cunetas. será que queren volver matar a Pimentel

Porxmeyre

22/10/2023

Hoxe, trasladarse en automóbil é superhabitual. Cada vez que o utilizo para ir a algún sitio, mentres guío, asáltame a mágoa de ver que xa non se limpan as cunetas. Chegado o tempo, cando poden ou cando lles mandan, operarios pásanlles maquinaria industrial que corta toda vexetación que medra nelas. Antes, lembro ter vistas algunhas cunetas feitas de obra, iso é máis sensato. Explícome, porque o tema non é baladí. A vexetación córtana, mais non a rente, co cal a fondura das cunetas vai diminuíndo até que desaparezan e a auga asolague as estradas. Parece coma se lles incomodaran as cunetas, e vanas deixando ir morrendo. Non repararon en que as cunetas ademais de impedir a invasión da auga nas estradas, tamén serven como canalizadores da auga que despois é posíbel aproveitar. Polo que se ve, algo que vai ser moi necesario no futuro que nos asalta.

Xa me dirédes!

Ou será que queren volver matar a Pimentel e todos os asasinados nelas. Desaparecido o obxecto, desdaparece a palabra e xa ninguén lembrará que pasou nelas

Cunetas. Luís Pimentel

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

…………………………………….

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.

———————— Lugo, marzo, 1937

Escoitade a A Quenlla

Lembremos que a CIUG vén de censurar a represión exercida sobre a nosa lingua durante o fascismo até 1981.

Sinerxias que non son casuais,

Mais aínda estamos a tempo de lles lembrar a eses caratorcidas que

 

“os mortos que vós matades/

gozan de boa saúde”

 

 Escoitade a Celso Emilio Ferreiro, Pimentel, sementes inmorrentes.

Potas da Galiza, onde sesteades? Ides escribir algo mellor?

 


Porxmeyre

2 comentarios en “cunetas. será que queren volver matar a Pimentel”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content