crítica de OS JEANS DE MARÍA (Lois Alcayde Dans), en Galaxia.

Porxmeyre

27/12/2019

BOAVINDA A UN NOVO NARRADOR NOVO

Título: Os jeans de María

Autor: Lois Alcayde Dans

Editorial: Galaxia

Este é un libro de relatos -deixemos a boavinda para logo, permítannos. E cando un abre un libro de relatos debe estar preparad@ para a sorpresa, ou, polo menos, para agardar unha variedade discursiva que encha as súas aspiracións. Porque, tratándose de relatos (estrutura aberta) ou de contos (estrutura pechada) iso vén sendo unha constante, por non falar daqueles/daquelas lectores/lectoras que depositan no xénero da extensión curta as súas preferencias. Si, e non son pouc@s, xa que canta menor é a extensión meirande a deificultade técnica á hora de narrar. Non é que o digamos nós, é que así o recoñecen a maioría de autores/autoras. Por iso, cando un se atopa con esas novelas longas, longas, longas, tende a desconfiar…canto máis longa é a novela ( a extensión) maís tempo e espazo hai para rectificar erros cometidos con anterioridade. Pero este, xa o dixemos, é un libro de relatos, da extensión breve.

                     E é, ademais, o libro co que se presenta un novo narrador novo, aínda un univeristario, Lois Alcayde Dans, no eido da narrativa adulta. E, polo que a nós respecta, aseguramos que o seu é un nome que vai dar moitas alegrías á literatura galega, pois o cartón de presentación vai dun  notábel alto na maioría dos relatos até a excelencia nalgún deles. Por exemplo o primeiro, un relato de a penas tres páxinas mais tecnicamente excelente, brillante, extraordinario, deses que podería aparecer en calquera esixente antoloxía da narrativa curta galega. E mesmo, ou tamén, unha estrutura narrativa pechada, desas tan ben pechadas que, cando rematas de ler o texto, obrígate a remirar o título. E que, polo tanto ben o poderiamos asimilar ao xénero do conto. Non deixa de ser unha presentación realmente espectacular e prometedora.

                     Espectacular e prometedora. E non defraudará. Nos seguintes relatos, Lois Alcayde demostra saber xogar ben cos pregamentos temporais, por exemplo. Ser efectivo nas descricións, sen abusar nin quedarse curto. E saber caracterizar notabelmente as personaxes aínda dispoñendo de pouco espazo, de pouco tempo. Ademais, e esta é unha característica aplicábel a todo o volume, pecha os relatos cun certo clímax, de xeito que a estrutura, con ser unha estrutura aberta, non desbota remates que deixen ao lector ou lectora pensando no que leu. Porque @s sorprende, ou porque a ironía ou lirismo do remate ( que os hai, non demasiados, pero si hai) redimensionan o discurso lido de maneira moi efectiva.

                     Se da temática falarmos ( máis do dito) teriamos que expoñer aquí unha longa listaxe que de pouco serviría e, moi posibelmente, non deixase tempo para dicir outras cousas que si son moi relevantes. Por exemplo, tendo en conta a mocidade do autor (nado no 1997) resulta salientábel o ben que se manexa á hora de escribir sobre tempos ( e espazos) que el non viviu, por exemplo os anos 70 ( metade da década) do pasado século. Iso antes ca nada. Porque despois tamén hai que indicar que é un libro moi coruñés. Malia non ser o único escenario das tramas destes relatos, si aparece bastantes veces e o coñecemento dos barrios coruñeses parece ben axeitado. Pero xa dixemos que non é o único escenario. Outro deles que tamén se repite é Madrid. Un Madrid no que Lois Alcayde se fixa precisamente nun dos monumentos máis descoñecidos polos propios madrileños, o Templo de Debod, un templo exipcio a tiro de pedra da mesmísima Praza de España que seguramentre moitos madrileños descoñecen por completo. Alén diso, tematicamente tamén resulta recorrente o mundo da fotografía, apañar instantes, iso é a fotografía, mais apañar istantes que teñen toda unha historia detrás e/ou un futuro que podemos imaxinar. E navegan moi ben os narradores/ ou as narradoras de Os jeans de María, esta é unha técnica que a Lois Alcayde se lle dá ben, apañar fraxilidades (do tempo, da vida, da xente) e contalas entre os pregamentos do relato.

                     O dito: boavinda a esta Os jeans de María, título dun dos relatos que recolle para o volume enteiro. E boavinda a un novo nattador novo que dará moito que falar/escribir a pouco que teime na tarefa da facer literatura. A pouco que desbote esa manía de non empregar onomástica galega, nun exercicio de hiperrealismo que non lle cadra nada ben.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de OS JEANS DE MARÍA (Lois Alcayde Dans), en Galaxia.»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido