AUTOFICCIÓN, AUTORFERENCIALIDADE E REALISMO : A ESCRITA DE NON FICCIÓN

Porxmeyre

27/10/2023

Ler para crer, como di o título do programa de Francisco José Viegas na RTP (por se non o coñecen, aquí lles queda ligazón)

Na actualidade partillan preferencias lectoras na narrativa galega o romance detectivesco ( que a prensa e a propia promoción autorial queren facer pasar por xénero negro, e entón que fariamos con Á de mosca A. Malvar, O perfume de Patick Süskind, A esmorga de Blanco Amor e tantos otros? Negro-negrísimo?), o romance histórico ( que sempre está aí e nunca pasa de moda), a distopía, e últimamente, a autoficción desde que Berta Dávila deu á luz Carrusel. Porén, non exactamente querendo fuxir desta etiqueta senón esmerilar o concepto, témoslle lido declaración onde prefería o termo autoreferencialidade ao de autoficción. En definitiva estamos no que Truman Capote chamou narrativa de non ficción. Mais son tres cousas distintas que nos apetece considera emporsí.

A chamada narrativa de autofcción saltou á actualidade  desde que o francés Serge Dubrvovski empregou por primeira vez ese termo para refirse á súa novela Fils. Isto significa unha nova tentativa de achegamento ao que o realismo viña ofrecendo, fundamentalmente tratando de evitar os erros narrativos estratéxicos do realimo naturalista estilo Emilia Pardo Bazán, por sinal. Téñase en conta que o realismo naturalista proxectaba a súa visón sobre o mundo exterior coa finalidade de reproducilo coa máxima obxectividade; fronte a isto, a autofcción ou a autoreferncialidade, propoñen xustamente o contrario como ben demostra na práctica Berta Dávila, porque agora do que se trata é de volver a vista cara a dentro (enténdase ese “dentro” de maneira aberta, pois aí tamén van incluídas as proximidades do “eu”). Neste caso a verosimilitude, o pacto pola verosimilitude, non nos chega desde a pretensión de obxectividade, senón que é a autoreferencialidade ( a referencia ao propio mundo da autoría ) a que nos convida a entender o relatado desde o verosimilismo das propias experiencias autoriais, porque ninguén mellor que as autorías poden retratar o seu mundo.

Ben, se volvemos un chisco atrás, a novela de Serge Dubrovski non é, nin moito menos o primeiro exemplo de autoficción. A este respecto, a literatura está ben chea de autobiografías e non cumpriría mentar máis exemplos. Porén queremos deternos nun. Os evanxeos, desde o momento en que consisten na transmisión do que os evanxelistas viron e viviron, entran dentro destes parámetros. E, desde o punto de vista da teoría crítica resultan sumamente interesantes, toda vez que entrefrebadas co relato eutoexperiencial tamén se inclúen ficcións, pois así debemos considerar as parábolas.

Entendemos que non se trata de procurar un refuxio fronte ás “infinitas posibilidades do caos” (que diría Camila Assad) senón un relato de primeira man que pretende combatelas, de xeito que se establece un pacto autoría-lector que delimita a infinitude para restrinxila referenciando vivencias (propias ou achegadas) a quen escribe. Non podemos dar conta da visión individual obxectiva de todo o que hai no mundo (outra volta, ao estilo do naturalismo da Pardo Bazán) porque iso resulta imposíbel ao haber tantas tentativas de visións obxectivas como autorías pretendan tal cometido. E, neste punto, non podemos esquecer as “escrivivencias” de Conceição Evaristo, por canto demostran que non é narrativa a única práctica escritural en que se manifestan. A mesma obra poética de Berta Dávila cremos que, dalgunha maneira, tamén debería inserirse neste contexto. E tamén se poderían considerar aí A frecha do teixo azul ( de Eva Veiga) ou Hortensia (Medos Romero), por sinal, cómo mínimo e sen querer ofrecer visión histórica.

Evidentemente, no caso desta poesía, falar de ficción non só é unha aventura estrambótica senón que nos leva a reflexionar sobre a propia concepción do que se considera ficticio. E isto non está nas nosas mans, pois é cousa que só as autorías poden acometer verosímilmente. Se acaso se nos ocorrera querer tirar do fío ficticio na poesía, estaríamos nós facendo crítica-ficción.

Outra cousa é a auto-referencialidade. Abre novas potencialidades sen que o pacto de verosimilitude establecido con quen le se resinta en exceso. Mais agora as autorías non están obrigadas a seguir sen excepción o camiño marcado pola realidade do vivido. Inclusive se pode partir do apriorismo de que o que se vai ler é ficción, ficción que vai contar coas achegas oportunas de referencias ao vivido polas autorías, logrando así un estatuto de verosimilitude que se aproxime considerablemente ao da autoficción. E tamén ao revés, partindo da experiencia vital das autorías é posíbel inserir ficcións que axuden a explicar mellor certas cousas que coa simple descrición autoficticia ficarían sen aprofundamento necesario, por dicilo dalgunha maneira, ou nunha visión demasiado simplista da súa complexidade.

En boa parte, por iso existe a poesía, porque hai cousas das que só a visión poética pode dar conta.

Porque, a fin de contas trátase de construir textos dotados de coherencia e cohesión. Certamente, calquera discurso literario que non estea dotado de coherencia e cohesión (admitindo que ás veces é quen le o que as establece), fica coxo. Porén, a auto-referencialidade fai posíbel que coherencia e cohesión non sexan únicamente características internas do discurso, senón que se estende e proxecta sobre o marco referencial das propia experiencia vital das autorías. Se se quer, hai aquí tanta necesidade de sentir o discurso como prolongación do eu, de sabelo seu, como tamén necesidade de acadar a verosimilitude desexada para que o discurso non sexa tomado  como pasatempo e máis nada.

En palabras de Berta:

Albiscamos un fragmento do que o futuro pode ser, e temos na man o pasado que foi, pero o presente é un limbo indefinido. (…) a narrativa do que estábamos a ser (…) e só nos queda a posibilidade de analizar o que xa pasou e de especular co que pasará. Isto último é un exercicio case literario, e, mesmo entendéndoo así, semella difícil inventar algo, atreverse a avanzar.”

( Berta Dávila, Illa decepción, 85-86).

Constitúe a autoficción unha maneira de evadirse dos problemas que a creación ficticia (coherencia, cohesión e máis cousas) presenta? Escribir é máis que iso, non cabe dúbida. A cadencia, o ritmo, o fraseado, a selección léxica oportuna, a concepción do estrofado e da páxina como realidades inzadas de beleza…en fin, cousas que moitas autorías só preocupadas polo xogo estrutural na procura do clímax final adoitan esquecer, evitar ou non atender.

É certo que a autoficción simplifica o labor das autorías, porén só no caso da inventio.

Sen estar eximidas do traballo que a dispositivo conleva sempre para as autorías, a autoreferencialidade constitúe o avance máis significativo do realismo nas últimas décadas, sempre e cando a tal autoreferencialidade como aplicación literaria do eu non leve ao esquecemento de que o eu  non se entende sen o nós. E no que se entenda como nós xogámonos o futuro como realidade cultural, literaria e política diferenciada. Porque entón só seremos ficción.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content