crítica de HISTORIAS (IN)CERTAS, de Ramón Caride, en Embora

Porxmeyre

20/03/2020

OS RELATOS RESCTADOS DE RAMÓN CARIDE

Título: Historias (in)certas

Autor: Ramón Caride

Editorial: Embora

Ter nas mans un libro de relatos sempre asegura variedade temática e mesmo formal moitas veces, polo que para o lector ou lectora é sinónimo de festa rachada, sobe todo para @s que pensamos que nas distancias curtas é onde mellor se decanta e goza a calidade literaria. E, se, ademais ese libro vén asinado por Ramón Caride, moito máis. Porque o de Ramón Caride é o dun dos autores consagrados e referentes da narrativa actual. Consagrado xa non só polos premios que acadou (Blanco Amor, Café Dublín,, Risco, Lueiro Rei, Templis, Merlín, González Garcés ou Frei Martín Sarmiento, que nos veñan á memoria) senón pola disfuión que acadaron proxectos narrativos seus, como a serie Perigo vexetal,que se converteron en referente para a rapazada non só pola calidade narrativa senón tamén pola preocupación medioambiental que caracteriza moitos discursos de Caride e que tan necesaria é. E referente porque a súa é unha voz narrativa moi singularizada, “dun realismo tenaz, minucioso” (como salienta Xosé Miranda na contracapa) e nós engadiriamos que sorprende por estar moi ben informado. Por non falar da súa poesía (cuxos premios incluímos arriba), que hoxe tocan relatos.

                     Tocan relatos ou historias (in)certas, é dicir, textos que se inscriben no realismo e non só no realismo, que o realismo pode ser pura ficción, senón que se trata dun realismo que nos achega historias que foron ou puideron ser certas, verificábeis. Evidentemente tamén se trata dun xogo co lector ou lectora, propoñéndolle que tome en serio os relatos e mesmo que, se se decide, probe a adiviñar cal ou cales teñen máis visos de certidume.

                     En realidade trátase de sete relatos, todos adscibíbeis ao realismo, para min un realismo un tanto nostálxico por canto tenden a siturse no pasado, efecto que salienta a distancia destes sete relatos cos últimos que lemos de Ramón Caride ( a serie Endogamia, Singamia, Exogamia) que se sitúan na máis rabiosa actualidade e presentan ese narrador tan ben informado que sempre sorprende. Entre estes relatos atópase “South Star”, premiado no Roberto Blanco Torres de 1999, como se le da advertencia inicial do autor, que engade que no volume tamén se atopan outros relatos seus editados previamente noutras recompilacións hai tempo descatalogadas. É dicir, que este libro tamén nos achega relatos xa de imposíbel acceso de non ser por esta edición en Embora. Mel nas filloas, sempre que recuperamos literatura de difícil ou  imposíbel acceso.

                     Dixen que  para min é un realismo un tanto nostálxico, mais iso non quere dicir que os temas tratados non teñan un interese actualizado, que non teñan interese desde o punto de vista actual. Poñamos como exemplo o primeiro, “Escola Secundaria” no que se tematiza que é a literatura e para que serve (escribir e ler) a través circunstancia de que un escritor teña que impartir unha palestra a alumnos de español mais que pouco coñecen da literatura española. Estes relatos tamén contan varias historias de amor, como a que se reconstrúe en “Carta a Suíza”, como a preciosa e breve “Era abril e chovía”, tamén camiña por aí a tamén breve “Nos teus ollos”, ou a derradeira “Viaxe de volta” onde o destino ten preparado ao protagonista un deses agasallos que acontecen por puro azar (e que tamén existen, porque tamén existe o azar, supoñan unha “viaxe de volta” ao pasado ou supoñan un punto de inicio).

                     E tamén de amor fala unha das que nos quedan, “Tempo fuxido”, non é que sexa o tema central mais non deixa de estar presente neste relato que nos leva aos tempos do ensino, á nenez, a aquel ensino onde “a letra con sangue entra”, onde o galego estaba proscrito e aprender cousa de tenacidade e obediencia, disciplina. E, naturalmente, o premiado, “South Star”, que tamén é, seguramente, o mellor relato, ou, polo menos onde máis oficio narrativo ten que empregar o autor porque se trata dun relato onde o suspenso da trama está moi ben logrado deica chegar a un remate sopresivo. É este, ademais, un relato que nos devolve a unha xeografía presente noutros traballos de Ramón Caride: A Pampa arxentina. Do mesmo xeito que outros relatos nos sitúen en Ourense ou noutro deses territorios a que Caride nos ten afeitos: Louzós.

                     Eis, pois, unha magnífica oportunidade para disfrutarmos da narrativa breve dun dos autores máis importantes da nosa literatura actual. Relatos que, para alén da súa extensión, están sempre magnificamente construídos e nunca deixan de emocionar. Porque a literatura tamén é iso: emoción. Non perdan esta ocasión de recuperar uns relatos que doutra maneira xa non serían accesíbeis.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content