A MATERIA DA VIDA
Título: Entrecontar
Autora: Iolanda Aldrei
Editorial: Através
Non hai pregunta máis trascendente que esta: de que está feita, cal é materia que compón a vida? Porque a vida ha de ser algo máis que estar de pé, desprazarse e ir mercar ou traballar para satisfacer necesidades básicas ou perder o tempo en lecer inútil (máis consumo a conformar conciencias do pracer inmediato inmediatamente perecedeiro). Pois ben, a esta pregunta responde Iolanda Aldrei neste Entrecontar, a súa última publicación. E responde a esta pregunta sen formulala, que é o máis interesante, e que é o máis intelixente sinxelamente porque a xente non está habituada a formularse ou atender preguntas tan trascendentes e de fondas implicacións. Mais, ás boas lectora e lectores, ha de lles resultar apaixonante e atraente, ben seguro.
Describir a estrutura desta nova achega de Iolanda Aldrei non resulta difícil. Trátase dun libro de narrativa no que se vai “entrecontando” do seguinte xeito. Primeiro aparecen os “Contornos”, entre narrativos e reflexivos, que operan como unha presentación ou primeira aproximación ao que ha de vir. E o que vén son diferentes voces, non imos desvelar o seu contido, simplemente indicar que “contornos” e “vozes” chegan momentos en que se imbrican moito máis do que en principio parecía que ía acontecer. A todo isto cómpre engadir que, nunhas palabras preliminares, Iolanda Aldrei sinala a vida (a vida e as persoas) como un labirinto, e no labirinto son os contornos, as marxes, a única posibilidade de guía de que dispoñemos. Estes “contornos” tamén resultan imprescindíbeis porque van seguidos dunha pluraridade de voces que non atenden nin responden a ningún eixo ou ancoraxe temporal nin espacial.
Ben, isto de que non responden a ningún eixo ou ancoraxe espazo-temporal, temos que aclaralo. É certo que esas voces proceden de diferentes tempos cronolóxicos e mesmo espaciais. Mais non de todo. Non se temos en conta que o espazo e tempo, no noso interior, na nosa mente e sobre todo no noso corazón, se amalgaman de tal xeito que só existe un plano espazo-temporal no que se manifestan, porque se manifestan “cando queren” (nós non sempre temos a capacidade de chamalos, de apelalos; e cando o facemos dá igual). Falamos de lembranzas, de emocións, de lendas, de realidades que foron, inclusive de posibilidades de futuro. En fin, falamos da materia que en realidade conforma a vida. Porque sen esta materia vital, o existir non pasa dun tempo baleiro e intrascendente no que non existen diferenzas substanciais entre as diferentes personalidades que somos, só unha uniformidade que varía de indumentaria ou “forma material”.
Tamén hai que indicar que Iolanda Aldrei non concibe o eixo espazo-temporal como unha encrucillada de liñas nun plano. Senón como unha espiral. Novidade importante. Porque ao ser así, as voces poden case tocarse, ou polo menos sentirse próximas xa que, a fin de contas, a vida é o mesmo labirinto e nós, os habitantes do labirinto somos máis que realidades ou formas materiais. E é nese “ser máis” onde radica a materia da vida, o que nos move por dentro e o que conforma as nosas personalidades, como dixemos, lendas, emocións, percpecións, soños…
Lendas, emocións, percepcións, contos, soños…parecen e son lugar axeitado no cal tamén se manifeste a poesía. E así é. Hai poesía, hai lirismo nestes relatos de Iolanda Aldrei, unha poesía que, sen abusar da súa presencia, chega moi dentro; resulta imposíbel ler os relatos sen experimentar a necesidade de “ensoñación” que se produce tamén cando lemos poesía, unha epifanía moi semellante. E, á vez tampouco se pode esquecer a compoñente humanística nos relatos de Iolada Aldrei, nos relatos na mesma concepción que os materializa.
Por certo, se alguén acha algunha similitude entre o que vimos de escribir e o mundo literario de Álvaro Cunqueiro, que saiba que non é casualidade, do cal nos congratulamos, e que saiba tamén que o escritor de Mondoñedo é unha das personaxes destes relatos.
ASDO.: Xosé M. Eyré
Feliz de encontrar esta crítica, repleta de sensibilidade e inte-ligência. Grata sempre.
Un pracer lerte, Iolanda…
Aperta de Terra.
Beizón, I R