a propósito de MIRADAS QUE DURAN/MIRADES QUE DUREN, de Álex Susanna, en Espiral Maior.

Porxmeyre

28/02/2020

A MIRADA LIMPA E SERENA

Título: Miradas que duran / Mirades que duren

Autor: Álex Susanna

Selección, tradución e edición: Luciano Rodríguez

Editorial: Espiral Maior

As edicións poéticas bilingües non teñen prezo, pois resultan do máis interesante que se pode ler no eido da poesía, por non dicir iso tan sabido que nunha edición bilinguüe conviven dúas culturas (literaturas) que se dan a man desde o criterio informado de tradutor ou tradutora e mais de editor ou editora. Ao que, neste caso debemos sumar a figura do antólogo, neste caso o ben coñecido profesor da UDC, escritor, tradutor e crítico literario Luciano Rodríguez (Viana dio  Bolo, 1951). O obxectivo, dar unha imaxe a través do tempo da poesía de Álex Susanna (Barcelona, 1957) unha das principais figuras da literatura catalá contemporánea. Neste caso, un dos poetas de meirande recoñecemento e proxección, mais que debemos ter en conta que a poesía non é función cultural única na súa persoa, pois tamén se distinguiu como xestor cultural, tradutor, director da ediorial Columna, da fundación Caixa Catalunya, do Intituto Ramón LLul (2011-2016), da Axencia Catalana de Patrimonio Cultural e mesmo foi fundador de Festival Internacional de Poesía de Barcelona, por só sinalar algunhas das principais iniciativas nas que participou. Como escritor foi distinguido co Premio Josep Pla de narrativa (Cuadern veneciá, 1988), o Miquel de Palol de poesía (Memoria del cos, 1980, non figura nesta antoloxía, que comeza en 1987), o Carles Riba de poesía (Les anelles des anys, 1990), alén de recinbir o Chevalier des Arts et des Letres do goberno francés ou Rosalía de castro do PEN Club de Galiza.

                     Alén do autor, debemos tamén comentar o moi interesante prólogo de Jordi Llavina (Gelida, Barcelona, 1968), tamén poeta, e sen dúbida un dos mellores coñecedores da obra de Álex Susanna, e mesmo viciño e amigo seu. En “Escintileos de sentido!”, ademais de identificar a predilección de Susanna pola poesía angloamericana “pola liña estética que Seamus Haney facía remontar a Hardy” pasando por outros grandes poetas como Robert Frost, Edwuard Thomas, Par Kavanagh, R.S. Thomas ou Ted Kooser, vai sinalando motivos temáticos importantes na obra de Susanna, como a intemperie moral ou a avaliación do paso do tempo nos corpos en Les anelles des anys (segundo dos poemarios antologados, 1991). No seguinte (Suite de Gelida, 2001) sinala a reflexión a redor da paternidade ou a familia, que tamén se atopa en Angles morts (2007), alén da cultura como consolo ou da escrita como refuxio (Angles, onde tamén se sinalan os poemas ecfrásticos, coma unha das “debilidades” preferidas de Susanna) e en Promiscuitat (2011) acha a voz dun poeta en plena madurez creativa (precisamente foron descartados os poemarios iniciais ou puntuais por ese mesmo motivo, engadimos nós) advertindo que non se debe ler o título desde un punto de vista sexual ou amatorio senón coma unha declaración moral. Filtracións (2016) é o último poemario, polo momento, e o título parte dunhas filtracións reais  na súa morada de Queralbs para reflexionar sobre o que inesperadamente nos chega cando xa nada agardamos. Concluíndo que toda a poesía de Susanna “responde a este obxectivo, a esta encomenda: construír unha casa de certezas nun mundo intemperante e intratábel, que inevitabelmente se nos torna duro” (18).

                     Engádase que tamén Luciano Rodríguez escolma poemas de Palau d´hiver (1987) e Boscos i ciutats (1994), para quea listaxe sexa completa.

                      E volvamos agora á poesía Sussanna, precisamente para identificala ou definila a partir primeiro do título da antoloxía: “miradas que duran”, que por un lado sinala un proceso de análise ( interior e exterior) profundo e á vez persistente no tempo. Porque así nos parece a poesía de Álex Susanna, unha poesía que de primeiras pode parecer moi descritiva, moi “exterior”, mais esa non é senón a estratexia para chegar á análise interior. E despois, complementariamente, a partir do outro título, o do prólogo, de onde rescatamos os “escintileos” precisamente como a forma de dar a coñecer as conclusións, ou, mellor, posturas (pois non son nunca inmutábeis) a que o autor vai chegando e que no poema se amosan precisamente como iso, como escintileos que nun determinado momento iluminan e trascenden o poema. Sempre desde a mirada limpa e serena.

                     Remataremos expresando os nosos parabéns tanto ao antólogo e tradutor, Luciano Rodríguez, porque é ben significativa a mostra da poesía de Susanna, como ao prologuista, Jodi Llavina, quen sen dúbida dá unha imaxe da poesía de Susanna ben informada e de primeira man. Sen dúbida unha excelente iniciativa a sumar ás anteriores de Ahmed Arif e Heirich Heine.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido