crítica de CANTAR DE CORPOS (Correa Corredoira, Baía Edicións)

Porxmeyre

27/03/2019

POESÍA ERÓTICA DE CORREA CORREDOIRA

Título: Cantar de corpos

Autor: Correa Corredoira

Editorial: Baía Edicións

Está con nós desde o principio dos tempos, a literatura erótica. Porque o sexo sempre foi e será unha das actividades máis pracenteiras e trascendentes que ten ao seu alcance o ser humano. Non en van é a única actividade que nos pode procurar descendencia. Por iso sempre estivo interferida pola relixión. Nuns casos porque era considerada actividade ligada á fertilidade, ao culto á fecundidade, un transo entre o divino e o humano que proporcionaba enorme pracer. E noutros casos porque a relixión exerceu censura sobre todo o que tivera que ver co sexo, condenando a literatura erótica ao ostracismo da clandestinidade. Aínda así, malia a clandestinidade, a literatura erótica nunca deixou de manifestarse, de existir. Hoxe vivimos uns tempos onde a crise de valores relixiosos abriu a porta a que a literatura  erótica se manifeste con liberdade. É algo que gañamos. Non hai moito escribiamos nesta Ferradura sobre o que a literaura erótica en galego debe ás “Narrativas Quentes” de Positivas (na prosa) e ao Illas Sisargas (na poesía). Todo isto deixando ben claro antes de nada que @s autores/autoras tamén poden manifestar a súa escrita erótica sen concorrer a ningún premio. Todos lembramos e celebramos, por exemplo, o caso de Lupe Gómez, que desde o seu Pornografía veu sendo autora moi proclive a tratar este tema.

                     Moito menos coñecido como poeta que como pintor, Correa Corredoira ten na poesía a súa primeira meta como artista, a súa primeira vocación. El, o primeiro que quixo ser foi poeta. E poeta é, que nos deixou Os días adiados (2009) e Resina de poliéster (2013), sendo este o seu terceiro poemario. Un poemario erótico que non é nada rebuscado, que foxe de quintaesencialismos e que se manifesta natural e necesario como a vida mesma, como o respirar, e que a distancia non consegue vencer senón todo o contrario. E tamén por iso fermoso, con doses de sensualidade que desemboca no necesario erotismo, que é un cantar de corpos e quen queira que vexa no título unha reminiscencia do bíblico “Cantar dos Cantares”. Quen queira, mais xa advertimos que, aínda habéndoas, non é este un poemario na busca e captura de referencias cultas que lle dean corpo e altura á súa expresión. Aínda que as haxa, dicimos, non cómpre esquecer que o poemario comeza cunha lembranza de Safo, e que hai alusións ao cinema, a pintura, a música, a escultura, a danza, a literatura, ou a arquitectura. Todo isto ben daría para falar dun poemario híbrido, trenzado doutras artes, mais non é así, esas referencias son mínimas nun poemario extenso como é este de Correa Corredoira.

                    E tampouco é ningún poemario falocrático por moito que o autor sexa do sexo masculino. En realidade, as zonas eróxenas citadas son ben abondosas e variadas, desde o nariz aos pés sen esquecer a entreperna. O resultado é un canto aos corpos que se lamben, que se tocan, que se fan estremecer, que non está desprovisto de sensualidade (xa o dixemos), de claros, de escuros, de colorido, de natureza ou mesmo de política e amor. Rico e variado na expresión de lances eróticos que tampouco se repiten e que a voz poética os necesita para fuxir da soidade, para sentirse enteiro e correspondido. E eses lances van desde o pracer carnal solitario, á lembranza do encontro sexual, o desexo dun novo encontro e a materialización dese encontro nuns textos de ritmo elevado, de verso curto e que non esquecen aludir aos entidos (olor, gusto, tacto…).

                     Por suposto, o de Correa Corredoira é un canto de celebración, un canto da vida, da vida en comuñón, da vida gozada mais dunha vida na que non está ausente o desamor, a dolor, a ferida. Porque tampouco é un poemario de textos idealizados, falsos. Máis ben todo o contrario, máis ben é un rosario de experiencias para as que non se buscou nigún tipo de imaxinería que fixera desaparecer a súa natureza real. E ese é o seu poder, a súa forza plástica e natural. Como todo poemario erótico, moi atento á descrición física do pracer. Mais, tamén o dixemos, á vez sabe ser sensual e non esquece que a beleza tamén algo que se porta no interior: fásteme bonita / porque o es por dentro (91).

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido