crítica de UN LIBRE FAVOR (Chus Pato, Galaxia)

Porxmeyre

21/06/2019

POESÍA, AUGA, VIDA

Título: Un libre favor

Autora: Chus Pato

Editorial: Galaxia

De todos os títulos publicados por Chus Pato ( e van uns poucos despois daquel orixinario Urania ) este é o máis intrigante, na nosa opinión, o que xera máis interpretacións. Porque hai que interpretalo, esixe interpretación, non é simple rótulo co que nominar un poemario. Desde que o lector ou lectora ten o libro nas mans sabe que vai ter que interpretalo. Porque un favor non é claquera cousa, un favor precisa alguén que o faga e alguén a quen se lle faga. E xa está, abondan estas dúas, que parecen proxectarse en direccións opostas. Nós non imos adiantar cal das dúas é a correcta. Non. Porque a poesía de Chus Pato nunca foi de doada interpretación. Ou, mellor dito: a poesía de Chus Pato esixe sempre relecturas e reinterpretacións para ser enteiramente. Enteiramente, malia que a propia autora non deixe de ver os poemas, a poesía, coma unha sorte de ruínas. Si, resulta chocante que unha das nosas meirandes voces líricas se refira á poesía como ruínas (así o fixo no discurso de ingreso na RAG) cando os lectores e lectoras non deixamos de estimala como unha alfaia. E, neste caso concreto, as dúas direccións aludidas antes non teñen porque ser excluíntes. A maxia da poesía, porque na poesía hai maxia, é precisamente que non o son. E un libre favor tanto son para o lector os poemas de libro, como eses mesmos poemas o son para a propia autora ao permitir pechar o ciclo da comunicación. Neste senso, e non noutro, é que cremos que debe interpretarse o título, nun senso que non deixa de ser metaliterario. Porque Chus sempre escribiu sobre dúas cousas: sobre a vida e sobre a propia escrita. Sempre. E agora déixanos quizá o poemario. Non. Agora déixanos o obsequio verbal que ela máis estima que os lectores e lectoras debemos aloumiñar. Porque ese libre favor proxéctase á vez nas dúas direccións a través dos textos, sendo ela, a autora, o fulcro equidistante.

                     Ben. Dito isto como requisito principal para comezar a crónica libresca desta semana, imponse agora unha primeira consideración global sobre o poemario. Pasaron seis anos desde Carne de leviatán. A Chus Pato que aquí se nos presenta non é a máis combativa (desde a perspectiva feminina ou desde a perspectiva política), nin a máis críptica (iso se dicía das súas orixes), nin a máis explosiva verbalmente. Non, estes textos, estes poemas non deixan de selo porque nunca a poesía de Chus Pato deixará de selo. Porén a Chus Pato que aquí  lemos, a poesía de Chus Pato que aquí lemos aparécesenos como a realización dunha orive experta, madura, como un froito dunha madurez explendente. Explendente e delicada. Os poemas de Un libre favor semellan elos dunha cadea, interferencias dunha única mensaxe, unha única mensaxe mais unha mensaxe complexa. Unha mensaxe complexa e delicada, como o voo dun paxaro, como a auga escorrendo nas nosas mans, como o vento que nos trae a voz desexada… E regresamos ao seu discurso de entrada na RAG para recoller a súa definición de poeta: “poeta é aquel ou aquela que na palabra xera unha vida”. Non nos estrañemos, pois, da complexidade dos seus poemas, da súa poesía, porque a poesía é un mundo de palabras. Nesa complexidade, e no punto de vista (tan particular, exclusivo, xenial), ou mesmo puntos de vista, que se adopta(n), aí é onde radica a forza comunicativa dos poemas deste libro.

                     Auga. Xa falamos da auga, que é un dos motivos presentes no texto. E a auga é unha boa axuda para definir a poesía de Chus Pato neste libro. A auga, cando pasa, algo leva e algo deixa. Tamén, ao lermos os poemas de Un libre favor sentimos que algo do significado do poema nos quedou e tamén que algo se nos pasou. Poesía auga. Xa sabemos que a poesía actual esixe sempre relecturas. E esta é unha poesía moi actual, que ten algo de tour de force coa súa propia obra anterior. Esta é máis reflexiva. Si, xa sei que na poesía de Chus aniña sempre un fondo reflexivo sen o cal non se pode explicar. Mais as reflexións que aquí están presentes teñen un aquel de explicación na madurez poética e tamén vital, son reflexións que se fan desde a altura, desde a experiencia vital, e, malia todo tamén teñen a fescura do  novo. Porque se empregamos o motivo da auga para definir a súa poesía, tamén compre dicir que o común denominador do libro é a vida. Poesía. Auga. Vida. Porén, mais que unha exposición temática da poesía deste poemario, interésanos falar dalgúns motivos, motivos temáticos ou motivos a partir dos cales elabora as imaxes, as metáforas deste libro. É o caso, por exemplo, das pontes, as pontes que ven pasar a auga, a auga que tamén sempre foi unha metáfora da vida, a presenza das pontes na poesía de Chus pato non é nova (aí as temos mesmo nun título: A ponte das poldras) e demanda un estudo para o que agora non temos tempo. Canda as pontes, ou as referencias clásicas ( Horacio, os tracios…) tamén hai nomes mesmo de militares (Moshe Dayan) e outros motivos que aquí adquiren unha especial importancia, un especial significado. Tal é o caso, por exemplo, das aves ( aguias, corvos, grous, merlos…), non lembramos outro poemario onde tan presentes estiveran; as aves, que ven desde a altura; as aves, que se desprazan con elegancia polo ceo; as aves, que ás veces tamén podemos pensar que son imaxe da liberdade. Pola contra tamén están presentes as pedras, as pedras como tales e as pedras como elementos constitutivos de construcións. Mais, sobre todo, a natureza, a herba, as árbores, as flores. Mesmo a cidade é vista como unha especie de fraga. Porén, ollo, porque fronte a esta natureza está aquel verso que declara que nada hai tan natural como as máquinas (25). Sen dúbida, a concepción do “natural” que opera na poesía de Chus Pato excede as dimensións do habitual.

                      E como novidade máis salientábel, mesmo por riba da natureza, a presenza de nenos e nenas, da infancia. Se non lembramos mal nunca tanto apreceran na poesía de Chus Pato.

                     Dixemos que este era un poemario reflexivo, e éo. Mais sería inxusto se non dixeramos tamén que é fondamente lírico. Agora contamos coa avantaxe de que xa expuxemosos motivos principais a partir dos cales se expresa ese lirismo. Porén hai que engadir que se trata dun lirismo que podemos denominar quebrado, o poema pode esixirlle á voz poética que se desdobre, que se asuma como observadora de si mesma, de si mesma ou da realidade, e o poema pode presentar tamén unha evolución temática quebrada. É dicir, comézase cun motivo temático determinado e ese mesmo motivo dá lugar a outro (s), polo cal a poesía da Chus Pato é ( e foi) sempre especialmente connotativa. E a connotación intrapoemática tamén se pode considerar un dos procesos creativos, o principal, o primordial, se cadra. Non dicimos nada novo se a propósito comentamos a influencia de Manuel Antonio na poesía da Chus Pato.

                     Si, tamén é un poemario lírico, esencialmente lírico, no que a autora procura expresarse cunha delicadeza que para nada oculta a densidade do seu pensamento, un inconformismo rebelde que quere chegar coma un aloumiño e non coma unha labazada.

                     Poesía, a poesía da experiencia e tamén do novo, a poesía como arma de defensa contra a vida, como reducto ou ruína onde aniñar, onde agardar, onde repousar, esa palabra matricial. Auga, a auga como metáfora da vida, a auga que enloda os camiños é a mesma auga que nos lava e vivifica. Vida, iso que nos pasa todos os días, e somos conscientes do seu pasar. Palabras para un poemario, para unha poeta, que queren chegar tanto ao fondo sensíbel da intelixencia como á raíz intelixente do corazón.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido