DO COMEZO, DESCRICIÓN DE PERSONAXES E DESCRICIÓN OBXECTUAL:
Adela cruza os brazos, apoia o brazo esquerdo no marco do portón e, un punto desconfiada e axexando, olla de esguelo para o rapaz que a pouca distancia agarda canda ela xunto á persiana baixada do local. Neste preciso momento, as súas olladas coinciden. É só un intre de franqueza mutua, apenas o tempo necesario para reparar nalgún detalle da aparencia do outro. Aínda así, élles abondo para se catalogaren. Despois, os dous, un a cada lado da malla metálica, dan en fitar para adiante, ignorándose, en silencio.
Se nos afastamos un pouco deles, se nos situamos, poñamos por caso, na outra banda da rúa, a estampa complétase co rótulo que se estende por riba das súas cabezas todo ao longo da fachada, con letras brancas e grandes, pintadas sobre un fondo azul. Nun dos bordos, na parte dereita do letreiro, aparecen o debuxo dun camión trazado en perspectiva e, no extremo oposto, a silueta dun automóbil negro, tan estilizados que poderían pasar pola caricatura infantil dun coche de xoguete (7).
……………………………………………………………………
DO MEDIO, OS DIÁLOGOS:
-Así, como cho conto, nunca antes me meteran unha multa por beber, porque cando estou en ruta eu nunca bebo, e vai ser aquí, mesmo á porta da casa, uns viños de máis e póñenme o soprómetro.
-Boa cousa que che cadrou indo no coche, que se fose co camión a taxa é 0,0. Daquela si que sería moito peor -razoa Anselmo, un dos compañeiros do curso que estivo a escoitar estoicamente o relato de Santi nunha das mesas da cafetaría da autoescola, no segundo descanso-. Ademais, digo eu, non che quitarían todos os puntos por iso. Xa sería por algo máis, non?
-Certo. Xa me pillaran antes falando polo móbil. Por parvo. E outra vez foi polo tacógrafo, que ultimamente, para poder competir cos polacos e cos checos, ademais de baixar tarifas, non che queda outra que apurar os horarios. Paráranme sen cumprir co tempo de descanso. Foi vindo de Madrid, na saída de Benavente. O garda civil, un imbécil. Fodeume ben fodido. E aínda tiña máis que dicir. Pasoume por confiado, que xusto acababa de deixar atrás unha área de descanso. E iso que dubidara se parar, que non había tanto que fora o do móbil…Mais xa abonda de falar de min! E a ti porque che quitaron os puntos?
-O meu foi por ir fumando.
-Como que por fumar?
-Por fumar maría (104-105).
……………………………………………………………..
DO REMATE, AS PERSONAXES INTERACTUANDO NAS PAPLABRAS DO NARRADOR:
Despois de facelo vir case á forza á churrascada, Merche non lle está a facer ningún caso ao home. Ela leva toda a cea en animada conversa con Adolfo, o profesor, e coa muller que ten do outro lado, que non di nada e sorrí seguido, e que pola descrición que lle fixera na casa, debe tratarse da tal Marité. Xa os escoitou falar dunha chea de temas profesionais que a el lle importan ben pouco, dos horarios infernais daqueles cursos, da necesidade de que os de Tráfico fixen uns criterios para determinado tipo de sancións, que ás veces se cometen moitas inxustizas dependendo dos integrantes da patrulla ou do dispositivo de control. Trataron tamén da falta de progresos na investigación do roubo na autoescola e, como non podía ser doutro xeito, comentaron a visita do inspector Martínez, que a Merche lle provoca tanto chiste. Ela defíneo como un policía monopatético e á vez tranquitonto. As gargalladas dos tres compiten coas que veñen do outro extremo da mesa, onde o alcol comeza a causar evidentes estragos. Ademais do vello, que non para de beber viño con gasosa, outros hai que exhiben en alto o certificado do curso asegurando que tamén eles van conducir o coche esta noite. Merche desespérase. Cando lles deu o papel xa os avisou de que, antes de coller o coche, a maioría deles ten que pasar antes o exame de Tráfico. Daniel compadécese da súa muller por ter que lidar con aquela tropa. Se cadra son mesmo peores que a súa rapazada da ESO (242-243, salientados orixinais)..