A LIBREIRA DETETECTIVE
Título: Detective Ferruchi
Autora: Marta Villar
Editorial: Xerais
(Miña xente. Notariades que a actividade desta Ferradura leva tempo suspensa. Iso débese a motivos alleos, mais que afectan directamente a miña vida, condicionándoa do sol á noite. Visto que me é imposíbel escribir unha crítica sen sufrir constantes interrupcións, que ademais non podo controlar na súa duración e moito menos frecuencia, tomei a decisión de abrir unha canle en Youtube e facelo oralmente. Mais como aínda non domino programas de edición de vídeo vouno tentar escribindo, como mellor poida, porque as lecturas vánseme acumulando e necesito darlles saída. Tiña que dicilo. Disimulade.)
Cando se trata de discursos detectivescos, a tipoloxía de caracterización non ofrece demasiadas posibilidades de anovación, cansos imos do típico detective que xa está de volta de todo, derrotados pola vida que teñen que sobrepoñerse, a figura do antiheroe que ten que reivindicarse. Marta Villar opta aquí polo que podemos chamar discurso de iniciación. Sol Cortés abandona o seu traballo en Indiex e volve ao seu pobo, Umeiro, de improviso. Non á mito que digamos por el, e, de súpeto, alí está. Os veciños lémbrana de cativa. Bota a andar unha libraría para fuxir da monotonía de padronista e traballar no que lle gusta, os libros. Cando ve que ela soa non dá feito co traballo, pon un anuncio para atopar axudante e axiña lle aparece Agatha. Ademais de ter o nome da libraría amósase como unha moza moi disposta e especialmente dotada para o traballo.
Pouco despois de chegar aparece morto un veterinario que se desvivía pola súa profesión e era moi querido pola xente. As noticias e díxome-díxomes comezan a correr como a pólvora, como sempre sucede nos lugares pequenos, e van chegando a ela. Aquí é importante sinalar que entre a veciñanza hai dúas personaxes curiosas: Unha italiana rexentando un café, e Cantoná, home misterioso que apenas dá fala, que ten reservado sitio no café e bebe whisky sen parar e que non se lle note. Son simplemente dúas personaxes das moitas que habitan Detective Ferruchi, romance co que María Villar obtivo XLI Xerais. Só vou mentar estas dúas de entre a extensa galería que se nos ofrece
O caso é que convencen a Sol para que investigue pola súa conta un caso tan confuso e no que as novidades andan caras. O que vai esclarecendo non parece gran cousa. E é aquí onde a galería de personaxes entra en xogo. . E que é un dos peares que mateñen a quen le inmerso no enredo. Se non hai moitos avances visíbeis, polo menos imos coñecendo personaxes novas. Que son descritas ao pormenor, tanto na vestimenta como fisicamente. Tata descrición puidera parecer que entorpecera o ritmo narrativo, mais, á vista do antes dito, acontece todo o contrario.
Outro dos recursos que incitan a seguir lendo son os títulos dos capítulos, que incentivan a curiosidade lectora. Velaquí algúns exemplos: “Cagar ben é imortante”, “Unha galleta Chiquilín sobre o corazón”, “Dente de costureira”, “Ás veces vexo a Labordeta”, “Sabes que tes dúas cinturas?”. Este tipo de títulos, no marco doutros máis referenciais ou informativos, combinan moi ben as funcións emotiva e apelativa, ademais de seren sorpresivos.
Hai que parabenizar a Marta Villar non só por ser a gañadora do Xerais, senón tamén por lograr un discurso atraente no difícil mundo detectivesco, para o que contar cunha protagioista feminina (nada frecuentes neste tipo de narrativa) tamén inflúe o seu.
Malia os avances pareceren camiños cegos que a case nada levan, na segunda parte, sen que teñamos a impresión de avances definitivos, conséguese un remate climático. Era o ramo que faltaba. Non só temos un enredo cunha galería de personaxes ben traballada, ademais tamén é un enredo detectivesco como mandan os cánones.
O conxunto é unha romance que ten unha lectura distendida e moi agradábe.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)