NOVELA PARA ATOPARSE
Título: Carrusel
Autora: Berta Dávila
Editorial: Galaxia
Dicía un escritor portugués, do que non lembro o nome, falo de mediados dos oitenta, nunha entrevista para o Jornal de Notícias, que o escritor, cando escribe, vaise escribindo. E con toda razón; xa sexa poesía, teatro, narrativa…o escritor ou escritora vai deixando pedazos de si en cada obra, para o que utiliza como mensaxeiros aos narradores/narradoras ou ás personaxes. En todo caso, Berta Dávila, neste Carrusel co que gañou o García Barros 2019, cremos que escribe para encontrarse. A novela conta a historia dunha escritora en plena crise de creación, que se ve obrigada a reformularse a súa relación coa vida, coa familia e consigo mesma como autora. A mesma Berta Dávila falou desta novela en clave de autoficción, e, se ela o di, quen vai haber que llo negue, pois ninguén coma ela sabe o que na novela hai de vivido e de ficción. Desde logo, esta escritora en crise que protagoniza a novela é un bo instrumento para repensarse a si mesma dentro do eido da ficción, porque o que se conta é ficción. Ou non todo, porque a autoficción non ten un estatuto claro e, malia escribrise moito sobre o tema, desde G. Genette a Vincent Colonna ou Alberca. Móvese no eido da incerteza esa confabulación de pactos lectores, o da autobiografía e o da ficción, como o propio carrusel que dá título a esta novela. As cousas van desfilando diante dos nosos ollos intermitentemente, e , nesa intermitencia rematan por se repetir. De aí o título.
Mais, para alén da peripecia a redor da escritora protagonista, desde o seu “regreso” á infancia até as relacións que mantén sobre todo coa avoa Úrsula e co tío Carlos, a novela é moi rica no pensamento que esta vai deixando nas súas páxinas. E dinámica, non se esqueza. Pois desde a singularidade dos números perfectos, o misterio das matemáticas, comeza a “empregar a escrita como método para peneirar a realidade” (28), unha vez que xa nos confesara que a lingua é a única terra na que meteu as mans, e a escrita ten algo de parecido a desprenderse, por iso a escrita da novela é o lugar onde se busca. A escritora ( a autora) sente que a diferenza non é, igual có silencio, unha derrota e mesmo fala de construír muros no mar, e decátase de que escribe para coñecer a infinidade do mundo (43). Esta condición de senlleira faina sentir que ela non é coma a xente normal, recoñécese neurótica (se cadra esa é razon pola que é escritora) e escribe coa lóxica da neurose. Mais ese carácter de ser diferente, mesmo o feito de estar enferma ou de “ser doutro xeito” non se ve como un atranco senón que é algo desde o cal ela toma pulo, algo que lle dá forzas na súa auto-esculca.
Nestas, cheagan ao texto os automatismos para ser feliz, e tamén, unha vez que se sabe embarazada, a necesidade de comprenderse para explicarllo ao seu fillo, tirando forzas da súa propia fraxilidade. Fagamos aquí un inciso para indicar que a novela (breve) por veces amosa un innegábel pouso poético, na expresión, na concepción, e non só na súa brevidade ou concisión. Pouco a pouco, a escritora vai vencendo obstáculos na decisión de construír (coa palabra), no pulo por descubrir a beleza, e decatándose de que “ o amor, cando é de verdade, é sempre imprevisíbel” (87). Nestas, ingresa no hospital, na unidade de Psiquitría, e decátase de que a identidade é unha suma de fragmentos, e tamén un xogo de aparencias, ou que a escrita (agora) é unha tentativa xa non de encontrarse a través da palabra senón de conservarse. Por fin ten un fillo e volve aparecer a imaxe, o símbolo do carrusel, así como as cicatrices, que tamén son marcas, que tamén son orixe e finalidade da escrita, manifestacións da escrita. Para, desde aí, chegar a algo tan coñecido como é a literatura como disfrace, como xogo de aparencias. E ímonos achegando ao remate, onde conclúe que “ a única razón para comezar unha novela é o amor” (118) e que a literatura non é un destino senón unha escolla.
Velaí, sinteizado, o percurso dos achados da escritora protagonista ( e da autora). O percurso evolutivo dunaha novela que remata de xeito moi enigmático. A escritora confesa que o tío Carlos lle pediu que escribira unha novela sobre os mortos, e di literalmente “Aquí está” (121). Dá para pensar, e para reler a novela fixándonos especialmente nas personaxes que morren, sobre todo na avoa Úrsula e o tío Carlos. Mais non só.
Neste punto, seguramente haberá moitos lectores ou lectoras que pensen nunha relectura de O último libro de Emma Olsen en clave de autoficción. Naturalmente é unha posibilidade, case unha esixencia, que excede a dimensión destas liñas nas que, pola contra, queremos lembrar que tamén esixe, pide a berros, unha lectura comparada entre esta escritora en crise e o Adrián Solovio de Otero Pedrayo, pois ambas personaxes son personaxes de autoficción e manteñen unha procura que é importantísima para súa vida. Son dúas novelas moi diferentes. Son dúas personaxesmoi diferentes, mais a lectura de Adrián Solovio en clave de autoficción é tremendamente atraente. Polo demais, non se esqueza, esta novela de Berta Dávila tamén é unha novela desas chamadas de aprendizaxe. De feito a novela é o camiño da aprendizaxe da escritora protagonista e tamén da autora.
É agora o momento de comentar que na novela se menciona a varios escritores: Tenesse Williams, Cortázar ou Borges. Tamén o cinema: Bambi. E moita música:Patty Pravo, Joni Mitchell, a banda sonora de Love Story, Billie Holiday ou Mozart. Como decorado literario, cinéfilo ou musical, dunha novela que presenta símbolos importantes, como é o caso do “avó inventado”, da mai como “casa”, do xiro e da ambiguidade do mundo. E un sobre calquera outro: a Alicia de Lewis Carrol, pois a propia escritora non deixa de sentirse como esa Alicia traspasando o espello, mais é unha Alicia a quen Carrol impele a traspasar ese espello.
Eis, pois, unha novela conceptualmente rica. Rica e evolutiva, como tentamos demostrar, na que a peripecia da escritora parece o de menos e non é para tanto. Ten a súa importancia, porque nela se reproducen situacións que a autora viviu ou padeceu. De aí aquilo da novela como autoficción. Si, ten a súa importancia, mais, fundamentalmente é unha novela chea de metaliteratura, un río de reflexións onde atoparse a escritora protagonista e a propia autora. Sinxelamente, novelas deste calibre metaliterario, autoficcional, son rara vis na nosa literatura. Iso sen que lle esixamos que a novela, aínda por riba, estea ben escrita, pois Berta Dávila ten moito talento para escrita ( tanto dá poesía como narrativa) e leva tempo demostrándoo. Talento, esa palabra que ultimamente se di (escribe) tan pouco. E Berta Dávila sóbrealle; unha vez dito iso, o tema de que escriba non importa nada, nada.
Deste xeito, despois de que o ano pasado o fixera Ana Cabaleiro, e antes Anxos Sumai e María Gándara, convértese na cuarta muller en levar o García Barros, un galardón que, malia todo, segue sendo dominado por nomes de varón.
ASDO.: Xosé M. Eyré
[…] quen queira ler novela pero de escrita feminina será Carrusel, de Berta Dávila. Como no anterior caso, hai moita literatura nas súas páxinas, e literatura da […]