CONTRA A CRÍTICA MESETARIA. A PROPÓSITO DE “A HORA DE ESPERTARMOS XUNTOS” (KIRMEN URIBE, XERAIS)

Porxmeyre

22/05/2019

CONTRA A CRÍTICA MESETARIA. A PROPÍSTO DE A HORA DE ESPERTARMOS XUNTOS DE KIRMEN URIBE.

Título: A hora de espertarmos xuntos

Autor: Kirmen Uribe

Traduce: Isaac Xubín

Editorial: Xerais

Esta non vai ser unha das críticas que eu escribo normalmente. Non. Porque se deron outras circunstancias. Son crítico de novidades e iso implica ler pegado ao momento da edición. Mais desta vez non puiden facelo. Se me dera por escribir sobre as vicisitudes que me aconteceron na lectura da novela de Kirmen Uribe, tería eu que escribir outra novela. O caso é que até hai uns días non a puiden ler ao completo, antes xa petiscara nela en varias ocasións mais nunca dera rematado porque algo mo impediu. O caso é que agora si. E como a novela xa leva tempo publicada e os protagonistas centrais, Karmele e Txomin, pertencen ao PNV ou colaboran con el (Karmele), deume por consultar a recepción que a novela tivo entre a crítica castelá. E fiquei moi decepcionado, por empregar un eufemismo.

                     En principio non queixera que estas liñas foran unha crítica da crítica, que sempre aborrecín, porén témome que algo diso ha ter, porque me vai ser imposíbel non referirme a dous casos concretos: as críticas aparecidas no “Babelia” de El País e a do “Cultural” do ABC. A verdade é que as críticas do “Babelia” nunca me pareceron ningún camiño a seguir, e xa había que non perdía o tempo lendo babeliadas. Do “Cultural” do ABC tiña mellor opinión, aínda que tampouco é para botar foguetes.

                     E como é unha tontería postergar o imposíbel, comecemos, non sen antes indicar que dous diarios servidores de ideoloxías políticas tan dispares puxéronse de acordo na forma de desprestixiar, de triturar, a novela de Kirmen Uribe por ser unha novela onde o nacionalismo ten protagonismo. É dicir, a resesa crítica mesetaria, endogámica e furibunda coas periferias políticas, volveu ao ataque, como se estiveramos aínda en pleno franquismo, vaia. Alguén lles chamou a este tipo de críticos “os novos inquisidores”, e a verdade é que non lle falta razón.

                     Comecemos pola primeira, a de José Carlos Mainer no “Babelia”. Voume centrar só en dúas ou tres cousas que me alporizan. Chámalle “branda”, por exemplo, mais non sendo ningún criterio crítico tampouco o explica despois, iso xa é moi feo. E despois di que “idealiza o nacionalismo vasco”. A verdade é que se me fai difícil entender como se pode idealizar un nacionalismo a través dunha historia tan crúa e sen facer especial fincapé nos momentos e aspectos máis duros da loita antifranquista, das torturas que levan a Txomin á morte, por exemplo. Porque Kirmen Uribe puido ser máis político, máis duro coa represión fascista, mais non o fixo. Mais, no fondo, ese non é o problema, o problema é o protagonismo do nacionalismo vasco. Para o señor Mainer todo sería distinto se en lugar do nacionalismo vasco se tratara de escritores falanxistas, entón si había ser máis comprensivo. A súa propia obra o indica. Por certo, quen sería o “cráneo privilexiado” que lle encargou a reseña a Mainer, a sabendas de todo isto? Ou escolleuno el? Porén non é só iso. Trátase de darlle unha boa labazada, mais con elegancia. Así, e como deica agora non se barallara ningún criterio crítico, aproveitando que na novela sae un cadro (“Noite de artistas en Ibaigane”), permítese ofrecerlle como modelo de novela que comece cun cadro dúas de Muñoz Molina (Beatus Ille, El jinete polaco). Xa tardaba o de ofrecer modelos mestarios aos pobres escritores da periferia. Pois ben, señor Mainer, lea vostede un pouco, o  auténtico mestre en comezar unha novela cun cadro é José Saramago. Claro que como era portugués igula o fai de menos. Mais está traducido, este crítico de provincias recoméndalle humildmente que lea, porque está traducido, se non me engano comeza El Evangelio según Jesucristo (mire que llo poño en castelán) coa descrición dun cadro que dura máis de trinta páxinas…

                     Pola súa banda Pozuelo Yvancos no “Cultural” do ABC tamén se queixa da idealización do nacionalismo vasco. Ten que ser moi sinxelo idealizar o nacionalismo vasco, abonda con escribir unha novela onde aparezan personaxes vinculados ou pertencentes ao PNV. E despois acúsao de non escribir a novela que a el lle gustaría ler, unha novela onde tamén apareceran solicalistas, anarquistas e comunistas. Pois que lle imos facer se esta non é a novela que a vostede lle gustaría ler, e por iso a acusa de parcialísima e de querer que a historia de Karmele e Txomin sexa un emblema da historia de Euskadi. Lembremos, unha historia sen socialistas, anarquistas e comunistas. Eu confeso que sei pouco da historia de Euskadi, mais si o suficiente como para dectarme de que socialistas e anarquistas non se distinguiron na loita antifranquista precisamente, e mesmo os comunistas, é certo que máis tarde, remataron por abandonala. E a resistencia antifranquista representa unha boa parte da novela de Kirmen Uribe, unha novela moito máis rica do que vostede recoñece, sesgando unicamente o xuízo da novela pola vertente política. E tamén resulta moi feo o remate da súa reseña, onde parece que quere acusar ao PNV e ao autor pouco menos que de terroristas.

                     Para terrorismo o que fan vostedes. Terrorismo crítico. Terrorismo cultural. Terrorismo mesetario, ese qure se nega a recoñecer que en España existen outros pobos, outras culturas, diferentes da castelá. E non é que na literatura castelá non haxa bos críticos, que os hai, aos que recoñezo, respeto e estimo.

                     Miren, a discrepancia crítica paréceme algo do máis interesante, e disfruto con ela. Nada me gusta máis que falar de libros, sobre todo con quen opina distinto de min. Mais é que o de vostedes non é crítica. É pura política disfrazada de elocuencia crítica.

                     Porque xa resulta curioso que ningún dos dous diga que se trata dunha historia real. Kirmen Uribe documentouse e escribe unha historia real. O mesmo autor o recoñece. (…) todos e cada un dos personaxes que aparecen neste libro son reais e, igualmente, a historia que protagonizan é verídica, tomei a licenza de imaxinar e novelar algunhas das pasaxes e diálogos que aparecen na obra (357) Porque vostedes leríano, lerían a nota do autor que pecha o libro, ou non? Unha nota que convida a reflexionar sobre os lindes entre ficción e realidade, posto que se trata dunha novela que pon a ficción ao servizo da realidade. Se cadra é iso o que máis lles doe, que a novela de Kirmen Uribe sexa verdade e non só pura ficción.

                     E o máis curioso de todo é que o lector que non lles faga caso vai descubrir unha preciosa ( e triste) historia de amor entre Txomin e Karmele, que tamén é unha historia de amor á cultura vasca, outra cousa que doe moito, a que si? Pois é que, verán, foron os nacionalismos periféricos quen máis se distinguiron na loita antifranquista, levándoa adiante aínda cando xa os comunistas claudicaran, iso pasou na Galiza, e, polo que sei, tamén en Euskadi e Cataluñya. Foron os nacionalismos periféricos os que máis e mellor traballaron a resitencia antifranquista e grazas a , sobre todo, a eles, dispoñemos da “democracia” que dispoñemos. E foron xentes coma vostedes, de miras curtas e fanatismo castelanófilos indisimulados, os que non permitiron que polo menos na literatura a Transición fora máis xusta, porque se negan a recoñecer a diferenza ( aínda que se queixen de que a quen non os recoñecen é a vostedes).

                     A novela de Kirmen Uribe, que tamén é unha novela de espionaxe, que tamén é unha novela de resitencia antifranquista, que tamén é unha novela do exilio, que tamén é unha novela de como Euskadi loitou para que a súa cultura e nación foran coñecidos por Europa adiante (parécenlle poucas arestas, señor Pozuelo?), debería ser unha novela de lectura obrigada para todos os que non somos de Euskadi, porque o coñecimento que nos achega da historia vasca é precioso e preciso para que a sociedade española recoñeza a súa pluralidade e espante os fantasmas da imposición dunha cultura (a castelá) sobre as demais. Porque iso é o que vén pasando nos últimos 500 anos, polo menos na Galiza.

                     Prestaríame facer unha incursión na crítica comparativa e comprobar como recibiron os seus medios, outras obras, como por exemplo a de Aramburu. Mais é que xa me estou estendendo demasiado e a finalidade destas liñas era demostrar a falsidade, mentiras e adoutrinamento que aniñan nas súas reseñas. Porque xa é curioso que, no caso de El País, saque no seu Semanal un artigo que resulta moito máis fidedigno e veraz que a crítica da novela de Kirmen Uribe, unha novela estruturalmente ben composta, unha novela con personaxes ricamente deseñadas (Txomin e Karmele, son ben distintos, malia amárense, Ikerne é outra personaxe moi interesante, por non falar do lehendakari Agirre, de Manu de la Sota ou doutros que nos dan unha panorámica de personaxes rica e distinta), e, sobre todo, unha novela que sabe tocar a febra sensíbel como só os (bos) poetas saben facer e sen caer na prosa poética, porque a novela de Uribe é unha novela que emociona, desde a primeira liña á derradeira, estando escrita nun rexistro emotivo do cal Uribe non quere abusar, e non o fai, e que é conseguido cunha facilidade, cunha simpleza, que é de admirar precisamente por ser algo ben difícil de lograr.

                     Nós, @s galeg@s contamos coa excelente tradución de Isaac Xubín, que alén de coñecer moi  ben o esúcaro e o galego tamén é quen de deixar un pouso de poeta na tradución, igual que o autor na obra. E vostedes? Ah, é que vostedes ningún dos dous di nada do tradutor. Moi feo. Inxusto e moi feo. Xa sei, xa sei que aquí hai imposicións dos medios para os que escriben, mais dáme igual. Todos somos libres de facer crítica ou non se se nos impoñen determinadas cousas. Polo tanto son igual de culpábeis. Eu, mentres fun crítico de A Nosa Terra, mentres fun crítico de Galicia Confidencial, nin agora que vou por libre en internet, aceptei nin tiven que aceptar ningún tipo de imposición. Pero xa sei, xa sei. A realidade en castelán é ben máis trste. Porque con esa manobra de ocultar as traducións tratan de que os escritores en lingua periférica (galego, euskera, catalán) pasen por autores casteláns. Dentro de cen ou douscentos anos, cando a xente vexa as súas recesións teranos por autores en castelán. E é que é moi triste. Levar tantos séculos tratándo de asimilarnos, non o conseguir e agora, por riba, as literaturas arxentina, cubana, mexicana, colombiana…xa non se recoñecen dentro da literatura castelá, xa non digo española, porque a miña tamén é española, mais medios como eses nos que vostedes publican tratan de agacharnos, ningunearnos. Xa non se recoñecen na literatura castelá ou española e reclaman a súa independencia e quedan vostedes, os casteláns, tan sos… É ben triste. Porén tamén é o que merecen.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido