Roubo un anaco do meu tempo de lectura para dar resposta a dous comentarios. Sempre agradezo moito os comentarios pero nesta plataforma na que está a bitácora eu non sei se se ven os comentrios que facedes incluso despois de aprobados. Eu non. Nin tampouco as respostas que dou. Realmente estou moi descontento desta plataforma, seguramente a culpa é da miña impericia e non aproveito devidamente os recursos que ofrece, porén tamén hai outras cousas que me disgustan, así que, na primavera, cando expire o tempo polo que paguei, mirarei de migrar a outra plataforma que domine mellor, que sexa máis clara á hora de manexala, pois tampouco teño axuda de quen entenda máis ca min destas cousas.

Van as respostas.

Escribiu María José:

” Supóñolle boa intención á persoa que escribiu o texto pero, posiblemente, sen querer, ou froito da cultura que nos envolve, pretende facer un alegato en favor dos dereitos das mulleres coa seguintes eivas:
1º: Non nomea as escritoras que van participar: ” tres escritoras” anónimas, descoñecidas, sen nome nin apelido
2º. Todalas obras de referencia que aparecen no texto están escritas por homes. ¡ Que casualidade!
Un conselliño, dease una volta pola literatura galega, ou polo ensaio feminista e atopará referentes abundantes con nome e apelidos de muller. Alabo a intención pero ó mellor hai que mirar a través das gafas moradas.”

Vai a resposta:

-Non era a intención do artigo promocionar a ninguén, nin aconsellaba a prudencia dar nomes con tanta antelación porque as interviñentes poderían mudar. A miña intención era dar a coñecer un acto que me parece moi interesante e necesario. O ideal sería que actos como este se repetisen pola nosa xeografía adiante.. Con outras protagonistas, non porque me parezan mal estas, senón porque me parece mellor idea facelo con persoas da localidade onde se celebre, ou da bisbarra. Por unha simple cuestión de proximidade, xa que esta pode influir nunha recepción máis fonda. Cuestión de estratexia, sería cousa de probala, polo menos. E tamén, a ser posíbel, fóra do ámbito universitario, non porque teña nada contra el, simplemente porque creo que se chegaría mellor á xente desde asociacións culturais ou doutro tipo similar.

-Mentira, non todas as referencias son masculinas. Marilar Aleixandre, que eu saiba, segue sendo muller. Por outra banda, que estea lendo o libro de Carlos Lema é pura coincidencia. Que Paqual Alapont esccribira O inferno de Marta eu non o podo cambiar e, novelas con esa intención eu non coñezo ningunha anterior, só a de Marilar e é posterior. E que Xabier López Rodríguez escribira Destrucción hai 16 anos tampouco o podo cambiar, nin que esa sexa a novela onde máis cruamente se denuncia o machismo, que eu coñeza, e non só na literatura galega. Por outra banda: algún problema con que sexan homes? Ou é que os homes non poden escribir sobre iso?

-Sobre o conselliño. Nunca está de máis un consello. Mais teño que dicir que veño lendo libros sobre o femismo desde os anos 70, en castelá, tamén en galego, máis tarde.Pero iso é o de menos porque eu escribía sobre ficción. O ensaio é outra cousa.

-Obrigado polo teu comentario, María José.

……………………………………………………………………………………..

Escribe Eli, a propósito da crítica de CAMIÑO DE PAIXÓNS (Carlos Meixide, Galaxia)

” un apuntamento. Esta non é a primeira novela para adultos de Meixide. É nin máis nin menos que a cuarta (se non me trabuco). das catro, sendo unha novela moi entretida e áxil, é a peor con diferencia. Por outra parte mágoa que o autor en troques de sacar peito por facer unha novela pulp, ande a lairse e pedir perdón por escribir pulp. “

Vai a resposta.

-Vese que a miña fonte de información sobre Carlos Meixide está desactualizada. Agradezo a aclaración e xa procedín a incorporala ao corpo da crítica

-Non comparto de todo o teu criterio de que sexa a peor novela do autor, malia ser entretida e áxil. Seguramente coñeces mellor ca min a súa produción literaria, non o nego. Porén, a novela aquela de internet, a min deixou de interesarme bastante pronto, e creo que é peor que esta.

-Sobre o pulp . A saber como sería o resultado se o autor seguira a túa indicación. Eu, pola miña banda, non teño en garde estima o pulp. Lin moitísimo del. Inclusive, por pura casualidade, acabei sendo dono dunha estimábel colección dese xénero. Porén, fóra da amenidade cando a a conseguen, esteticamente é un xénero xeralmente bastante deficitario, na miña opinión.

Obrigado polo teu comentario, Eli.