crítica de O LIBRO DA FILLA, de Inma López Silva, en Galaxia.

Porxmeyre

05/03/2020

UNHA NOVELA BRUTAL, BRUTALMENTE ESIXENTE

Título: O libro da filla

Autora: Inma López Silva

Editorial: Galaxia

Han de perdoar que non se me ocorrera un tútulo máis brillante, mais é que, despois de ler a nova novela de Inma López Silva, aínda impactado pola dureza da lectura, da miña cabeza non sae outra cousa máis que que é unha novela brutal. Desas que te sacoden moi desde o interior, te abanean e che deixan unha marca indelébel na mente.

                     Ben. Vaiamos por partes e comecemos dicindo que temos cousas boas e moi boas que dicir desta novela, e tamén cousas malas, que non nos gustaron nada.

                     De primeiras, a trama preséntanos o caso dun home condenado por violar unha filla súa e que mantén que é inocente. Helena Sánchez, unha xornalista recoñecida, comeza a investigar sobre o caso. Sobre un caso que repercutirá fondamente na súa vida, na súa vida e na da súa familia. E todo isto nun contexto moi especial, non quixeramos dicir o de “moi especial”, porque debería ser normal, mais o caso é que non o é. Referímonos á auxe da extrema dereita, do fascismo, na sociedade actual. Neste senso, a novela de Inma López Silva aposta por un realismo total que non implica calar a cerca da auxe do fascismo nos días de hoxe. E é por iso unha novela valente, valente, que nin cala iso nin casos de corrupción política ben coñecidos mais que non aparecen moito polas letras galegas: falamos da implantación de celulosas e da corrupcón política e mafiosa que implican; dos ERES, das farmacéuticas, da especulacións inmobiliarias, da especulación forestal e a queima de montes, dos “avogados cristiáns” e a súa teima integrista…e da ultradereita, da ultradereita e o seu comportamento mafioso, tipicamente mafioso -porque todas estas denuncias non son alleas ao mundo político. Só por esa valentía, a novela xa merece ser recoñecida e moi singularizada porque o contexto en que nace (onde as ficcións parece que nunca afondan na realidade do día a día, iso é o máis habitual) a singulariza fortemente. É, pois, unha novela moi valente que aposta por un realismo ben informado, ou polo menos atento ao que sucede na política e na sociedade dos nosos días.

                     Ben, mais cando dicimos que é unha novela valente aínda queremos ir máis alá. É certo que na novela se reflexiona sobre como contar mellor unha historia, se desde o xornalismo comprometido ( e non deberiamos usar esta palabra, mais a realidade amósanos que o máis habitual é un xornalismo que inventa a realidade que máis lle convén ou menos incomoda ao poder) ou desde a ficción. De feito non son poucos os xornalistas que botan/botaron man da ficción para contar verdades que o seu oficio se cadra non lles permitiría. Creo que non cómpre dicir nomes, se lembramos que habería que comezar co mesmísimo Manuel Rivas.

                     Ben, mais cando dicimos que é unha novela valente aínda, aínda, queremos ir mási alá. Porque non é doado escribir un discurso onde o lector ou lectora teña tantos problemas para enfatizar coas personaxes. Unhas personaxes cheas de arestas, de conflitos, que á veces parece que humanamente temos que comprendelas, polo menos a algunhas ( ou algunha ) e, á mesma vez, e polas mesmas humanitarias razóns a lóxica e a decencia indicánnos precisamente que non o fagamos porque non son personaxes dignas da nosa comprensión moral. Había un escritor portugues que falaba do “fascismo dos homes bos” como o máis perigoso. Aquí temos exemplos, e dánsenos motivos como para empatizar con Fernando ( o violador ) ou Miguel (fundador do partdo facha e tamén denunciado por violador), tantos ou máis coma para non facelo. Non é nada doado escribrir unha novela con esas esixencias, mais Inma López Silva logrouno, escribiu unha novela nada cómoda de ler, que colle polos colares ao lector ou lectora para que se pregunte constantemente sobre o que está lendo e ata que punto pode empatizar con esta ou aquela personaxe, porque a autora a todas as personaxes as configura desde o conflito, desde as arestas morais, inclusive a bolseira de Helena Sánchez, inclusive a mesmísima Helena Sánchez, casada cun ultradereitista que fará de pai dunha filla que non é súa ( cousa que el nunca saberá ), que non é unha esposa fiel nin moito menos e que será acusada de “roubar” o traballo da súas bolseiras. Ou tamén o caso de Clara, a maquivélica Clara, que despois de ser feliz con Fernando e de irlles moi ben economicamente, o acusa de violar a filla menor, maquiavélica pero tamén humana.

                     É dicir, estamos a falar dunha novela tematicamente atrevida, valente, necesaria, e tamén dunha novela tecnicamente esixente, moi esixente e ben resolta, por certo. Brutalmente esixente.

                     Curiosamente, na presentación editorial fálase “ dun thriller político, intimista, sentimental e social”…e non é que nós nos pareza desacertado ou simple mensaxe para incrementar vendas. Non, non é por iso, mais temos a impresión de que poucas veces se escribiu unha novela tan negra coma esta. Negra porque afonda como poucas nas negruras das persoas, expoñendo á vez ou sucesivamente motivos polos cales deberiamos enfatizar con estas personaxes e motivos polos cales non o deberiamos facer nunca. Ben, xa falamos disto. Mais cómpre dicir unha cousa: as fillas, as fillas de Clara e a filla de Helena si son personaxes cos que un empatiza doadamente. Todas, menos unha filla de Clara ( que se seuicida ou a suicidan ) procurarán unha vida alternativa lonxe dos seus pais. Con elas si que se empatiza claramente, sobre todo con Amanda, porque é máis protagonista, as outras son máis obxecto da novela que protaginstas súas. Por iso o título: “O libro da filla”.

                     Porque as relacións matrimoniais aprecen fortemente cuestionadas, tamto ten que partan ou mesmo  gocen de momentos felices, finalmente rematan sendo un inferno do cal as fillas foxen, tanto as de Fernando e Clara como a de Helena e Miguel. E nin a fidelidade (por exemplo a de Fernando) nin a infidelidade (por exemplo no matrimonio de Helena e Miguel) son vías de escape satisfactorias. Dicimos relacións matrimoniais, mais deberiamos dicir relacións familiares, porque as fillas, o amor de nai e pai ás fillas, tamén ten moito que ver ( e, por suposto, o amor das fillas pola nai ou polo pai). O que sucede é que as fillas rematan por fuxir dese inferno, como dixemos, e, como no caso de Amanda (filla de Helena) rematan por adoptar modos de vida alternativos (como okupa e despois na aldea ecolóxica) totalmente á marxe das vidas dos seus pais e nais ( aínda que sexan progresistas, como é ocaso de Helena).

                     Pero tamén temos cousas malas que dicir, xa o adiantamos. Podemos comezar co uso dunha onomástica que non é plenamente galega, senón mixta, tanto se usan nomes galegos  como casteláns. Porén iso é o de menos. Porque o peor son os castelanismos. Cousas como: joder, mal rollo, gilipolleces, tododiós, perroflautas, manera, súa separación, vivalavida, zorra ( en galego zorra ten un significado diferente ao do significante a que se refire no texto) ou capullo. É dicir, palabras ou expresións que resulta moi cómodo empregalas en castelán, algunhas (manera, súa separación) porque non foron corrixidas como deberan e outras ( o resto) que constitúen castelanismos totalmente excusábeis en galego, alén de supoñerse que un autor ou autora, ao traballar coa lingua, debe enfrontar retos lingüísticos tamén. Isto, ao lado de cousas como sona por soa, ou maniña ( en galego “maniña” ten un significado diferente do diminutivo de man) por manciña, non din nada bo da lingua utilizada, ao que se poden sumar outras como foi non foi, discrición ( por “descrición”) ou aparecen ( por apareceron)…

                     E, claro, como esta novela se publica  en galego e castelán preguntámonos se en castelán tamén a lingua presentará estes problemas ou similares, porque a sombra da versión galega como borrador da castelá está aí… Non cabe dúbida de que a revisión final debeu ser máis fonda.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido