Crítica, en principio pouco ortodoxa, da SIBILA de Rosa Aneiros

Porxmeyre

16/07/2021

Título: Sibila

Autota: Rosa Aneiros

Editorial: Xerais

Na crítica literaria os criterios técnicos deben guiar sempre o discurso. O resto son opinións, xuízos de valor, e polo tanto, dotados de pouca credibilidade. Así son as cousas mais non sempre son así. Porque hoxe, sen esquecer os critrerios técnicos pretendo que sexan os sentimentos os que guien as miñas palabras. Por sinal, este mesmo comezo vén ditado porque  a satisfacción de ler unha bo romance como este, dáme pé a querer facer as cousas doutro xeito. Sibila é unha muller que desafía os convencionalismos establecidos e eu tamén quero facelo. Mais vaiamos pouco a pouco, a ver a onde chegamos.

                     Sitúanseno nunha distopía futura que xa é presente. Sibila é unha muller do futuro que, xa entrados os corenta, decide que quere ser nai e, para entón, os avances tecnolóxicos fano posíbel. Nesta distopía futura que xa é presente existe unha illa musealizada, na cal só poden pernoctar os avellentados habitantes, e non se conceden permisos de nova residencia. Na miña opinión ese é un futuro moi probábel para as aldeas, o rural galego…e @s galogofalantes. Deume moito que matinar mentres lía. Mais a illa tamén representa as orixes, é a orixe de Sibila, cun pai que nunca quixo a illa e que a obrigou a unha migración forzada, está na illa. Pois tal e como está a pasar nas migracións cara ás cidades, co paso do tempo as orixes fican atrás, e chega un momento en que somos estraños nelas. Como dícía, unha distopía futura que xa é presente…dese hai tempo. O que está clero é que tod@s temos algunha orixe nalgunha “illa” ou nalgunha aldea, haxa que mirar atrás máis ou menos…

                     Aquí quero determe un anaco, porque a illa tamén representa o mundo natural fronte ao mundo de cemento das cidades. Resúltame triste ver como a xente prefire os “adiantos” do cemento, cando xa case nin saben o que significa pisar terra (que non sexa de parques) e sentir o latexo da natureza ao teu carón, presente nesa natureza da cal xa poucas cousas podes identificar mais que son a resposta do medio ás diferentes estacións meteorolóxicas, e están aí para que as admires, para que as coñezas, para que as compartas e, tamén, tamén noutros casos, para que loites contra a invasión tóxica. É triste, moi triste.

                     Non é un romance de xénero. Actualmente vívese na moda de querer recuperar os xéneros tradicionais. Velaí está o policial, rotulado como negro, por sinal. Ou das aventuras con case idéntico final. Mais hai ben tempo xa que o romance decidiu abandonar os lindes xenéricos para así achar meirande liberdade tanto expresiva, como expositiva e, desde logo, total autonomía para representar o mundo das ideas, que, en definitiva, é o que conduce os pasos das persoas que se din intelixentes. Isto mercería un aprofundamento que quizá fagamos noutro instante.

                     A viaxe de Sibila á illa tamén ten o seu de volta a Itaca, non parei de pensalo mentres lía. Mais esta é unha Itaca moi complexa, en boa parte porque é real xa, non como a Itaca “(u)tópica” clásica. Neste senso, as sagas familiares, sobre todo a da familia de Sibila, que é o centro, teñen o poder de manternos apegados ás páxinas mentres remoemos as reflexións que imos apuntando  ( e outras máis). Porén e por se interesa, o enredo do romance, xa cara o remate, realiza un xiro que o achega ao de aventuras, un xiro sorpresivo e moi trascendente, pois a nova nai, Sibila, decide enfrontarse a un futuro que é abismo. Quizá sexa a solución que nos queda. Adentrarnos no abismo para seguir sendo nós.

                     O mundo do futuro, que xa está aí mentres o mundo real é como é, e non como quixeramos que fora.

                     É dicir, trátase dun discurso fortemente simbólico. Non é difícil achar ese símbolos, algúns xa os fomos comentando, porén hai máis: como o da vaca enferma, como o mesmo nome da nai ( a Rubia)…. Fortemente simbólico e situado nas augas difusas da distopía futuríbel que xa é presente. De xeito que non se trata do convencional romance para pasar o tempo e máis nada. Como a boa literatura, obriga a pensar no que se le, e as implicacións que iso ten na vida real.

                     O que menos me gustou foi certa fraseoloxía (“ a cal e canto”, “puto…”, “trigo limpo” ou “ir ao gran”) castelanizante en lugar doutra máis galega. Porque se admitimos como galegas esas expresións, estmos admitindo calcos semáticos casateláns sen mirar á tradición en que  nos insire a propia lingua que utilizamos.

                     Xa ven, criamos que serían os sentimentos quen nos guiaría e, finalmente estes non deron camiñado senón da man dos criterios técnicos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido