O BRAVÚ POR DENTRO E POR FÓRA
Título: A novela do bravú
Autor: Xurxo Souto
Editorial: Xerais
Fun testemuña do nacemento do bravú desde aquel primeiro concerto dos Diplomáticos de Monte Alto e Os Rastreros, nun baixo en obras que non tiña saída emerxencia, o cal obrigou á chegada das forzas da orde pública. Conto isto porque ilustra ben o nacemento do bravú como desafío, as gorxas bravús tiñan que berrar, alto e forte, o que levaban no peito e pedía saír con urxencia, a forza do rock sen capar. Non estiven no manifesto de Viana, no Sistema, mais seguín e sigo, como espectador a manifestarme en cada nova entrega do Castañazo, que reuniu por primeira vez bandas de toda Galiza que pouco sabían uns dous outros, o coñecemento que tiñan era máis ben de bandas estranxeiras ( por sinal Negu Gorriak ou Kortatu; en Euska Herría e Catalunya xa tiñan xa tiñan o seu movemento de rock en lingua propia).
É moito de agradecer esta novela de Xurxo Souto, que debe moito á crónica e co seu estilo directo e sincero, onde conta desde dentro a historia do bravú. Aos que vivimos esta explosión do rock galego ( e dicían que o galego non servía para o rock, malia antecedentes como Goma2 ou Os Resentidos) contra repunancia é para nós motivo de autoidentificación, non de morriña e fóra nostalxia seguimos sendo bravús en loita constante porque sabemos que os repunantes seguen vendo pasar a vida coma se non fora con eles. E máiss aínda desprezando todo o que é de nós. E aos que non a viviron, se se atreven a ler esta novela, serviralles de exemplo, exemplo de como desde a autoorganización se pode loitar contra o mundo.
Todo o contrario se fixo desde o bravú, non foron alleos ás músicas de pachanga do Cuco de Velle, nin á experiencia vívida de Suso Vaamonde, reivindicaron os Tamara, tamén a música de orquestra…E é aquí onde me entra o medo: o fenómeno bravú foi tan transversal que non quixera deixar nada fóra, e estas poucas liñas vanme ser moi curtas para deixar constancia da grandeza do bravú que se alimentou na cociña de Josefa de Bastavales, mais tamén de escritores como Manuel Rivas, da influencia de Manu Chao desde Les Carayos até a Feira das Mentiras, e outros nomes implicados como Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Peón, ou o rap/regueifa primixenio de Pinto de Herbón, ademais doutros xa máis coñecidos: Marisol Manfurada, Sofía de Labañou ou As Jarotas da Ribeira.
O fenómeno bravú foi toda unha eclosión de orgullo pola lingua, cando o peito arde éche moita marea e tócase onde sexa, con máis sorte de infraestruturas ou case carecendo delas. E a esa eclosión contribuíron revistas como Unión Bravú, a revista que sae cando a situación o precisa, o libro de Xavier Valiño Rock Bravú, a paixón que queima o peito (Xerais, 1999, cuxa idea partiu do xornalista Santiago Jaureguízar), e tamén publicacións do propio Xurxo Souto ( A tralla e a arroutada, Fumareu, en Xerais). Antecedentes que fan entender mellor A novela do bravú.
Agora falemos un pouco da herdanza que deixou o movemento bravú, deiando claro desde xa que houbo grupos que non quixeron acollerse ao paraugas bravú, mais que ben poderían selo, case de Zënzar. Hoxe vivimos tempos onde a música galega groma con sabor a éxito. As Tanxugueiras, Fillas de Casandra, Sés, ou o finado Narf, por un sinal, e outros moitos non se poderían entender sen a influencia do Bravú, como diría Xurxo Souto: somos un país de artistas.
E agora chega o momento depoñer en valor a novela de Xurxo Souto, para o cal era imprescindíbel a longa exposición que veñen de ler. Novelas que centren a trama nun
movemento musical non deben, imaxinamos, ser moitas. Sete, para ser exactos.
1) Daisy Jones & The Six de Taylor Jenkins Reid, rock californiano dos anos 70.
2) The Commitments, de Roddy Doyle, soul obreiro en Dublín.
3) Please Kill Me de Legs McNeil, movemento punk de Nova York.
4) England’s Dreaming de Jon Savage (novela documental sobre o Punk inglés,
narrado cunha estrutura case novelística.
5) A Visit from the Goon Squad de Jennifer Egan, movemento: post-punk → indie →
electrónica (1980–2000).
6) Coming Through Slaughter de Michael Ondaatje, nacemento do jazz moderno en Nova Orleans.
7) Energy Flash de Simon Reynolds, híbrido novela-ensaio sobre: rave, acid house, techno 1988–1997.
Agora si, cheguei a onde queria, despois de escribir sobre o significaado do bravú na Galiza, déixolles unha perspectiva a nível internacional para que comproben por si mesmos a verdadeira grandeza da novela que escribiu Xurxo Souto e o movemento bravú.
E medere o mar!
Asdo: Xosé M. Eyré (Membro da Asociación Galega da Crítica)

