VIVINDO COS OLLOS ABERTOS
Título: As superviventes
Autor: Ramón Caride
Editorial: Xerais
Vivir cos ollos pechos é moi sinxelo. Vivir ollando para outro lado da conflitividade social, tamén é moi sinxelo. Vivir cos ollos abertos esixe compromiso, compromiso que se manifesta na indignación por todo o que sexa inxusto, por todo o que altere a condición humanística do propio ser humano. Indignación que se debe manifestar a través dos medios de que mellor un dispoña. Neste caso, Ramón Caride opta por usar a literatura, e a literatura agradecerallo e a sociedade agradecerallo, e quen lea agradecerallo.
Ten dito o autor, nas redes sociais, que esta novela non se parece en nada ao que anteriormente tiña escrito. E quizá sexa certo. Mais puntualizando. Por sinal, a literatura de Ramón Caride sempre foi concebida para “facer pensar”. Iso como mínimo. E, neste caso tamén, o que acontece é que agora transcéndese a fronteira do “facer pensar” elevándose na escala de indignación até demandar que quen le actúe. Na súa literatura non é nada novo a “denuncia social”, mais neste caso estamos diante dun discurso realista a máis non poder, entendendo por iso (o realismo non é tampouco nada novo na súa escrita, aínda que pareza distópico ás veces) que o que se denuncia o atopamos día a día nos noticieiros, conformándose como unha realidade na que só mudan os nomes das vítimas e que aínda non logrou unha resposta social acaída á súa gravidade.
No que atinxe ao enredo, o propio Caride ten comentado que nunha viaxe caeu nas súas mans un fanzine que trataba o tema da adición aos ansiolíticos, era dunha supervivente. Á iso sumaríanse as superviventes das agresións machistas. Desde este fío foise tecendo a novela de que tratamos, e que presenta un enredo no cal tres mulleres afoutas coinciden nunha sala de agarda do CHUS, tres veteranas no que son as agresións físicas, sociais, farmacolóxicas; valéndose desas tres mullers, Caride afonda en temas pouco frecuentados pola narrativa galega, como son os casos da demolición dos prototipos de xénero, e construción da identidade social e afectiva.
A técnica narrativa empregada é múltipla e complementar. Desde os fragmentos dun diario ( de Xanax, unha das protagonistas, cuxo nome tamén é o dun medicamento) a unha entrevista ou a redes socias (Wattsapp), unhas notas sobre o Estradiol (outro fármaco), novas na prensa escrita…sempre coa esixencia de dar voz ás vítimas e poñer no seu lugar os abusadores, eses que no seu desvarío mesmo chegan a facer pasar por culpábel a quen foi vítima de maltrato machista a eles e a quen consente ou ten ouvidos xordos cando se denuncian feitos desta calaña.
Dito isto cómpre salientar non só a complementariedade para facer avanzar o enredo, o cal, en si, xa resulta dun traballo narrativo máis que notábel. Ao noso ver ese desempeño narrativo onde brilla especialmente é nos fragmentos das redes sociais, que sempre logran sorprender e dan moito en que pensar e repensar. Sen que isto faga de menos calquera das outras técnicas empregadas nun discurso onde o fragmentarismo é o alicerce desde o cal se consolida o enredo. Da multiplicidade nace a unicidade. Digamos tamén que este fragmentarismo non é unha ferramenta narrativa escollida sen posuír unha poderosa razón. Sendo esa razón que, desa maneira fragmentaria, nos van chegando as novas, sobre todo as denunciadoras do acoso e maltrato machista, pois no relativo ao aspecto farmacolóxico son ben menos frecuentes, así como no caso da construción sexual (agás algúns discursos feministas), construción ou reconstrución, pois obedecendo os roles sexoafectivos a un construto social, neste caso trátase de quebralos e re-construír unha nova identidade acorde á personalidade real e non a aparente.
Como sempre, Ramón Caride achéganos asuntos da máxima actualidade, e coa calidade literaria que o caracteriza desde sempre como unha das autorías máis solventes do noso panorama literario.
Desfruten da lectura. E, como aconsello sempre,non merquen só un libro para vostedes, merquen outro máis para obsequiar.
ASDO.: Xosé M. Eyré
(Membro da Asociación Galega da Crítica)