NOVO CASO PARA O INSPECTOR LEO CALDAS
Título: O último barco
Autor: Domingo Villar
Editorial: Galaxia
Dez anos despois de A praia dos afogados regresan Domingo Villar e o seu inspector Leo Caldas cun novo título, esta O último barco que hoxe traemos á nosa crónica libresca. De primeiras, dicir que se trata dun regreso moi agardado por un importante número de lectores e lectoras que seguen as peripecias de Leo Caldas con paixón. Eis tamén unha das razóns para que sexa a nosa lectura da semana, as expectativas xeradas son moitas e seica a novela se está vendendo moi ben. E téñase en conta que Domingo Villar, en cada novo título, supérase en canto ao número de páxinas do discurso; desta vez son máis de 700. É dicir, os seguidores e seguidoras de Leo Caldas van gozar unhas horas máis das andanzas do seu inspector favorito, porque o libro non se le nin en dúas nin en tre sesións, o seu volume aconsella armarse de paciencia e non decaer no empeño.
Nesta ocasión, Leo Caldas enfróntase á misteriosa desaparición dunha profesora da Escola de Artes e Oficios viguesa. Filla de familia acaudalada, o seu pai é quen denuncia a desaparición e quen vai estar enriba de Leo Caldas, o seu superior e os seus colaboradores, para que se poñan ao asunto e non o deixen de lado, porque Mónica Andrade é unha muller adulta e pode desaparecer as veces que lle veñan en gana. Ela, Mónica, escolleu para vivir o lugar de Tirán, ao outro lado da ría de Vigo tendo en conta a cidade. É dicir, imos atopar unha novela que transita do mundo urbano ao mundo rural, e viceversa, constantemente. E Domingo Villar describe, con moita atención ao pormenor, as dúas realidades. De feito, sobre todo no inicio, é como se o autor nos levara da man dun lugar ao outro, efecto conseguido, naturalmente, a base das descricións que vimos de salientar. Isto tamén afecta ao ritmo expositivo, como é lóxico, mais xa advertimos que esta novela hai que tomala con paciencia.
O discurso está contado nunha liña temporal progresiva na que hai moi poucas omisións, desde que Caldas comeza co caso até que o resolve cóntase todo paso a paso, case hora a hora vaise dando conta de como se vai desenvolvendo a trama. E fragmentariamente, con capítulos breves iniciados por unha definición que non sempre é copiada do dicionario da RAG senón que ás veces tivo creala o propio autor. E só ás veces aparece algún instante en que Villar deixa caer algunha pinga de erudición que demostra o amplo coñecemento de Vigo e a súa contorna interrompe esa liña, e non moito. Ou, outras veces, cando denuncia a barbarie arquitectónica que privou a Vigo de edificios singulares. Alén diso, algunha mínima prolepse, analepses menos. Todo isto e o feito de que Leo Caldas sexa un inspector normal, unha persoa nornal, espabilado como cómpre, mais lonxe desas personaxes que está de volta de todo, que filosofan da vida mesmo con cinismo. El e calquera dos que compoñen o seu equipo, ou o seu superior. Ningún está dotado de características individualizadoras que o afasten do que pode ser unha persoa normal. A non ser as particularidades de Rafael Estévez, o axudante aragonés, mais son mínimas: cáelles mal aos cans e é un pouco bruto ( e non queremos pensar que isto sexa porque é aragonés). A Rafael Estévez, e non só nesta novela senón en calqueraoutra tamén, sempre botamos de menos algo no seu carácter que apoie a súa orixe. Mais aquí tampouco percibimos ningunha.
Todo isto xunto lévanos a pensar que Villar aposta polo verismo, por un realismo pouco frecuente hoxe en día e que, sobre todo na primeira metade da novela, parece ser a súa característica máis salientábel. E o feito de que a trama mesture personaxes reais con outros que son pura fabulación mais moi verosímiles. Ao seu carón aparece algunha personaxe singular, como é o caso de Napoleón, un esmoleiro profesor de latín que axuda a Caldas cos seus magníficos consellos, froito dunha cultura clásica moi salientábel. Esta reivindicación da cultura clásica vén sumarse ao feito de que a Escola de Artes e Oficios estea tan presente. En tempos como os que vivimos, lembrarse das perosas que fan arte coas súas mans e que demostran verdadeira vocación teñan a idade que teñan, constitúe toda unha posta en valor, un recoñecemento e homenaxe ben merecidos.
Son poucos e de pouca axuda os avances na investigación da desaparición, mais todo cambia cando a desaparición deixa de ser unha desaparición e pasa a ser outra cousa que nós non revelaremos. Entón é cando nos dectamos de que cousas que antes nos pasaran desaprecibidas poida que teñan outro significado, é cando nos decatamos de que o narrador foi sementando posíbeis vías de solución ao longo do discurso. E decatámonos de que a novela realista protagonizada por un inspector e o seu equipo é unha novela policial e nela tamén se xoga coa dosificación da información, coa manipulación da trama de xeito que o remate sexa climático e sorpresivo.
O último barco é, pois, unha novela policial que se cociña a lume lento deica que nun determinado momento esa exposición lenta e pormenorizada da novela realista deixa paso a unha novela policial que, agora si, segue sen ningunha dúbida as características canónicas do xénero. O que lamentamos é que a Domingo Villar lle importe tan pouco a onomástica galega (Carmen, Pablo, Félix…, mesmo Dios) e que a novela non contara cunha revisión final que a limpara das grallas que condicionan a súa lectura: letras que faltan, palabras que se repiten, palabras que faltan…
ASDO.: Xosé M. Eyré