Título: Barroco
Autora: Antía Otero
Editorial: Apiario
Penso que existe, no común da xente, unha idea equivocada e inxusta do que significou o movemento barroquista na Historia da Arte e tamén na Historia da Literatura. É escoitar a palabra “barroco” e pensar no floreo caprichoso, ás veces supérfluo, como un tor de force a ver quen era capaz da ornamentación máis efectista aínda caendo na esaxeración. É así. É inxusto mais tamén lóxico. Lóxico porque esa exuberancia formal era unha forma de combater tanto o Renacentismo como o Clasicismo, era tal o afán para deixar atrás estes idearios que, certamente, se caeu no esaxero, niso do floreo polo floreo. Mais, ao seu carón, tamén é certo, e isto é moi importante para o que imos dicir, que se focalizaron escenas familiares, do cotián e tamén se cultivou o subxectivismo como fonte desa ornamentación recargada. Tamén é certo que existe a dualidade “barroco” para o movemento artístico puro e “barroquismo” para o que ten que ver co esaxero ornamental.
O Barroco de Antía Otero sitúase nesa querenza rupturista co clasiciamo e mesmo co racionalismo. En si, o poemario combina influencias pictóticas e musicais. Musicais porque xa de inicio o primeiro poema se titula “Obertura” e despois virá unha sinfonía de títulos que maiormente lembran a pintura, como as naturezas mortas, écfrase, vanitas, etc. Un momento crucial é o “Petimento” onde o pensamento abstracto remata por reconducir a voz poética á realidade do cotián. Posteriomente chega a primeira natureza morta (son 3) onde se caracteriza arte poética como efémera, volátil, “segmentos de dor e confianza”, “austeridade ingrávida”. O uso da palabra “austeridade” neste contexto barroco ten moita importancia porque se o barroco significa unha ruptura, a austeridade tamén dá entrada á ruptura dentro da ruptura. Por sinal, todas as escenas/estampas familiares que suceden representan unha escisión da poesía que se fixa nos momentos sublimes da existencia. Con toda razón, pois eses momentos familiares poden representar precisamente o sublime, pode que o sublime o atopemos a carón de nós mesmos e non en quintaesencias e elucubracións que non empre están ao noso alcance vivencial. Despois virán temáticas dos ausentes, da eternidade e da importancia do olor como rastro do que foi. E resulta significativo que as dúas “Apoteose” representen dúas escenas familiares. Que van seguidas de nove “Paisaxe histórica” que nos levan por diferentes escenarios, desde a nenez á idade adulta, desde a infancia ao solpor, volve reivindicar a estética do cotián a carón da mitiloxía clásica grega, mais todo ten a súa decadencia, mesmo nese sentimento de morriña de que nunca quixemos tanto aquilo que non coñecemos.
A voz poética inclusive se esforza en pintarnos con palabras cadros barrocos, mais, quéirase ou non, sempre a “actualidade” ou “realidade” remata por re-aparecer outra volta. O familiar, malia os seus misterios, que sempre os hai, cabe dentro do positivo, como moito dentro do conflito non traumático. No entanto a realidade xa é outra cousa. Na “Éxtase II” conclúese:
vimos dun territorio devastado que miramos arder
mentres poetizabamos o lume
Mellor definición do que sucede, hoxe por hoxe, nas letras galegas, imposíbel. Velaí o vértice da ruptura, o camiño que non podemos volver percorrer por inútil e pernicioso. Oxalá que este poemario rupturista, deste poemario que preconiza a ruptura como forma de resitencia, de existencia, remate como o seu derradeiro verso “a onda expansiva dun río”.
Antía Otero déixanos, neste Barroco, o aviso de que ollemos máis ao noso carón, o cotián, de que teñamos a suficiente decisión para rachar coa devastación que nos consome. E quen avisa…
ASDO.: Xosé M. Eyré (membro da Asociaión Galega da Crítica)