crítica de SEN ALENTO, de Ramón Area, en Positivas.

Porxmeyre

22/06/2022

EN TEMPO DE PANDEMIA

Título: Sen alento

Autor: Ramón Area

Editorial: Positivas

Van aparecendo discursos que  que se localizan temporariamente no tempo da pandemia Covid-19. E máis que virán, con seguranza, pois, tres anos despois segue sendo un andazo que aínda condiciona as nosas vidas e, iso, dificilmente pode ser esquecido. Neste caso toca unha ficción de Ramón Area, a terceira, que despois do éxito de Camiño Negro parece querer repetir fórmula. Volven as personaxes da garda civil Lucía e do sarxento Fernández, que ten un pasado pouco claro e sofre destino no interior como castigo. E se no anterior título figuraba a reconversión  no naval, Ramón Area segue atento ás circunstancias político-económicas que ocupan primeira plana na actualidade galega, neste caso é a invasión dos parques eólicos. Nesta altura do século XXI, tal atencioso feito segue sendo para noticiar, pois se facemos excepción de Carlos G. Reigosa e a súa triloxía negra (e algúns títulos, poucos, máis) non  é nin moito menos frecuente na nosa narrativa.

O discurso volve ser poliédrico. Se Lucía investiga o pasado de Fernández e se asegura de que o Camiño de Santiago está limpo de ameazas ao peregrinos, Fernández ten entre ollo e ollo os asaltos a anciáns que viven no rural, outro dato que fideliza a atención á actualidade por parte do autor. Mais iso non é todo. Tamén hai un home de negocios ao que lle recomendaron vir á Galiza por motivos de saúde, e un indio tlingit (Canadá) que lle fai compaña. E Lamela, o empresario responsábel dun parque eólico e que ten un pasado que precisamente non é nada honroso. A aínda un Santiago Apóstolo que reflexiona sobre o tempo da pandemia, entre outras cousas. E cada capítulo vai encabezado por un mes do almanaque republicano (que sucede ao gregoriano) e que convida á reflexión: todo puido ser doutra maneira.

E pouco máis lles vou contar do enredo deste novo romance. Só lles direi que, se no anterior título beireaba xéneros, neste caso xa lles dixen que repite fórmula. Porén, non se afonda moito, menos do agardado, nin na seguranza do  Camiño de Santiago nin nos asaltos a anciáns que viven no rural nin tampouco no escuro pasado do sarxento Fernández. É certo que, cando aparece Lucía aparece no enredo, este cobra meirande interse, mais non deixa de ser un ir choutando de faciana temática en faciana temática sen que, agás no caso dos eólicos, o romance deixe de parecer un ir tirando de fíos que por algunha casualidade pertencen á mesma madeixa, sen que exista unha verdadeira tensión narrativa.. Porén, isto é o de menos e inclusive podería pasar por un enredo do estilo do anterior, mesmo ten algunha solución policial imaxinativa no remate.

Mais xa digo que iso é o de menos, porque o que de verdade salienta é un uso lingüístico moi pouco afortunado. Se lingua a podemos considerar como espello do padrón emanado desde a RAG, unha padrón lingüístico plano que non está concebido para ser lingua literaria, iso é o mellor que podemos dicir dela. Porque os continuos erros no uso do pronome persoal átono (non só confusión entre p.p. de OD e p.p de OI, senón tamén confusión entre OI singular e plural) van acompañados dun léxico con moitas escollas erradas. Ás veces son solucións castelás que non veñen a conto e silencian as propias  do galego. Por sinal “enderezar” ou “palillo”, máis tamén “sendeiro” en lugar de “carreiro”, “aportar” co significado castelán e non co galego (chegar a porto), “branquear cartos” en lugar de “lavar cartos”, “testificación” en lugar de “testemuño (por moito que dicionario en liña da RAG o admita, como sucede con outras moitas palabras, como “aprazamento”), “toque de queda” en lugar de “toque de quedar”, “fisgar”, “cháchara”… Cando non se trata ultarcorreccións, como no caso de “trunfar” en lugar de “triunfar” e sen esquecer que as apalabras “casa” (no discurso) e “cama” (non está nel) sempre levan artigo, así que  “ir a casa” é un castelanismo por “ir á/para a casa”. Realmente unha mágoa, este uso lingüístico tan despreocupado dunha mínima corrección.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido