CORPO, NA NODA
Título: Corpo
Autor: Antón Lopo
Editorial: Xerais
Cada vez que un ten coñecimento dunha nova manifestación literaria de Antón Lopo, contráese e expándese nun horizonte de espectativas que nunca o defraudan, porque o xenio creador do monfortino é tan iconmensurábel, rico e novidoso que garante sempre subliminalidade expresiva e cerna reflexiva que nunca deixan indiferentes. Xa sexa isto na plataforma libresca do poema, na fronteira poética do performer, ou na oralidade sentida do verso. Porque Antón Lopo é poeta/explorador sempre na fronteira, sempre na marxe, sempre na esencia última, nos contornos que nos definen e encerran, nos bordos que nos prolongan. Corpo, o seu último poemario, merecente unánime do Lueiro Rey de poesía 2018, é outra boa oportunidade de achegarnos a esa poesía escindida dun humanismo irrefutábel e comprensivo.
Precisamente “Escisión” é o poema que abre o libro, a escisión como motor da vida e da poesía, porque de todas as escisións que nomea a cuarta e derradeira é a que escribe. Unha escisión que dá paso a dez poemas sen título, breves mais rotundos, fronte á imposibilidade mais a necesidade de nomear o mundo, a colisión ou o destempo, a disolución, a orografía biolóxica, a mirada, o corpo que comparte, sen medo, a a sombra vibrante, e o amor, sempre o amor, ese motor de vida, pero só a escuridade cauteriza (18). Rematados estes dez poemas, breves e aguilloantes, o susurro misterioso do mundo, que é aí onde sobrevivimos reclama un monte comunal de sombras e dor, que se desdobra nas cicatrices e a certeza de ardeu algunha vez toda a estrutura do edificio. Non, non é esta unha poesía compracente senón desacougada, nacida nas estremas do ser. Estes poemas son cápsulas de enxeño e beleza escindidas da reflexión comtemplativa dunha vida que é travesía, que é experiencia e polo tanto un cúmulo de rupturas, de silencios e de abismos en que a voz poética se desdobra e concibe como sanadora das feridas sen cicatriz, como explosión ou como plenitude.
Logo chegan os “Intervalos”. A noda. A noda é ese espazo que hai ente a onda a a area da praia. Prolongación ou preludio. Mentres somos e deixamos de ser. O poema muda de forma, retórcese sobre si mesmo nesa ansia de procurar, de explorar, de expoliar (polo tanto), e apalabra parece que atopa a plenitude no intervalo, ese lugar de preguntas trascendentes onde o obvio é o límite interno do descoñecido (33) e é tamén un lugar onde preguntarse pola poesía, en realidade, neste ou noutro título, os versos de Antón Lopo sempre son tentativas de indagación metapoética, e aquí non ía ser menos, con menor ou maior intensidade esa procura das fronteiras do expresábel, da beleza nas súas marxes, isto ten o seu de introspección, de ollos voltos cara o interior no afán de darse enteiro, de compartirse onde o amor é axente sandador (outra vez). Son, en realidade, oito poemas, oito tentativas de indagación. E esta fórmula, esta necesidade, esta circunstancia de o poema se multiplicar, ou de o poema se escindir, vai reproducirse máis adiante segundo vaiamos lendo, segundo vaiamos admirando un poemario limpo, intenso, trascendente, que foxe da realidade fixa e inamobíbel. Porque esta poesía está elaborada con tanto mimo, con tanto coidado, con tanta precisión formal e con tanta fondura e inquedanza temática, que resulta complicado pasar folla sen admirarse con cada novo verso.
Na noda todo é e deixa de ser. Esa estrema fantasmagórica que non só é espacial senón que atinxe tamén dimansión temporal. En defintiva, un lugar onde preguntarse polo real, por cales son as nosas superficies de contacto co real, onde pulsar a verdadeira expresión da sombra como prolongación, como límite e intersección. Ou os pasos, as pegadas na area mollada, esas testemuñas onde aínda permanecemos cando xa non estamos, cando xa só somos memoria en calquera estado físico ou psíquico posíbel. Que, a fin de contas, o corpo é iso, memoria de experiencias e apetencia de expresión do noso interior. O corpo é iso, a noda, a intersección, a confluencia, a escisión. Lembremos que xa no poema introdutorio a voz poética anunciaba que quen escribía era unha escisión. E diso, do poema como escisión poderiamos agora comentar a eito, porque dá pa iso. Mais do corpo e do poema, da orixe do poema, do poema en si, da súa disolución, mesmo do poeta como instrumento do poema, ocúpase Antón Lopo en “A costelación”, outro poema que son oito tentativas, oito achegamentos, oito certezas e oito dúbidas. A iso, aos significados e residuos da escrita volverá en “Solvente volátil”, e non rematará sen preguntarse polo corazón ou mesmo pola estrañeza da propia alteridade, como un pode deixar de ser un. Pola noda.
ASDO.: Xosé M. Eyré