GALIZA E LEÓN NOS COMEZOS DA BAIXA IDADE MEDIA.
Título: O libro e o tapiz
Autor: Xabier Paz
Editorial: Xerais
Comecemos dicindo que este romance de Xabier Paz debería ser traducido ao castelán, e distribuílo (con esixencia de lectura) entre todos os casteláns. Razón? A trama contrasta as realidades do León de dona Urraca e a Galiza do arcebispo Xelmírez. E non só Xelmírez, tamén o seu antecesor e outra figura transcendental: o Conde de Traba. Aí podemos ler como Urraca ten moitas dificultades para manter o seu trono mentres na Galiza Santiago de Compostela non para de medrar, Galiza é un reino rico e poderoso en tanto o León de Urraca bastante ten con defender o seu territorio e a raíña o seu trono. Esta Galiza existiu. E é sistematicamente ignorada pola historiografía española, e sobre todo pol@s polític@s centralistas, pois contradí esa visión triunfante da Reconquista. Mentres Galiza xa chegara ao río Mondego, no resto aínda quedaba moito por facer, moito musulmán que derrotar e que non se completaría até finais do século XV. Repetimos, esta Galiza existiu e é a envexa dela a que espertará a galegofobia que aínda se mantén e que tivo moito eco nos Séculos de Ouro da literatura española (así, en minúsculas). Campaña orquestrada por reis (xa desde Afonso X) e nobres que exercían de mecenas e como tales esixían que as ben pegadas plumas encheran de tópicos fóbicos contra Galiza as letras castelás. Non deixa de ser curioso que isto aconteza cando a Reconquista chega ao seu remate.
É importante sinalar este contraste en primeiro lugar porque de non ser tido en conta pérdese o contido máis importante do discurso. Diremos tamén que nos lembrou moito a Magog, de María Gándara (despois asinará como Lola Gándara), Premo García Barros de 1997; porque coinciden en escribir sobre a mesma é época, polo cal algunhas personaxes coinciden (Urraca, Xelmírez, o poder de Cluny…). Aproveitamos para recomendar tamén este título de María Gándara.
Polo que respecta a O libro e o tapiz, sáibase que no libro se fala do reino de Galiza, en realidade son máis dun libro os que manda escribir libros sobre a Catedral e os seus dominios. E o tapiz vaise confeccionando coas lembranzas de Urraca e fica inacabado. Tamén é significativo que na Galiza se escriban libros, e fóra do noso reino haxa que recorrer ao tapiz.
Con esta estrutura dual, Xabier Paz confecciona un discurso onde os capítulos alternan as dúas visións. Non é nada novo mais si moi eficaz, pois ademais de facilitar o contraste tamén dinamiza moito a lectura. Ademais, despois de todo o que temos dito, salva ao autor de ser acusado de partidista, pois as personaxes están confeccionadas con realismo e tamén humanismo; e isto merece ser salientado. Como tamén son moi importantes as descricións. Sempre na narrativa de Xabier Paz hai que fixarse moito na calidade das descricións, técnica que desenvolve con moita habelencia e precisión. Resulta un pecado non deleitarse con elas.
Polo medio, entre Xelmírez e Urraca, quedan moitas personaxes que ben merecían un libro para si. É o caso do Conde de Traba, do bispo anterior a Xelmírez, Diego Peláez, as incursións mouriscas ou normandas etc. O Antigo Reino de Galiza é un tema moi pouco tratado (lembremos a Darío X, Cabana e Morte de rei, ademais de María Gándara e Luísa VIllalta, como exemplo) nas nosas letras, polo cal cómpre agradecer a Xabier Paz que bote luz sobre este tempo da nosa Historia. A pesar de que non haxa moito espazo para fixarse neles e desenvolvelos en toda a súa plenitude, hai que recoñecer que nunca as personaxes (teñan máis espazo e importancia ou menos) sempre están ben configuradas, ou polo menos o suficiente para que o romance non padeza. Dispoñendo dun espazo xusto, tamén é un logro a caracterización destas personaxes.
Certamente é unha ficción. Iso non desmerece a información que proporciona. Lembremos que as literaturas épicas tamén eran ficción, por sinal. E ben rédito que se lles sacou, foran franceses, casteláns, italianos ou portugueses. Por dicir uns casos europeos, porque isto acontece en calquera continente, sobre todo en Oriente. Inclusive, política ou filosófica, mesmo se fixo relixión a partir desas epopeas, sobre todo en Oriente. Véxase toda a razón que leva a cualificar este título de inmensamente necesario.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)