataclismo, Urco Editora, 2015) nesta Red Lion que agora publica Galaxia, propoñendo unha revisión do xénero volvendo ás raíces clásicas mais sen deixar de verse influenciada pola moda nórdica.
Expliquémonos. O Red Lion é un local situado nun suburbio, un local infame nun suburbio infame, e a novela leva o seu nome porque é o centro dela. Estruturada en dúas partes, a primeira preséntanos sobre todo as principais personaxes que van protagonizar a trama, e a segunda é o vertixinoso sucederse (marcado hora a hora) dos acontecmentos que levan a trama cara a un remate climático. Entre esas personaxes hai algunhas coma Lolita Dinamita, o Filete, a Machetes, ou o CaraDeTolo que nos lembran o mesmo xénero negro mais en versión banda deseñada (plataforma na que tamén se manifestou, e con éxito abondo,o xénero negro) á vez que, sobre todo a Machetes, non deixan de lembrar certo cinema gore, referímonos a ese cinema violento a esgalla que exemplifica moi ben a personaxe de Machete (que, desde o Desperado de Roberto Rodríguez chegou a ter a súa propia saga, dous filmes lle lembramos, polo menos). Á súa vez, e por suposto, non debe esquecerse, porque é moi obvio, certo aire caricaturesco detrás destas personaxes. O cal non lle resta verosemellanza á trama, simplemente nos lembra que á vida ou a realidade, tantas veces, parecen caricaturas de si mesmas. Non son estes os únicos acenos que garda o discurso, mais agora debemos volver ao rego.
Porque, antes ca nada, ese ambiente infame, depravado, ese sumidoiro humano do suburbio que ten o seu centro no Red Lion, é o auténtico protagonista, non é un decorado, un escenario máis, é o refuxio e é o condicionante dunhas personaxes que naufragaron na vida, ou, mellor dito, que a vida fixo naufragar, porque as maltratou, porque as vitimou, porque as obrigou a unha existencia de prestado e mísera tamén no aspecto moral. Un estado do que, como agarda o lector, tentarán fuxir, erguerse e destruílo para poderen ser libres. O local será o centro do suburbio, mais as condicións vitais do suburbio e as personaxes que o poboan son a armazón da novela, son a identidade da novela, unha novela que nos presenta o ambiente clásico da novela negra. Mais cunha novidade. A novela está contada en terceira persoa e ás veces presenta un vocabulario culto pouco agardábel na novela negra de sempre. Como, por exemplo, o vocabulario das personaxes, ese si, xa é máis do estilo da novela negra clásica.
Mais antes falamos de acenos presentes no discurso e non rematamos o tema. Fica outro aceno que non podemos deixar de comentar. O que se refire a (Patrick) Süskind, e seguramente a través do autor a O perfume. Historia dun asasino (do que temos unha excelente tradución de Luís Fernández Rodríguez en Sotelo Blanco, 2006) posibelmente pase desapercibido para quen non sexa lector/lectora fiel aos clásicos do xénero, que este é sen dúnida ningunha un deles e unha das mellores novelas do século pasado.
Eis, en definitiva, unha novela negra que, aínda situando a trama nun lugar que é pura ficción, pon de manifesto o lado máis negro, máis escuro, violento, depravado e sanguinario da sociedade actual. Unha trama que tamén denuncia a trata de brancas, porque o Red Lion, a fin de contas é a tapadeira detras da cal se atopa o comercio carnal. E deixamos para o remate ese fío de esperanza que agardamos aniñe nas personaxes centrais, como Lolita Dinamita ou a Machetes, nun grao o suficientmente elevado como para derrotar os malvados. Porque é moi importante ese fío de esperanza. Xa se di, ás veces é o único que nos queda.
ASDO.: Xosé M. Eyré