a propósito de OS ELECTRÕES TAMBÉM DEVEM TER ALMA, de Marília Miranda Lopes.

Porxmeyre

01/05/2023

REVISIÓN FUTURISTA SÉCULO XXI

Título: Os electrões tabém devem ter alma

Autora: Marília Miranda Lopes

Editorial: Exclamação

Historicamente,  o futurismo foi a primeira vangarda a reflexionar sobre a estética e ética que deberían rexer o destino da humanidade. Hai disto cen anos e un pouco máis. Xa só por iso, cavilar obxectivamente sobre o que significou e sobre como sería hoxe, é unha oportunidade que non debemos deixar escapar. Pola contra, trátase dunha conxuntura non só oportuna temporariamente, senón dunha ocasión para revisarmos a actualidade en que vivimos e a súa proxección de futuro. O libro de poemas de Marília Miranda Lopes insírese nestes parámetros, polo cal é un poemario imprescindíbel.

Praticularmente acostumo desconfiar de poemarios que utilizan o  aliñamento que nos proporciona internet, xa que é unha maneira moi fácil de brincar coa forma plástica que o poema presenta na folla en branco. Aquí sucede, mais despois de ler o título do libro xa se nos advirte a orientación futurista do seu contido. Con ese punto de partida xa todo é diferente.

Unha observación neutra axiña indica que o grande fracaso do futurismo século XX estivo na exaltación da guerra, máxime defendendo  posturas fascistas, e o desprezo do contido humano na voráxine maquinista. Escribo en xeral, porque cada país, cada cultura ten o seu propio futurismo ou manifestacións futuristas. Non é este o caso de Marília Miranda Lopes que parte dunha visión desasosegada da realidade que preconizaba o futurismo século XX, unha realidade viciada, caótica, de metal e corazón fríos, ordenada para a opresión da xente e o beneficio duns poucos. O único que parece salvarse deste capitalismo son as partúculas pequenas, minúsculas, ás veces opostas. É dicir, pártese da crítica á sociedade capitalista que nos trouxo o futurismo século XX. Pártese de aí, despois usará algunhas características do futurismo século XX para encher de beleza os seus poemas.

Xa falamos do uso do aliñamento que fornece internet, mais non é só un simple recurso para dar forma ao poema, aquí tamén axuda a crear ritmo poético, por iso é algo de se esperar, totalmente lóxico. Ese é un primeiro recurso, porén hai máis, bastantes máis, algúns pouco coñecidos, como o feito de non obedecer as normas no que se refire ao uso dos signos de puntuación, neste caso iso contémplase no uso de interrogacións e exclamacións Escrita como fenómeno gráfico, ruptura da métrica. Tamén se aproveita o uso de barbarismo (anglicismos, galicismos…mesmo latinismos). Outras características temáticas, como a forza, a velocidade, mesmo a enerxía, parecen cousas dun mundo pasado, claro van alá máis de cen anos; as cidades son xeometrías artificiais colocadas no medio da natureza, ao seu abrigo non medra nada bo, cansos estamos xa da axitación e o dinamismo que tanto admiraba o futurismo século XX, todo iso hoxe é estrés, nerviosismo, ansiedade, angustia. Pola contra, aquí, en lugar do dinamismo a proposta é a de reflexionar.

En canto á temática aí temos o que nos deixou o futurismo xéculo XX, tanto no pasado como no presente. Unha avaliación súa, mesmo parcial, é inevitábel, tanto a nivel individual como colectivo. Entón velaí temos a pobreza, a soidade, o absurdo, o amor sen garantía, a demencia do cotián, a vida sen pracer, os pesadelos, as feridas da vida, o declinio social e político, a alienación, a angustia polo paso do tempo, o fracaso vital, a impotencia do Creador, a inxustiza, (contra) as guerras e os oprimidos, o armamento…por sinal, van percorrendo cada unha das partes que o libro contén, onde atopamos tamén unha confrontación entre futurismo vello e novo futurismo, a locomotiva (locomotora) e a velocidade que tira as ilusións. Loxicamente, nun poemario tan extenso tamén hai lugar para o amor como posíbel resistencia a esta situación que confunde á xente, mais o amor non evita as chagas, mesmo xera sufrimento ou tormento, nestas condicións tamén conta cun capítulo onde a familia é posíbel refuxio (“o spin da captura). Como proposta de futuro, como desideratum tamén temos un poema, o antepenúltimo, onde apela a un futuro novo que nos salve de todo este frío (palabra temática moi repetida no poemario) que nos agarra para non nos largar), posteriormente vólvese criticar  a velocidade como solución, reafirma a crenza nos electrões e computadoras mais finalmente son os sons da natureza o único que realmente conmove.

Agora é o momento de reflexionar sobre o propio título. Por unha parte pódese entender como un desexo, mesmo unha imperiosa necesidade. E por outra tamén se pode entender dentro do posibilismo. Se cadra hai que alternar as dúas visións.

Para remate, velaí teñen un libro único. O futurismo ten sido criticado moitas veces. Mais, desde a poesía como arma xa non é o mesmo. Rara avis dunha beleza incontestábel, na que reflexión, sentimento e beleza poética camiñan de mans dadas.

Marília Miranda Lopes escribiu un poemario para abrir camiños, sobre a posibilidade dun futurismo humanista, antropocentrista, pois esquece iso é un dos grandes erros do futurismo do pasado.

ASDO: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido