crítica de NON FALES O QUE NON DEBES, de Luís Manuel García Mañá

Porxmeyre

16/09/2020

CAENDO NO MUNDO DAS MAFIAS

Título: Non fales o que non debes

Autor: Luís Manuel García Mañá

Editorial: Xerais

Non son moitos os títulos da nosa narativa actual que tematizan as mafias. Quen máis convencidamente o fixo foi Carlos G. Reigosa ( A guerra do tabaco, Narcos…) nunha tentaiva de dotar á novela negra de formato propio e distintivo, iniciativa de Xerais que infortunadamente non prosperou. Por iso, se cadra, a mellor maneira de comezar falando de Non fales o que non debes, a última de Luís Manuel Gracía Mañá, é comentando a súa relación co xénero negro. Moitas veces téñense como materia temática da novela negra “os baixos fondos” da criminalidade. Equivocadamente. Na actualidade son precisamente personaxes e escenarios luxosos os que mellor identifican un mundo delictivo que se volveu sofisticado nas súas formas e moito máis perigoso socialmente falando. Tamén aí houbo certa perda de humanidade/humanismo nas personaxes, pois esta era máis visíbel nas camadas delictuosas baixas do que é nas “altas esfera”. Senón compróbeno nesta novela.

                     Porque si, estamos a falar dunha novela negra ao modo actual. Luís Manuel García Mañá retrata na súa novela as mafias internacionais (contrabando de droga, contrabando de armas, especulación urbanística, lavado de divisas) e como estas extorsionan membros relevantes da sociedade utilizando métodos nos cales as vítimas descoñecen que poden ser precisamente iso, vítimas de extorsión. Tal, é o que acontece en Non fales o que non debes, onde un maxistrado é convidado a un xantar de sete estralos na compaña dun concelleiro e dúas misteriosas personaxes, presentadas como amigos do concelleiro, coas que o fotografarán despois do xantar e dos correspondentes “dixestivos” e copas. Evidentemente, o perigo de extorsión, de chantaxe, está aí, cando se desvelen as actividades dun dos “amigos” do concelleiro. Mais o rol principal do maxistrado na novela é outro.

                     O maxistrado en cuestión suicídase. E é desde a súa cualidade de ser incorpóreo que ten unha liberdade total para contarnos a súa historia particular e o entramado mafioso en que se ve envolto. Igual que fixera Castelao en Un ollo de vidro (citado na mesma novela, cousa que convén lembrar), o maxistrado vainos ir contando, iso si, aquí non existe ningún afán satírico, non hai ironía, non hai humor. En principio, el é un dos narradores, despois convertirase en único. O outro é un narador en terceira persoa omnisciente que conta como un xornalista ( que publica baixo o pesudo “Vagalume”) dá en investigar o tamén suicidio do concelleiro antes mentado e vai xuntando cabos para descubrir o entramado mafioso que está detrás.

                     Aquí, nesta personaxe de “Vagalume”, cómpre deterse un intre. “Vagalume” é un xornalista insubornábel, libre, que leva unha vida de falsa bohemia. Falsa bohemia porque non resulta difícil asimilar o seu modo de vida á bohemia, porén, o que fai é reflectir o modo de vida dos xornalistas nos nosos días, dos xornalistas que non se deixan comprar polo capital e malviven malpagados, cousa que si fan os medios de comunicación e que condiciona absolutamente para que estes medios só conten “ a verdade que lle interesa ao capital”. Hai aquí un enforntamento entre ricos (as mafias, os políticos) e pobres (o xornalista) que non debe pasar por alto, e, no cal enfrontamento é o pobre xornalista quen se identifica coa noción do “ben” mentres os mafiosos e políticos son o “o mal”.

                     Xa dixemos que chega un momento onde o maxistrado se erixe en único e omniscinte (na súa calidade incorpórea) narrador. E como tal ten que dar conta de como esas mafias, aliadas con políticos, tamén “traballan” a corrupción urbanística mediante e recualificación de terreos rústicos a urbanizábeis. Neste momento, cando o relato se move nos parámetros económicos, a trama perde un chisco de intensidade, vólvese menos concreta. Polo demais, esta novela, que estaba chamada a ser unha das estrelas da primavera pasada, as circunstancias sociais que estamos vivindo pola covid-19 fan que sexa, sen dúbida, unha das estrelas novelísticas deste outono e deste Nadal.

                     Luís Manuel García Mañá consegue unha aliaxe entre novela realista e novela negra que funciona ben. Ollo que dixemos “novela realista”, porque non cabe dúbida de que tramas con este tipo de corrupcións e extrosións son ben reais, tanto que xa pouco nos inmutamos cando nos chega a noticia. Por iso, novelas como esta son imprescindíbeis á hora de cocienciar á sociedade da gravidade deste tipo de actos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido