Título: Os bicos feridos
Autora: Anna R. Figueirido
Editorial: Galaxia
Londres non é un escenario habitual para a literatura galega; malia que moitos galegos e galegas escolleron ese destino para prosperar economicamente, poucas veces aparece na nosa literatura. Por iso, unha vez sabedor de que a novela de que hoxe imos falar, Os bicos feridos, de Anna R. Figueirido, presenta unha trama que transcorre en Londres, non podemos deixar de lembrar Os saltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro. Mais, ao que imos: falar de Os bicos feridos supón falar dunha nova narradora, Anna R. Figueirido (Ourense, 1979), coñecida en certames menores desde o 2014 e que se impuxo na celebración do novo Premio de Novela Os Viadutos 2018, onde o xurado estaba composto só por mulleres (Tamara Andrés, Mercedes Corbillón, Esther Gómez, Inma López Silva e Malores Villanueva) feito pouco habitual nas nosas letra e ao que debemos acostumarnos. Polo que hoxe damos a boavinda a un novo ano crítico, unha nova narradora que promete moito e un novo premio no panorama da narrativa das nosas letras.
O primeiro que nos urxe dicir é que non nos estraña nada que esta novela de Anna R. Figueiredo resultase vencedora o premio, por unanimidade. Porque, leáse un parágrafo, unha páxina ou un capítulo a calidade da escrita da autora resulta palpábel, clara, diáfana. É unha autora que lle gusta escribir e que se gusta escribindo, o cal nota o lector ou lectora e é o primeiro síntoma de que vai ser unha lectura prometedora, proveitosa, satisfactoria. O feito de que sitúe a trama en Londres, pouco habitual nas nosas letras, resulta un engadido máis, mais non se trata dunha novela da emigración. Olivia, unha das personaxes centrais, emigra a Londres, unha moza nova e capacitada, emigra a Londres para traballar como au pair nunha curiosa familia de clase media, onde a nai, Lisa, é médico forense e proporcionarálle un segundo traballo a Olivia, como limpadora nas instalacións forenses do Croydon. Alí Lisa fará a autopsia de Sanuel, un adolescente que Olivia coñece nun museo e que, cando o abran, deixará saír bolboretas monarca do seu interior. Esta é a proposta de inicio de Os bicos feridos.
Mais a novela non é simplemente o acontecer dunha moza nun traballo precario no Londres actual, o Londres do Brexit, o Londres do tempo en que os traballadores foráneos son mirados con lupa. Non. Quizá se bota de menos precisamente iso, que non afondase nun tema de tanto interese e actualidade. Porén a novela vai moito máis alá, nela aparecen personaxes preferibelmente desenraizados, personaxes que tratan por todos os medios de atopar o seu sitio na sociedade londiniense. A soidade. A procura da beleza. As difíciles relacións familiares, sobre todo a maternidade. As novas tecnoloxías da información. Cun toque de poesía ( xa un se decata nada máis ler o título) de cando en vez, cun chisco de ironía de cando en vez, cun simbolismo que tampouco é para desprezar, a novela vén contada en terceira persoa, que non deixa marcas de xénero, por iso nos custa deicidirnos entre se está contada por un narrador ou unha narradora. Aínda que, despois de todo, iso é o de menos. Sexa narrador ou narradora, xa expuxemos o ben que se manexa contando. Quizá demais. Porque tiraniza as personaxes. Hai dúas cousas que poderían mellorar a novela notabelmente. Unha literaria e outra extraliteraria. A literaria é esa, que as personaxes agradecerían meirande autonomía, teren máis liberdade para se manifestar en por si, de seren elas e explotar así a súa densidade dramática, que é moita e nas palabras do narrador ou narradora esta disminúe en favor da expresividade deste ou desta…
E a extraliteraria é que a novelaa gradecería moito unha revisión final que a depurara da multitude de grallas que entorpecen a súa lectura. Hainas de todo tipo, desde castelanismos ( a mel, tocador, zorra…) a letras que faltan, outras que sobran, palabras que unhas veces aparecen separadas e outras xuntas, erros na conxugación verbal ( sinten, estemos…), letras que ocupan o lugar doutras (tan por tal) etc. Unha mágoa, porque a autora demostra que sabe narrar, que lle gusta facelo, e resulta un pracer lela, malia que as personaxes podían ter máis percorrido dramático, máis autonomía, e malia todas esas grallas. Anna R. Figueirido é un mome a ter moi en conta, seguro que en posteriores entregas dará moito que falar.
ASDO.: Xosé M. Eyré